Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2000 Páx. 1.268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2000 pola que se convocan unhas Xornadas sobre a Lei 53/1999, de modificación da Lei de contratos das administracións públicas.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Centro de Estudios Jurídicos Superiores e Editorial Montecorvo, unhas Xornadas sobre a Lei 53/1999, de modificación da Lei de contratos das administracións públicas, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

Que a contratación administrativa é un tema importante, non ten dúbida ningunha. Non só polas implicacións económicas que ten en canto ó volume de negocio que xera, senón tamén pola variedade e complexidade dos diferentes modos de contratación existentes, e a dos mecanismos de control, calidade e garantías que converten a este tipo de relacións nun campo repleto de pequenos obstáculos reservado a verdadeiros expertos na materia.

Estas xornadas están configuradas co obxectivo de aclara-los aspectos máis importantes da reforma recentemente producida que vén mellorar, segundo a intención do lexislador, os procedementos de contratación establecidos na primitiva lei e que, malia non estar lonxe a súa promulgación, precisan dunha posta ó día a fin de palia-los problemas que xeraba a súa aplicación.

Serán obxecto de estudio non só as novidades producidas, senón tamén a relación existente entre o anteriormente lexislado e as actuais modificacións, coa finalidade de dar cumprida resposta ás dúbidas que a aplicación desta nova normativa de contratación administrativa poida producir en todos aqueles que están, dalgunha ou doutra maneira, inmersos no seu campo de acción.

2. Contido:

Trataranse estes temas:

-Novidades en materia de contratación administrativa: a súa repercusión na Comunidade Autónoma galega.

-Ámbito de aplicación da LGAP. Contratos administrativos, contratos privados. Os órganos de contratación.

-Requisitos para contratos coa Administración. Capacidade e solvencia das empresas. Clasificación e rexistro de empresas. O réxime das garantías na contratación.

-Actuacións administrativas preparatorias dos contratos. Os pregos. Procedemento e forma de adxudicación. Perfección e formalización do contrato.

-Execución dos contratos administrativos. Prerrogativas da Administración. Desenvolvemento na execución do contrato: principio de risco e ventura; o prazo (especial referencia ó novo réxime de penalidades), abonos ó contratista; réxime de responsabilidades fronte a terceiros; modificación e suspensión do contrato.

-Extinción do contrato. Cumprimento, declaración de invalidez; causas de resolución do contrato. Novidades en materia de cesión e subcontratación.

-Novidades en relación cos contratos en particular: obras, xestión de servicios públicos, subministración e prestación de servicios á Administración.

3. Destinatarios:

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento:

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (Rúa de Madrid 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela) os días 10 e 11 de febreiro de 2000.

5. Inscrición:

-Prazo: remata o martes, día 8 de febreiro de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 9 de febreiro, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de

cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia:

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresa

rase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública