Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2000 Páx. 1.264

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 25 de xaneiro de 2000 pola que se modifica a do 8 de febreiro de 1999, pola que se regula o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, e na que se determina o seu financiamento para o ano 2000.

A Orde do 8 de febreiro de 1999 (Diario Oficial de Galicia nº 30, do 15), establece o procedemento para o aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibiran a prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, previndo na súa disposición adicional cuarta que anualmente se determine o seu financiamento.

As bases reguladoras do dito procedemento axústanse ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas e ó establecido na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social regulado nesta orde, entre outros, financiarase con cargo ó crédito que figura na aplicación orzamentaria 14.04.241A.483.0, cun crédito de 100.022.000 de pesetas.

O dito crédito poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se establezan pola Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas confinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Por outra parte, cómpre modifica-los artigos 4º e 5º da Orde do 8 de febreiro de 1999, para a readaptación do réxime competencial e a conseguinte adecuación dos recursos procedentes.

Así mesmo, e como mellora técnica, dáse nova redacción á disposición adicional segunda da devandita orde para, entre outras, recolle-la posibilidade de reintegros parciais en caso de incumprimento.

Para a súa acomodación ás modificacións introducidas por esta orde, publícanse novos modelos normalizados de solicitude.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícanse os artigos 4º e 5º e a disposición adicional segunda da Orde do 8 de febreiro de 1999, pola que se regula o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibiran a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único:

1. O artigo 4º queda redactado nos seguintes termos:

«As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á delegación provincial, para que o servicio competente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores, e no suposto de que se observe algun defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ó interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, terase por desistido da súa petición.».

2. O artigo 5º queda redactado nos seguintes termos:

«1. A resolución das solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social dos perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, corresponderalle, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude, por razón do lugar onde se desenvolva a actividade.

2. As resolucións que se dicten neste procedemento serán notificadas ós interesados. As resolucións denegatorias serán sempre motivadas.

3. O prazo para resolver será como máximo de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución expresa, entenderase desestimada.

4. Os expedientes completos referidos a solicitudes do mesmo trimestre acumularanse con carácter periódico, dictándose unha única resolución na que consten os datos básicos correspondentes a tódolos beneficiarios dunha mesma provincia.

5. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.».

3. A disposición adicional segunda queda redactada nos seguintes termos:

«1. Xunto coas solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social deberá presentarse unha declaración comprensiva das axudas ou subvencións concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade ou, de se-lo caso, unha declaración de que non se solicitou nin percibiu ningunha axuda ou subvención dunha administración ou entidade pública.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

3. O beneficiario terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

4. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido

da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.».

Artigo 2º

O procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibiran a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único rexerase polo previsto na Orde de 8 de febreiro de 1999 (Diario Oficial de Galicia nº 30, do 15), coas modificacións introducidas nesta orde.

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo desta orde.

Artigo 3º

No exercicio 2000 o financiamento do aboamento de cotas á Seguridade Social ós perceptores da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único realizarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria 14.04.241A.483.0.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación do aboamento de cotas á Seguridade Social previsto nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Segunda.-As solicitudes de aboamento de cotas presentadas no exercicio anterior que non puideran ser atendidas por falta de dispoñibilidades orzamentarias, e sempre que reuniran os requisitos e observaran os prazos establecidos na súa normativa reguladora, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios destinados para o dito fin para o ano 2000.

Terceira.- A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado na aplicación 14.04.241A.483.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 fixado na exposición de motivos desta disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude