Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2000 Páx. 689

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 7 de xaneiro de 2000 pola que se convoca un curso básico de capacitación para gardas de policía local.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso básico de capacitación para gardas de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dota-los policías dunha formación teórico-práctica que complemente os coñecementos adquiridos na súa preparación das correspondentes probas de oposición, para que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de garda da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, débese comunicar esta antes do 17 de febreiro de 2000 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade no que soliciten a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de garda da policía local e os datos das persoas incluídas na lista, referidos ás probas de oposición para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 17 de febreiro de 2000.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Contido e duración.

O curso desenvolverase en sesións de mañá e tarde de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:

-Misión e funcións policiais.

-Policía e sociedade galega.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Área de reforzo.

-Formación en centros de traballo.

O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica na Academia Galega de Seguridade e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Datas.

O curso principiará o vindeiro día 21 de febreiro de 2000.

O horario será das 9.30 ás 20 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade durante o seu período de permanencia na academia, rexeranse polo Regulamento de Réxime Interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable superar tanto a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar tódalas materias que figuren no programa, como a fase de prácticas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 7 de xaneiro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade