Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 02 de febreiro de 2000 Páx. 1.372

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 25 de xaneiro de 2000 pola que se regula o procedemento de selección para a contratación de expertos para a realización de accións de formación ocupacional.

Polas bases das convocatorias dos anos 1994 e 1995 e pola Orde do 30 de outubro de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 228, do 24 de novembro) regúlase a elaboración do catálogo de expertos da Xunta de Galicia en materia de formación profesional ocupacional para a impartición de accións formativas nos centros de titularidade da Administración autonómica.

Na base sétima, que regula o réxime de contratación, establécese que o contrato terá carácter administrativo.

Tendo en conta que estes catálogos son insuficientes, tanto polo número de expertos incluídos neles como polo número limitado de especialidades, considérase necesario proceder á cobertura das necesidades do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional a través dunha contratación laboral.

A relación xurídico-contractual dos expertos para a impartición dos cursos do Plan FIP coa Administración será laboral a través do correspondente contrato por obra ou servicio determinado.

E para tal efecto cómpre manifestar que a comisión paritaria de interpretación e vixilancia do convenio, con data do 29 de outubro de 1999, acordou a exclusión dos denominados expertos docentes do ámbito de aplicación do III convenio colectivo único da Xunta de Galicia, e do sistema de listas.

Consecuentemente co que antecede, consultado o Comité Intercentros, e no exercicio das facultades que teño atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto desta orde é regula-lo procedemento de selección da contratación dos expertos para a realización de accións de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en centros ou en equipos móbiles, sempre e cando non exista, non estea dispoñible ou sexa insuficiente o persoal ó servicio da Administración ou o do catálogo de expertos de formación ocupacional.

Artigo 2º

1. O sistema de selección será o establecido no artigo 7º desta orde.

2. Para os efectos da valoración dos candidatos, constituirase en cada delegación provincial unha comisión de selección integrada por representantes da propia delegación e por representantes dos traballadores.

3. A comisión de selección estará presidida polo delegado provincial ou persoa en quen delegue, actuando como secretario un técnico da delegación provincial correspondente. Os vocais serán un técnico da delegación e dous representantes dos traballadores designados por estes.

Os delegados provinciais e os representantes dos traballadores poderán designar substitutos nos casos de ausencia dos membros da comisión anteriormente mencionados.

4. Á dita comisión de selección poderanse incorporar asesores especialistas para os supostos nos que fosen necesarios.

Artigo 3º

Nas convocatorias, que deberán realiza-las respectivas delegacións provinciais, incluiranse, en todo caso, os seguintes extremos:

-Número de prazas ofertadas e requisitos que deben reuni-los aspirantes para participar no proceso selectivo correspondente.

-Sistema de selección e, de se-lo caso, forma, lugar, día e hora de desenvolvemento da proba prevista no artigo 7º.3 desta orde.

-Baremo de méritos aplicable.

-Composición da comisión de selección.

-Prazo para a presentación de instancias.

Artigo 4º

Poderán participar nos procesos selectivos de referencia as persoas que, atopándose en situación de activo ou de desemprego, reúnan os requisitos de titulación establecidos no artigo 7º desta orde.

Artigo 5º

Para os efectos desta selección, as delegacións provinciais solicitaranlle ó Servicio Público de Emprego un mínimo de tres traballadores por cada unha das vacantes que se pretenden cubrir.

Simultaneamente darase publicidade desta oferta a través dun anuncio nun dos diarios de maior tirada na provincia e exporase nos taboleiros de anuncios da delegación provincial correspondente e do centro de que se trate para os efectos de presenta-la solicitude, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

Artigo 6º

Os interesados en participar nesta selección deberán presenta-la súa solicitude, no modelo normalizado que se facilitará para cada convocatoria nas delegacións provinciais desta consellería, no rexistro das correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro.

O prazo para a presentación das solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte á publicación dos citados anuncios.

Estarán exentos de presenta-la solicitude os candidatos preseleccionados polo Servicio Público de Emprego.

Artigo 7º

1. Para poder participar nestes procesos de selección será imprescindible posuí-la titulación académica esixida nos correspondentes programas validados polo Consello Xeral de Formación Profesional ou, no caso de non existir eses programas, capacitación profesional equivalente na ocupación relacionada co curso.

2. Valoraranse como méritos:

a) Dous puntos por cada ano de experiencia na profesión de que se trate, segundo a especialidade convocada, ata un máximo de 10 puntos. Só se terá en conta a experiencia profesional acadada nos últimos 5 anos.

b) Un punto por te-lo curso de metodoloxía didáctica previsto no Decreto 424/1996, do 21 de novembro, polo que se regula o Plan Autonómico de Formación de Formadores de Formación Profesional Ocupacional.

c) Valorarase a experiencia docente, de acordo cos seguintes criterios:

-0,25 puntos por cada curso impartido en calquera especialidade.

-1 punto por cada curso impartido na especialidade de que se trate.

Esta letra c) valorarase ata un máximo de cinco puntos, así mesmo e para estes efectos teranse en conta soamente aqueles cursos nos que o interesado impartise un mínimo de 100 horas.

d) Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado):

-En grao de iniciación: 0,50 puntos.

-En grao de perfeccionamento: 0,75 puntos.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do coñecemeneto do galego se refire, ós cursos ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Potestativamente na convocatoria para as prazas que polas súas características así o exisan, e debidamente xustificado, poderáselles esixir ós aspirantes a realización dunha proba práctica sobre as funcións propias da acción formativa que se vai realizar, sendo necesaria a cualificación de apto para ser contratado.

Artigo 8º

A comisión de selección resolverá as solicitudes e elevará a proposta ó órgano de contratación.

O resultado da selección será publicado no taboleiro de anuncios da delegación provincial e no centro correspondente.

Artigo 9º

As contratacións, que terán carácter laboral, faranse na modalidade de obra ou servicio determinado e polo período da acción formativa que se trate.

Artigo 10º

As retribucións para a impartición das especialidades serán as establecidas no módulo A da valoración dos cursos do Plan FIP reducido nun 15%. Enténdese incluído nesta cantidade o importe da cota empresarial á Seguridade Social que corresponda por cada contrato.

Disposición adicional

Desde a publicación desta orde o persoal incluído nos diferentes catálogos de expertos rexerase en canto á modalidade contractual e retributiva polo disposto nesta orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os contratos administrativos que estean vixentes no momento da publicación da presente orde rexeranse polo mesmo réxime xurídico que tiñan, ata o seu remate.

Segunda.- O curso de metodoloxía didáctica valorarase como mérito ata que non se esixa con carácter obrigatorio.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as bases sétima e novena das bases das convocatorias dos anos 1994 e 1995 e da Orde do 30 de outubro de 1998 pola que se regula a elaboración dos catálogos de expertos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o secretario xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas respectivas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta norma.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude