Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2000 Páx. 693

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1999 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de prazas de técnicos especialistas que realizan funcións informáticas vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Aprobada por Resolución do 10 de agosto de 1995 a oferta de emprego público de persoal de administración e servicios da Universidade da Coruña e aprobado pola Xunta de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a provisión das prazas de técnicos especialistas de informática, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co artigo 3.2º e) desta norma, así coma nos estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e co obxecto de atende-las necesidades de técnicos especialistas que realizan funcións informáticas,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir 7 prazas de técnicos especialistas de informática (nº 194, 195, 212, 340, 341, 399 e 412 da relación de postos de traballo) da Universidade da Coruña.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntaráselle fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentrar declaración ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15001), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os dereitos de exame serán de 7.515 pesetas que se ingresarán, directamente ou mediante transferencia, en calquera das oficinas da Caixa Postal, na conta corrente 1302-1700-42-0017957982, «Probas selectivas para técnicos especialistas de informática», a nome da Universidade da Coruña. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso, a falta do cal determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude perante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola xerencia da universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no DOG desta convocatoria, e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar na súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados, os que, en virtude de tratados internacionais realizados pola Comunidade Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de tra

balladores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así estea previsto nos tratados internacionais realizados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumprido dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión dunha titulación de FP de 2º grao ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá posuír a credencial que acredite a súa homologación.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador destas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de técnico especialista de informática, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do rectorado da universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a

exclusión. Transcorrido o devandito prazo, o rector dictará resolución pola que se declare aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, contra a que os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 9.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III desta convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere adecuado.

6.4. O tribunal terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación desta convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización

dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29), polo que se establecen os diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase de apto ou non apto, é necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, e do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegar esta documentación non poderán ser declarados exentos, debendo, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueles outros que considere oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará pública, neses mesmos lugares, a relación dos aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aqueles opositores que, en número non superior ó das prazas convocadas e tendo acadado a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I, e con indicación expresa da obtida por cada un deles. Esta lista será confeccionada segundo a orde de puntuación final acadada por cada aspirante e en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas en cada apartado. Os opositores que non se encontren incluídos nesta relación terán a consideración de non ter aprobado as probas selectivas, único extremo acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, con proposta de que se formalicen con eles os correspondentes contratos de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese pública a relación defi

nitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar que non están sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Cumpridos debidamente polos aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, serán contratados como técnicos especialistas de informática da Universidade da Coruña.

10.3. A adxudicación de postos de traballo efectuarase de acordo coas peticións dos interesados entre os postos ofertados, segundo a orde de puntuación obtida no proceso selectivo dentro de cada punto.

10.4. O período de proba será de seis meses, durante o que o traballador terá os dereitos e obrigacións correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade teñan desempeñado funcións de técnicos especialistas de informática na Universidade da Coruña.

Segundo.-Estas probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e ós estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), o convenio colectivo aplicable ó persoal laboral da Universidade da Coruña, a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.- Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 9 de decembro 1999.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

TÉCNICOS ESPECIALISTAS DE INFORMÁTICA

Procedemento de selección.

Fase de oposición.

A) Exercicios.

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa no programa que figura na parte xeral (módulos I e II).

Os aspirantes terán un prazo de alomenos setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 2,5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio: consistirá na realización de dous supostos prácticos específicos, elixidos de entre seis propostos polo tribunal relacionados coa parte específica do programa (módulo III).

Os aspirantes terán un prazo de alomenos dúas horas para resolve-los supostos.

A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter cinco puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego e a súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non terá carácter eliminatorio.

B) Valoración da fase de oposición.

A cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma:

(0,3xnota 1º Exerc.+0,6xnota 2º Exerc.+0,1xnota 3º Exerc.)x6

Polo que terá un valor máximo de 60 puntos.

Fase de concurso.

Nesta fase valóranse, ata un máximo de 40 puntos, os seguintes méritos:

a) Os servicios prestados na Universidade da Coruña como persoal contratado laboral non permanente na categoría de técnico especialista de informática, a razón de 0,45 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 30 puntos.

b) Cursos impartidos por organismos públicos ou empresas de prestixio recoñecido relacionados con temas do programa específico, ata un máximo de 10 puntos.

-Cursos de máis de vinte horas: 2 puntos.

-Cursos entre dez e vinte horas: 1 punto.

Sistema de puntuación.

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada punto, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de concurso, se esto non fora suficiente, á maior puntuación obtida no segundo exercicio, se esto non fora suficiente no primeiro exercicio. Se persistise o empate, este dirimiríase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra á que se refire a base 7.3 desta convocatoria.

ANEXO II

Programa das probas

Módulo I. Lexislación universitaria e informática.

1. A Universidade da Coruña. Estructura. Órganos de Gobierno.

Centros, departamentos, institutos, servicios. Rector, vicerrectores, secretario xeral, xerente, decanos, directores, outros órganos unipersonais. Órganos colexiados: consello social, claustro, xunta de goberno, xuntas de centro, consellos de departamento e institutos.

2. O persoal docente e investigador na Universidade da Coruña.

Clases e réxime xurídico do profesorado universitario.

3. O persoal de administración e servicios na Universidade da Coruña.

Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios.

4. O estudio e a investigación na Universidade da Coruña.

Estudios de 1º e 2º ciclo. Estudios de doutoramento e posgrao. A organización da investigación. Contratos, convenios e cursos de especialización.

5. Informática e lexislación.

Dereito á intimidade. Lei orgánica de regulación do tratamento automatizado de datos (LORTAD). Disposicións, principios e dereitos. A axencia de protección de datos. A protección xurídica do software.

Módulo II. Fundamentos de informática.

1. Concepto de informática.

Sistema informático. Equipo informático. Programas.

2. Principio de funcionamento dos ordenadores.

Antecedentes históricos. Xeracións.

3. Arquitectura de ordenadores.

Elementos principais. Unidade central de proceso.

4. Concepto de memoria e das súas distintas clases.

Características e función da memoria principal dun ordenador.

5. Principais unidades de entrada e saída de datos.

Periféricos. Principais unidades de almacenamento de datos.

6. Sistemas operativos.

Concepto, estructura e clasificación. Multiprogramación e multiproceso. Proceso en tempo real, por lotes, secuencia, compartido. Xestión de memoria: paxinación, segmentación, memoria virtual.

7. Os sistemas operativos Unix, Windows, Dos.

Principais características.

8. Sistemas xestores de bases de datos.

Evolución histórica. O modelo relacional.

9. Concepto de transmisión de datos.

Tipos de redes. Clasificación por topoloxía.

Módulo III.

1. Linguaxe SQL.

Linguaxe SQL estándar Ansi.

2. Tipoloxía de sistemas.

Tipoloxías de sistemas. Clientes- servidores. Compartir recursos.

3. Instalación e mantemento de SO:

Windows NT, Windows 9x, Unix (nas súas distintas versións Linux, Ultrix, Irix, Solaris, HP-UX, etc.) e Netware.

4. Seguridade.

Seguridade do sistema. Copias de seguridade: sistemas de Backup. Seguridade física.

5. Redes.

Instalación e administración de redes microinformáticas: servidores, periferia, Windows NT, Netware.

6. Protocolos de rede.

Protocolos de rede: TCP/IP: historia, fundamentos, configuración. Subdireccionamiento.

7. Sistemas abertos.

Aplicacións Internet: xeneralidades.

8. Sistemas de correo electrónico.

Sistemas de correo electrónico sobre calquera plataforma: Unix, Windows NT, Netware.

9. Sistemas de información.

Sistemas de información: conceptos, capas de funcionamento. Netscape, Internet Explorer.

10. Hardware.

Hardware: conceptos, instalación e mantemento. Discos. Procesadores, placas, memorias, impresoras, tarxetas de comunicacións, modem, CD's.

11. Ofimática.

Ofimática: instalación e configuración. Integración de aplicacións. Soporte ó usuario.

12. Instalación e mantemento de aplicacións.

Instalación de aplicacións en entorno Windows NT/95/98 en servidor e clientes. Autocad.

13. World Wide Web.

Creación páxinas Web, linguaxe HTML.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares.

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:

Jesús Cardenal Carro, profesor titular de universidade. Universidade da Coruña.

Rafael García Vázquez, director da Aula de Formación Informática.

Manuel Romero Beade, representante dos traballadores.

Salvador Peña Díaz, representante dos traballadores.

Suplentes.

Presidente: Rosa Mª Fernández Esteller, vicerrectora de Ordenación e Planificación Académica da Universidade da Coruña.

Vocais:

Bernardino Arcay Varela, profesor titular de universidade. Universidade da Coruña.

Juan Ares Casal, profesor titular de universidade. Universidade da Coruña.

Mª José Grueiro Maroño, representante dos traballadores.

Rogelio Lage Vázquez, representante dos traballadores.