Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 01 de febreiro de 2000 Páx. 1.307

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Almacenes, Servicios y Recuperaciones, S.L. (Alservi, S.L.)

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Almacenes, Servicios y Recuperaciones, S.L. (Alservi, S.L.), con nº de código 3603222, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-12-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal con data do 17-11-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreeto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 15 de decembro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Almacenes, Servicios y Recuperaciones, S.L. (Alservi, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regulará as condicións mínimas ás que se haberán de axusta-las relacións laborais e económicas de Alservi, S.L. e o seu persoal e que se rexen pola normativa contida no vixente Estatuto dos traballadores, as súas disposicións de desenvolvemento e o propio convenio colectivo.

Afectará o persoal que actualmente preste servicios na referida empresa no seu centro de Vigo e provincia, así como aquel que ingrese no futuro.

Artigo 2º.-Vixencia. Denuncia.

O presente convenio colectivo terá unha vixencia de tres anos entrando en Vigo a partir do 1 de outubro de 1999 e finalizando o 1 de outubro de 2002. Non obstante no ano seguinte prorrogarase cunha actualización do IPC do dito ano.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas aquí forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

Xornada: a xornada ordinaria de traballo establécese en 40 horas semanais de traballo efectivo en cómputo anual e non superior en ningún caso a 9 horas diarias.

Computaranse como normas extras as que superen as anteriores.

Horario: o horario establécese preferentemente desde as 22 horas do domingo ás 14 horas do sábado, en quendas rotatorias alternativas de 6 a 14 e de 14 a 22 horas.

A quenda de noite será de 22 a 6 horas para o persoal contratado especificamente para a dita quenda.

Descanso: terase dereito a un descanso semanal mínimo de día e medio que se desfrutará preferentemente o sábado pola tarde e o domingo, agás naquelas quendas que traballen os ditos días.

Nas xornadas continuadas superiores a 6 horas terase dereito a un período de descanso de 15 minutos que se contará como traballo efectivo. Nos traballadores desprazados ós centros de traballo das empresas clientes, respectando en todo caso o mínimo legal anterior procurarase que o período de descanso coincida co do persoal da empresa principal.

No centro de traballo de Alservi establécese un horario de 5.55 a 13.55 horas, de 13.55 a 21.55 horas e de 21.55 a 5.55 horas. O período de descanso fíxase ás 10 horas, ás 18 horas e ás 2 horas.

Estando distribuída a xornada por quendas, as partes pactan que por necesidades organizativas poderán ser cambiados os traballadores de quenda e de centro de traballo, excepto a quenda de noite que deberá ser pactada individualmente co traballador afectado.

O inicio do cómputo da xornada afectarase cando o traballador se atope no seu posto de traballo.

Artigo 5º.-Vacacións.

Dispoñerase de 30 días naturais de vacacións que se desfrutarán preferentemente no mes de agosto. Para a súa fixación seguirase preferentemente o criterio de desfrute delas polas empresas clientes nos centros das cales estean os traballadores desprazados ou que estean traballando nos seus productos.

Non obstante, se por causas conxunturais ou outras circunstancias a empresa se vise obrigada a paraliza-la súa producción, ben por avarías ou por ben falta de subministración de materias primas, orixinado todo iso por unha forza maior, a empresa poderá fixar outra data distinta de vacacións á arriba sinalada, logo do acordo cos representantes legais dos traballadores.

Artigo 6º.-Festivos.

Para a vixencia deste convenio establécense como máximo os festivos que con carácter nacional e autonómicos oficiais e locais fixe o calendario publicado no boletín oficial.

Artigo 7º.-Seguridade e hixiene no traballo. Saúde laboral.

É obxecto deste convenio promover entre o empresario e os traballadores unha adecuada formación e información en temas de prevención de riscos no traballo.

A empresa está obrigada ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, uniformes, etc., de conformidade coa Lei de prevención de riscos laborais.

No demais haberá que aterse ó establecido na mencionada lei e no seu desenvolvemento.

O incumprimento das normas de seguridade e hixiene por parte dos traballadores levará consigo no primeiro caso a amoestación escrita, se se é reincidente, a empresa sancionará co máximo rigor remitíndose en todo caso ó acordo de cobertura de baleiros que suple ó convenio.

Artigo 8º.-Recoñecemento médico.

A empresa está obrigada a solicitar un recoñecemento médico anual como mínimo.

Artigo 9º.-Incapacidade temporal.

No caso de baixas laborais estableceranse os seguintes puntos:

En tódolos supostos de baixa por enfermidade ou accidente xa sexa común ou laboral o traballador terá dereito a cobrar o 100% do soldo.

En caso de accidente laboral se a baixa comprende o período vacacional tense dereito ó desfrute do resto das vacacións non desfrutadas pola baixa se se obtén a alta dentro do ano soamente.

En caso de baixa por enfermidade ou accidente común non se ten dereito a desfruta-las vacacións se a baixa coincide co período vacacional.

Artigo 10º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, terá dereito a permisos con dereito a remuneración durante o tempo e os supostos seguintes:

-Por matrimonio: quince días.

-Por nacemento de fillo: os mesmos días de ingreso da nai ata un máximo de oito días naturais e un mínimo de dous.

-Por falecemento de muller e fillos : sete días naturais.

-Por falecemento de pais e irmáns: tres días.

-Falecemento de familiar de segundo nivel (avós, netos, sogro, xenro): un día.

-Enfermidade grave de muller, fillos e pais: dous días máis revisión polo comité de empresa e dirección dela.

-Traslado de domicilio: un día.

-Voda: o día da voda no caso de fillos, irmáns e pais.

-Morte de tíos: o día do enterro con xustificante.

-En declaracións no xulgado: saída unha hora antes de declarar e regreso unha hora despois de declarar con xustificante.

-O tempo necesario en caso de consulta médica, coincidindo o horario de traballo co da consulta médica, debendo presenta-lo traballador o volante xustificativo.

-Dous días anuais cun intervalo dun mes como mínimo sen xustificación pero con previo aviso do traballador á empresa e sen remuneración os ditos días. Non deben coincidir con máis do 10% dos empregados e non deben estar relacionados con pontes ou períodos de vacacións.

-Os traballadores, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, por vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

-Nos supostos de falecemento de familiares directos ou enfermidade grave deles, se o traballador necesitase facer un desprazamento fóra de Galicia, concederánselle 2 días naturais máis.

Artigo 11º.-Pezas de roupa de traballo.

O persoal obreiro percibirá unha funda de traballo que no caso do persoal feminino poderá, ó seu criterio, ser substituído por unha bata de traballo e un xogo de zapatos de seguridade dentro dos dous primeiros meses de cada ano natural. No caso do calzado de seguridade procederase á súa substitución cando a súa deterioración así o aconselle e de acordo co comité de persoal. A empresa dotará dun equipamento para os posibles traballos que deban realizarse á intemperie.

O persoal comprométese a mante-la roupa de traballo no mellor estado posible e coa maior limpeza, non estando autorizados ó uso dela fóra das actividades que realice por conta da empresa.

Artigo 12º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que por accidente de traballo, enfermidade profesional ou común de longa duración, con reducción das súas facultades físicas ou intelectuais sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupa-los postos máis aptos con relación ás súas condicións que existan na empresa sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 13º.-Pagamento de nóminas.

O pagamento de nóminas realizarase de forma mensual. Non obstante, o persoal poderá solicitar coa debida antelación anticipos a conta dos seus haberes devengados.

En canto á forma de pagamento haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º.-Complemento por traballos nocturnos.

Considerarase traballo nocturno o comprendido entre as 22 horas e as 6 horas da mañá.

Tódolos traballadores que teñan dereito a percibir suplemento de nocturnidade percibirán unha bonificación do 25% sobre o seu salario base.

Estes suplementos serán independentes das bonificacións que en horas extras lles corresponda.

Artigo 15º.-Categorías.

As categorías quedan fixadas da seguinte maneira:

-Peón: realizará actividades sinxelas de selección, verificación, ensamblaxe e recuperación de pezas, compoñentes e accesorios.

-Peón especializado: o anterior que ademais pola súa experiencia ten encomendadas as tarefas de explicarlles ós peóns as tarefas que van realizar.

-Encargado.

-Técnico.

-Responsable de calidade.

-Encargado xeral.

-Responsable de administración.

-Xerente.

Nas categorías sen definir remitímonos ó acordo sobre cobertura de baleiros.

No caso de que por necesidade do traballo sexa necesario crear unha categoría nova, esta será incorporada a este convenio como anexo de acordo co comité de empresa.

Artigo 16º.-Salarios.

Para o período de vixencia deste convenio, o incremento salarial será o da táboa anexa e este convenio.

Respectaranse as condicións económicas derivadas das condicións persoais do traballador.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

Como política da empresa realizaranse as mínimas horas extraordinarias posibles para cubri-las necesidades urxentes dos clientes non superando en ningún caso as 80 horas anuais e as estructurais que sexan en todo caso, imprescindibles. Polo que os encargados establecerán quendas de gardas que serán de obrigado cumprimento dentro dos máximos anteriores e sen prexuízo dos acordos de substitución que pacten entre si os operarios.

O valor neto delas será o seguinte:

-Hora normal de luns a venres: de 6 a 22 horas: 700 ptas.

-Sábado mañá: 1.050 ptas.

-Sábado tarde, domingos e festivos: 1.200 ptas.

O quilómetro de desprazamento pagarase a 30 ptas/quilómetro, sempre que o desprazamento se realice en vehículo posto polo operario. O desprazamento non se considerará xornada laboral se este se realiza fóra da xornada habitual dos traballadores.

Artigo 18º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e Nadal na contía cada unha delas en trinta días de salario base.

A paga correspondente a xullo ratearase na nómina de tódolos meses que o traballador preste os seus servicios dentro do mesmo ano. A de Nadal será aboada entre o 10 e o 20 de decembro.

Artigo 19º.-Antigüidade.

Non se establecerá ningún baremo para efectos de antigüidade.

Artigo 20º.-Gastos de transporte.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá por día traballado e en concepto de gastos de transporte, a cantidade que se establece na táboa salarial.

Artigo 21º.-Recibo de liquidación.

Nos contratos de obra ou servicios determinados que duren máis dun ano comunicarase a súa extinción con 15 días de antelación. Nos que duren menos, deberase comunica-la súa extinción con 24 horas de antelación.

En todo caso, os traballadores que causasen baixa na empresa non perderán os dereitos salariais que lles correspondan por revisión ou actualización de convenio polo período en que prestaron os seus servicios.

Artigo 22º.-Acción sindical.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente, os traballadores desfrutarán das garantías sindicais vixentes entre os artigos 62 e 92 do Estatuto dos traballadores, ambos inclusive.

Artigo 23º.-Excedencias.

Un traballador poderá solicita-la excedencia despois dun período de prestación de servicios dun ano. Esta excedencia concederase por un período mínimo dun ano e, en todo caso, o traballador conserva o seu dereito á reincorporación ó seu posto de traballo sempre e cando este quede libre e o traballador manteña a formación e preparación adecuada para o desempeño del.

Artigo 24º.-Xubilación.

A empresa e os traballadores poderán pactar logo de existencia de común acordo entre as partes, xubilacións anticipadas ós sesenta e cinco anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo e a Lei 63 e 64/1997, do 26 de decembro, reservándose a empresa o dereito de subs

tituí-lo dito traballador xubilado por quen considere oportuno.

Artigo 25º.-Contratos.

Identifícanse como traballos que poidan cubrirse co contrato de obra ou servicios determinados aqueles que teñan por obxecto a realización dunha actividade contratada por un terceiro por tempo determinado e aqueles que teñan por obxecto a selección, recuperación, verificación, control, ensamblaxe, etc. de pezas e accesorios con substantividade propia.

A empresa, de acordo co comité, fomentará o aumento do número de contratos de duración indefinida realizando a súa elección utilizando as prioridades de:

-Antigüidade da empresa.

-Capacidade profesional.

-Preparación profesional.

-Cargo desempeñado.

-Aptitudes demostradas.

Das ditas contratacións informarase o comité de empresa.

Tendo en conta as características da relación laboral da empresa que se desenvolve moi frecuentemente mediante o desprazamento ós centros de traballo das empresas clientes, os traballadores, deberán presentar calquera tipo de reclamación, petición ou observación á dirección de Alservi, S.L., non debendo polo tanto atender ningún tipo de orde que non proveña directamente da dirección desta ou dos seus encargados, e debendo poñer en coñecemento da dirección calquera tipo de comunicación que poida recibir do persoal ou da dirección da empresa desprazada para efectos de toma-las decisións pertinentes.

Artigo 26º.-Seguro colectivo.

A empresa, pola súa propia iniciativa e se o considera oportuno, poderá contratar un seguro complementario de asistencia sanitaria para os traballadores.

Artigo 27º.-Extinción do contrato por causas obxectivas.

Cando a empresa queira facer uso do dereito concedido no artigo 52.1º c) do Estatuto dos traballadores, deberá entregar ademais da comunicación prevista na norma, un informe ó comité de empresa coa explicación das causas da dita decisión, podendo o dito comité manifestarse con respecto do dito informe, aínda que non será vinculante, sendo sempre a decisión única e exclusivamente da empresa.

Artigo 28º.-Persoal de novo ingreso.

Ó persoal de novo ingreso faráselle un contrato de traballo por escrito debendo quedar no seu poder unha copia del. Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

-Técnicos titulados: 6 meses.

-Técnicos non titulados: 2 meses.

-Administrativos: 1 mes.

-Subalternos, profesionais de oficio, peóns e especialistas: 2 meses.

A empresa deberá entregarlles ós representantes legais dos traballadores unha copia básica de tódolos contratos que deban realizarse por escrito. Así mesmo, notificarán as prórrogas dos contratos dos traballadores.

Artigo 29º.-Formación profesional.

A empresa colaborará coas organizacións empresariais e sindicatos para a realización de cursos de formación para os traballadores.

Os cursos de formación continua seranlles tidos en conta ós traballadores para efectos de promoción interna e acceso a categorías superiores.

Artigo 30º

As partes conveñen en consolidar e facer definitivos os salarios na contía aboada polas funcións desenvolvidas con anterioridade á sinatura deste convenio non tendo nada que reclamar polos ditos conceptos.

Artigo 31º

O persoal, en xeral, e os encargados de quenda, en particular, comprométense a unha mellora nas súas prestacións tanto desde o punto de vista da calidade do servicio como na productividade del.

Artigo 32º

No non previsto por este contrato aplicarase de forma subsidiaria o acordo de cobertura de baleiros Resolución do 13 de maio de 1997 e, en todo caso, o Estatuto dos traballadores.

Artigo 33º

Como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do cumprimento deste convenio créase a comisión paritaria composta polos tres delegados que interviñeron na negociación deste convenio ou quen o substitúa e por tres membros en representación da empresa.

Táboa salarial Alservi. Período 10/1999-10/2002

-Peón:

Salario base: 70.000.

Actividade: 4.700.

Rata xullo: 5.833.

Transporte: 13.300.

-Peón especialista:

Salario base: 75.281.

Actividade: 9.764.

Rata xullo: 6.253.

Transporte: 13.300.

-Encargado:

Salario base: 75.281.

Actividade: 9.764.

Plus responsabilidade: 10.000.

Rata xullo: 6.253.

Transporte: 13.300.

Escalafóns superiores

Condicións mínimas de peón especialista con posibles revisións en particular de cada caso.

Asinado:

-Por Alservi, S.L.

Miguel Lago Cereceda

-Delegados de persoal:

Ricardo López Barco

Miguel Ángel Alonso Piay

Marcos Fernández Rey