Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2000 Páx. 1.175

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 19 de xaneiro de 2000 pola que se aproba o deslindamento do monte veciñal en man común Frexulfe, pertencente á comunidade de Frexulfe do municipio do Valadouro (Lugo).

Examinado o expediente de deslindamento do monte veciñal en man común Frexulfe, pertencente á comunidade de Frexulfe do municipio do Valadouro (Lugo) e tendo en conta os seguintes antecedentes de feito:

1. Que o Xurado Provincial de Montes en Man Común de Lugo en Resolución do 30 de xuño de 1980 clasificou como tal o monte Frexulfe, asignando a súa pertenza á parroquia de Frexulfe e recoñecendo como tal os límites:

N: termos e montes das parroquias de San Tomé e Recaré.

S: termo e monte da parroquia do Cadramón.

L: concello de Alfoz.

O: concello de Ourol.

2. Que ó ter uns límites tan extensos e imprecisos, os conflictos coas comunidades veciñas e cos particulares foron frecuentes, polo que o 14 de xuño de 1996 o presidente da comunidade propietaria, ó abeiro do establecido na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, solicitou que se levara a cabo o deslindamento total do monte e con data 18 de setembro do mesmo ano o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural aprobou o mesmo e declarou o monte en estado de deslindamento.

3. Que a tramitación previa ó apeo foi executada cumprindo as prescricións establecidas nos artigos 96 e seguintes do Regulamento de montes aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

A documentación que os distintos afectados presentaron foi remitida ó Gabinete Xurídico Territorial de Lugo para o seu exame, cualificación e informe.

4. Que o apeo se iniciou, de acordo coa data e o lugar anunciados previamente, levándose a cabo sen que se rexistrasen incidentes.

5. Que o 11 de novembro de 1998 o enxeñeiro operador elaborou o seu informe-proposta no que estima que os predios sobre os que se presentou documentación non se encontran afectadas polo monte Frexulfe e que este consta de dúas parcelas.

6. Que no período legal de reclamacións se presentaron oito:

-Celso Pernas Vivero, como presidente da comunidade propietaria, mostra a súa desconformidade co apeo dos piquetes 41 ó 50.

-Ricardo Campo García, como presidente da comunidade de montes de Xestoso e outros, mostra a súa desconformidade cos límites dos montes Frexulfe e Cadramón.

-Manuel Fernández Sampayo, como presidente da comunidade de montes de Xestaca e Grandavella, manifesta a súa desconformidade co apeo entre Pena de Bicolongo e a Pasada de Santo Domingo.

-Prudencio Cuba Cuba, como presidente da comunidade de montes de Vilacampa, amosa a súa desconformidade co apeo entre Pena de Bicolongo e a Pasada de Santo Domingo.

-Ceferino Rodríguez Prieto amosa a súa desconformidade co apeo na parte que afecta o seu monte Costoga ou Costoira.

-Justo Alfonso Fernández Expósito manifesta a súa desconformidade co apeo por incluír como monte veciñal parte do predio Taranco.

-Juan Carlos e José Lorenzo Basanta manifestan a súa desconformidade co apeo entre os piquetes 29 e 30 por afecta-lo seu predio Exinada.

-Porfirio Canoura Fernández manifestando a súa desconformidade co apeo por ser realizado polo interior dunha propiedade súa.

7. Que o 27 de setembro de 1999 emite informe o Gabinete Xurídico Territorial no que indica que o deslindamento é correcto en canto ás alegacións formuladas polas comunidades veciñais. Polo que se refire ás alegacións dos particulares, entende que poden ter certa xustificación.

8. Que o 4 de outubro de 1999 e por petición do xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo, o enxeñeiro operador amplía o seu informe-proposta en relación coas reclamacións dos particulares, nos seguintes termos:

-Que Ceferino Rodríguez Prieto non presentou documentación ningunha en período hábil, polo que debe rexeitarse a súa reclamación de acordo co artigo 123 do Regulamento de montes.

-Que Alfonso Fernández Expósito non estivo no apeo e o enxeñeiro operador entende que o seu predio está fóra do monte polo que tampouco pode atenderse a súa reclamación.

-Que Carlos e José Lorenzo Basante non teñen razón nas súas pretensións xa que a liña levantada entre os piquetes 20 e 30 coincide co camiño da Picheira que limita ó monte.

-Que Porfirio Canoura Fernández, que non presentou documentación, non ten razón na súa reclamación xa que no límite co monte a súa propiedade está choída por unha cerca coa que se fixo coincidi-lo perímetro do monte.

9. Que o 25 de outubro de 1999 remitíronse á comunidade propietaria do monte as reclamacións e o dictame do Gabinete Xurídico Territorial, contestado o 8 de novembro impugnando as alegacións dos catro particulares e dando a súa conformidade ó apeo realizado.

10. Que o 27 de decembro de 1999 o xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo emite o seu informe-proposta mantendo o criterio

do enxeñeiro operador e propoñendo que se aprobe o devandito deslindamento de acordo coas actas, rexistro topográfico e planos que figuran no expediente.

Fundamentos de dereito.

I. O Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo é competente para verifica-lo deslindamento do monte veciñal en man común de Frexulfe, cumpridas tódalas prescricións legais en canto a publicidade, notificacións e demais requisitos esixidos pola lexislación vixente, e a Consellería de Medio Ambiente é competente para dicta-la presente orde de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei de montes do 8 de xuño de 1957, en relación co Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

II. As comunidades e os particulares achegaron a documentación que creron oportuna en defensa dos seus dereitos, que foi debidamente informada polo Gabinete Xurídico Territorial de Lugo.

III. As resolucións dos xurados provinciais de montes son as únicas que outorgan a propiedade e só poden modificarse por sentencias dos tribunais ordinarios, pero, dada a ambigüidade que supón en moitos casos a descrición dos límites, son os deslindamentos administrativos, realizados con tódolas garantías legais, os encargados de resolveren estas e fixa-los límites sen ningunha posibilidade de dúbida, por iso a Lei 13/1989, do 10 de outubro, do Parlamento de Galicia, de montes veciñais en man común, ordena, no seu artigo 25, á Consellería de Medio Ambiente proceder ó deslindamento e sinalización deles.

Vistas:

A Lei de montes do 8 de xuño de 1957 e o Regulamento para a súa aplicación aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

A Lei 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, do Parlamento de Galicia, de montes veciñais en man común e o regulamento para a súa aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

E as demais de aplicación xeral.

A Consellería de Medio Ambiente, por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural,

DISPÓN:

1. Aproba-lo deslindamento do monte veciñal en man común Frexulfe, pertencente á parroquia do mesmo nome do municipio do Valadouro (Lugo), de acordo coas actas, rexistro topográficos e planos que

figuran no expediente e que queda formado polas dúas parcelas seguintes:

-Parcela: A.

Límites:

N: concello de Ourol e monte veciñal en man común Esculca, Barreira, Cabaleiros e Rego Madeiro, pertencente á comunidade de Vilacampa.

L: montes veciñais en man común Esculca, Barreira, Cabaleiros e Rego Madeiro e Xestaca e Grandavella, pertencentes ás comunidades de Vilacampa e San Tomé e Recaré; propiedades particulares; camiño da Picheira e regato dos Cunqueiros.

S: propiedades particulares e camiño Ramasquide.

O: propiedades particulares; regato de Pena Moura e monte veciñal en man común Xesto, Campo de Carballido, Porto do Río, Rego da Poltra, Veiga de Lamas, O Cadramón e Monte Rubio, pertencente á comunidade do Cadramón.

Cabida total: 558,9845 hectáreas.

Encravados: 1 de 3,9845 hectáreas, todo rodeado de muro de granito e limitado por 28 piquetes.

Está limitada polos piquetes do nº 1 ó 355.

-Parcela: B.

Límites:

N: camiño do Taranco e propiedades particulares.

L: camiño do Taranco e propiedades particulares.

S: propiedades particulares e regato dos Bordes.

O: regato dos Bordes, propiedades particulares e camiño do Taranco.

Cabida total: 23 hectáreas.

Encravados: non.

Está limitada polos piquetes do número B1 ó B27.

2. Declarar, expresamente, que no referente ás reclamacións de propiedade, a presente resolución esgota a vía administrativa e queda expedita a xudicial civil.

3. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e pon fin á vía administrativa, polo que se poderá interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes ou ben interpor directamente o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa, ou exercer calquera outro que estime pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente