Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2000 Páx. 1.163

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 28 de decembro de 1999 pola que se regula o establecemento de subvencións para a realización de programas destinados a prestarlles atención ós enfermos mentais crónicos nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral polas asociacións de familiares e outras entidades sen ánimo de lucro.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia sanitaria. Así mesmo, no artigo 33.2ºestablécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do estado en materia de Seguridade Social.

De conformidade co Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, correspóndenlle a esta competencias en materia de servicios sanitarios e sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000 establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Con este fin, no citado proxecto de Lei de orzamentos para o 2000, nas aplicacións 11.01.311A.480.0 e 11.03.212D.484.1 existe partida orzamentaria consignada para as subvencións que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin co que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de subvencións económicas ás entidades sen ánimo de lucro que lles prestan atención ós enfermos mentais crónicos nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral ó abeiro da Orde do 23 de outubro de 1998 que regula os centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos como desenvolvemento dos dispositivos de apoio comunitario.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustarase ó disposto

no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ó proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2000 e á orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las subvencións contidas nesta orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social que sexan titulares dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral para a atención dos enfermos mentais crónicos situados na Comunidade Autónoma galega e presten algunha das actividades sinaladas na Orde do 23 de outubro de 1998, artigo 3.3º, sempre que se atopen inscritas no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou que teñan presentado a correspondente solicitude de inscrición.

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal, xestión e mantemento das estructuras necesarias para a realización das actividades.

b) De promoción de actividades e programas específicos que signifiquen unha innovación na rehabilitación laboral e prelaboral do enfermo mental crónico.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) As axudas necesarias para a realización das actividades poderán financiar total ou parcialmente o gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

b) Para a concesión destas axudas reguladas nesta orde destinaranse 121.245.785 ptas. con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.01.311A.480.0 e 11.03.212D.484.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000. A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

c) As actuacións polas que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio do ano 2000.

d) As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola lei.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán nas delegacións provinciais, servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como en calquera das oficinas de información administrativa de atención ó cidadán da Xunta de Galicia segundo modelo normalizado. A devandita solicitude deberá ir acompañada, ademais de pola documentación requirida para as distintas axudas, pola documentación estatística relativa ás institucións

e ós distintos centros ou servicios xestionados, debidamente cubertas nos modelos oficiais conforme os anexos VII e VIII da presente orde.

Ademais, os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

1. Documentos comúns.

1.1. Solicitude segundo modelo oficial (anexo I).

1.2. Memoria da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

1.3. Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

1.4. Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

1.5. Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

1.6. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

1.7. Declaración das contías concedidas no ano 1999 para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa , se é o caso.

1.8. Relación codificada dos usuarios que acudiron regularmente ó centro no ano 1999 (anexo V). Aqueles centros que inicien as actividades no exercicio 2000 deberán poñer unha relación dos usuarios posibles.

1.9. Documentación estatística relativa á institución e ós distintos centros ou servicios xestionados, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme o anexo VIII da presente orde.

1.10. Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudios e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2. Documentos específicos para cada tipo de axuda.

2.1. Para a contratación do persoal, xestión e mantemento das estructuras.

a) Carpeta na que conste a identificación do centro, cadro do persoal coa súa titulación debidamente acreditada mediante fotocopia da titulación cotexada así como a tarefa específica que se vai realizar no centro (anexo IV).

b) Orzamento desagregado dos gastos previstos, de acordo cos epígrafes de «xestión» e «mantemento» (anexo VI).

2.2. De promoción de actividades e programas específicos que signifiquen unha innovación na rehabilitación laboral e prelaboral do enfermo mental crónico (anexo VII).

Memoria explicativa do programa na que consten os motivos para a realización do mesmo e o razoamento xustificado da innovación, así como os fins que se perseguen con el e os usuarios que se beneficiarían del.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse no prazo de vinte días contados a partir do día seguinte ó da publicación

da presente orde, nas delegacións provinciais ou servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou en calquera dos lugares a que fai referencia o artigo 38.4ºda Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, examinaranse os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos esixidos pola presente orde, reclamándolles por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que considere necesarios para completa-lo expediente, con apercibimento de que, se non o fixesen nun prazo de dez días consideraranse desistidos da súa petición segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8.-Comisión de valoración

Completados os expedientes serán remitidos para o seu informe preceptivo á comisión de valoración a cal efectuará a proposta de resolución que remitirá á secretaría xeral da consellería.

Para tal efecto constituirase unha comisión composta polos seguintes membros:

Presidenta: subdirectora xeral do Programa de Atención Sociosanitaria ou persoa en que delegue.

Vocais:

-Subdirector Xeral de Acción Social ou persoa en quen delegue.

-Xefe do Servicio de Atención a Persoas con Minusvalidez ou persoa en quen delegue.

-Xefe do Servicio de Saúde Mental do Sergas ou persoa en quen delegue.

Secretario: o xefe de área do Programa de Atención Sociosanitaria ou persoa en quen delegue.

Artigo 9º.-Criterios de prioridade na concesión das subvencións.

As axudas previstas nesta orde atenderán á seguinte prioridade:

a) A contratación de persoal necesario para a realización de actividades tendo en conta á cualificación profesional e o número de horas efectivas de traballo á semana.

b) As necesidades de xestión e mantemento das estructuras para a realización das actividades.

c) A poboación de referencia onde a asociación realiza as súas actividades así como a dispersión xeográfica dos usuarios.

d) Número de usuarios que acoden regularmente ó centro e ás actividades que se realizan nel, así como a súa continuidade no tempo.

e) A existencia ou non doutro dispositivo complementario na mesma área sanitaria.

f) A coordinación cos diferentes dispositivos de saúde mental expresado nun informe do coordinador da área de saúde mental do Sergas.

g) Axuste, se é o caso, da memoria económica co orzamento presentado o ano anterior.

h) A valoración, se é o caso, do cumprimento informático do rexistro dos usuarios no ano 1999.

Artigo 10º.-Resolución e formalización das subvencións.

Realizado o expediente, o secretario xeral procederá á súa resolución logo da proposta da comisión e logo da súa fiscalización pola intervención da consellería. Delégase no secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a facultade para autorizar e dispoñer dos gastos previstos por esta orde, así como para propoñe-la ordenación dos pagamentos correspondentes.

As resolucións recaídas seranlle notificadas ós interesados para a execución da subvención outorgada.

Poderán ser modificadas as devanditas resolucións no caso de alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

Dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ó pagamento da forma que se indica nos parágrafos seguintes.

A) Subvención para a contratación do persoal, xestión e mantemento das estructuras.

1. Un primeiro, de ata o 75% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación.

Para facer efectivo este anticipo deberán presentarse os seguintes documentos:

-Copia cotexada da contratación do/s traballador/es.

-Copia da alta na Seguridade Social se é o caso.

-No caso de traballadores por conta propia, copia cotexada do NIF ou alta fiscal, así como previsión do número de horas nas que efectuará o seu traballo e a contía anual.

2. Unha vez xustificado o anticipo, o 25% restante farase efectivo mediante pagamentos parciais cada vez que o beneficiario xustifique ter realizado un gasto equivalente mediante orixinais ou fotocopia cotexada e por ese concepto.

B) De promoción de actividades e programas específicos que signifiquen unha innovación na rehabilitación laboral e prelaboral do enfermo mental crónico.

1. Un primeiro, de ata o 75% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación.

Para facer efectivo este anticipo deberán presentarse os seguintes documentos:

-Copia cotexada da contratación do/s traballador/es.

-Copia da alta na Seguridade Social se é o caso.

-No caso de traballadores por conta propia, copia cotexada do NIF ou alta fiscal, así como previsión do número de horas nas que efectuará o seu traballo e a contía anual.

2. Unha vez xustificado o anticipo, o 25% restante farase efectivo mediante pagamentos parciais cada vez que o beneficiario xustifique ter realizado un gasto

equivalente mediante orixinais ou fotocopia cotexada e por ese concepto.

No momento de xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Así mesmo, a entidade obxecto da subvención deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a delegación provincial respectiva ou nos servicios centrais, e dirixida á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural, conforme o anexo VI, así como unha memoria no caso de promoción das actividades. Cumprir este trámite considerase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

Autoriza-la inspección dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dos seus centros e actividades.

Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que se determine na concesión da subvención.

Artigo 13º

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, modificado pola Lei 14/1992, do 25 de decembro, de presupostos xerais para 1993.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro de Presidencia e Administración Pública, encargado do despacho dos asuntos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, durante a ausencia do seu titular (Decreto 334/1999, do 23 de decembro, DOG do 27 de decembro)