Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2000 Páx. 689

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 7 de xaneiro de 2000 pola que se convoca un curso sobre atestados por accidentes de tráfico.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000, de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre atestados por accidentes de tráfico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal da-los coñecementos necesarios en materia de atestados en accidentes de tráfico, para que os policías poidan desevolve-lo seu labor, ta e como require a autoridade xudicial.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e, no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O personal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o dia 8 de febreiro ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será este requisito indispensable para ser admitido no curso, e o incumpremento deste requisito comportará a exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade; Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso tera lugar en sesións de tarde de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Competencias da policía local en materia de accidentes de tráfico. b) Concepto de clases de accidentes de tráfico. c) Investigación de accidentes

de tráfico. d) Planificación da investigación. e) Bosquexo e informes técnicos. f) Resolución de diversos casos prácticos. g) Alcoholemia en relación cos accidentes de tráficos.

Datas.

O curso terá lugar en datas do 21 ó 25 de febreiro.

O horario será das 16 ás 20 horas da tarde.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 15 de febreiro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaránselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 7 de xaneiro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade