Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2000 Páx. 942

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 12 de xaneiro de 2000 sobre o exercicio das competencias en materia de mediación de seguros.

Mediante o Decreto 321/1999, do 16 de decembro, polo que se asumen funcións e servicios transferidos á Comunidade Autonóma mediante o Real decreto 1748/1995, o Consello da Xunta asignoulle á Consellería de Economía e Facenda o exercicio das competencias que en materia de mediación de seguros privados lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co previsto no artigo 149.3º parágrafo final da Constitución española, prevese que as ditas competencias sexan exercidas, ata o momento en que se estableza un marco legal autonómico, con suxeición á Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación de seguros privados, e demais disposicións que a desenvolven.

Así mesmo, o exercicio destas novas competencias fai necesario desde o punto de vista organizativo, delimita-lo centro directivo concreto que, dentro da estructura da Consellería de Economía e Facenda exercerá as ditas competencias.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro exercerá as competencias que en materia de mediación de seguros privados lle foron asignadas á Consellería de Economía e Facenda, mediante o Decreto 321/1999, do 16 de decembro, polo que se asumen funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro.

Artigo 2º

O Rexistro Administrativo de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corredoría de Seguros e dos seus Altos Cargos, a que se refire o artigo 15, parágrafo 4º, da Lei 9/1992, do 30 de abril, levarase na Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 3º

No ámbito competencial da Xunta de Galicia tódalas referencias que a Lei 9/1992, do 30 de abril, fai á Dirección General de Seguros, entenderanse feitas á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A mediación de seguros, nos aspectos non previstos pola normativa autonómica galega, rexerase supletoriamente pola Lei estatal 9/1992, do 30 de

abril, de mediación de seguros privados, e polas normas que a desenvolven.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2000.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda