Examinado o expediente incoado pola dirección do centro privado Vila do Arenteiro do Carballiño (Ourense), en solicitude de autorización para unha unidade de educación especial.
Resultando que a petición recibiu informe favorable da Delegación Provincial de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense.
Vistos a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, o Real decreto 334/1985, do 6 de marzo, de ordenación da educación especial (BOE do 16), a orde ministerial do 30 de xaneiro de 1986 (BOE do 4 de febreiro), o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, o Decreto 320/1996, do 26 de xullo (DOG do 6 de agosto), de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, o Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que desenvolve o antedito decreto.
Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.
Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,
DISPÓN:
Primeiro.-Concederlle a autorización definitiva para 1 unidade de psíquicos ó centro privado Vila do Arenteiro do Carballiño (Ourense), segundo os datos que se relacionan no anexo.
Segundo.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Univesitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación persoal que impartirá docencia no dito centro.
Terceiro.-O centro deberá cumpri-la norma básica da edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada polo Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autónomica.
Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.
Quinto.-Contra esta disposición, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 1999.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria
ANEXO
Provincia: Ourense.
Concello: Ourense.
Localidade: O Carballiño.
Enderezo: Corzos.
Denominación: Vila do Arenteiro.
Código do centro: 32016066.
Titular: Vila do Arenteiro S. Coop. Lda.
Unidades que se autorizan: 1 unidade de psíquicos.
Composición resultante:
Centro de educación infantil: 3 unidades.
Centro de educación primaria: 8 unidades.
Centro de educación secundaria: 4 unidades de educación secundaria obrigatoria.
Centro de educación especial: 1 unidade de psíquicos.