Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2000 Páx. 671

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 10 de decembro de 1999 pola que se aproba a reordenación do polígono de bateas denominado Baiona, situado no distrito marítimo de Baiona, provincia de Pontevedra.

O polígono de bateas denominados Baiona, situado no distrito marítimo de Baiona, foi creado por orde do Ministerio de Comercio do 14 de febreiro de 1974 (BOE do 28 de marzo).

O Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, transfírelle á Xunta de Galicia as competencias en materia de marisqueo e acuicultura con carácter de exclusivas, de acordo co artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e o 148.1º 11 da Constitución. No exercicio destas competencias e no cumprimento do disposto no artigo 1 do Decreto 197/1986, do 12 de xuño, e o 3 do Regulamento para explotación de bateas situadas en zona marítima, aprobado polo Decreto 2559/1961, do 30 de novembro, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, en virtude da Orde do 27-4-1988 (DOG nº 127, do 2 de xullo), declara de interese marisqueiro e urxente execución a revisión e a reordenación do polígono Baiona do distrito marítimo de Baiona.

En consecuencia, unha vez redactado o proxecto e o acordo de reordenación, tramitados conforme co procedemento establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 1994), e declarado firme o acordo de reordenación por resolución da Dirección Xeral de Recursos Mariños, do 8 de novembro de 1999, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Mariños, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Queda constituído e delimitado o novo polígono A do distrito marítimo de Baiona, que subs

titúe o antiguo Baiona coa capacidade, situación e circunstancias que se indican no anexo desta orde.

Segundo.-As concesións administrativas de bateas existentes no polígono obxecto de reordenación e pertencentes ós concesionarios recoñecidos nas bases de revisión mantéñense nas mesmas condicións das respectivas ordes de outorgamento, excepto no que se refire á cuadrícula ou punto de fondeo, que quedan anuladas por esta orde e substituídas polas cuadrículas asignadas no acordo de reordenación.

Quedará igualmente rectificadas as concesións no referente ás dimensións do artefacto, número de cordas e cultivo autorizado, que terán que axustarse ás determinacións do Decreto 406/1996, do 7 de novembro (DOG nº 228), e o prazo da concesión, que se limita a 30 anos, conforme coa Lei 6/1993, do 11 de maio.

Terceiro.-Os concesionarios de bateas deberán traslada-los artefactos no prazo máximo de 3 meses, facendo efectiva a toma de posesión das novas cuadrículas. Transcorrido este prazo, a consellería incoará o correspondente expediente de caducidade por aplicación do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, ás concesións das bateas que no estean no punto asignado no acordo de reordenación.

Cuarto.-Os artefactos fondeados no polígono pertencentes a propietarios que non fosen recoñecidos como concesionarios nas bases de revisión e os de propietario descoñecido serán considerados clandestinos, procedendo á súa retirada, en aplicación dos artigos 42 e 44 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

Quinto.-As peticións de concesión administrativa de bateas referentes a cuadrículas antes existentes no polígono obxecto de reordenación e que estean en tramitación no momento de entrar en vigor esta orde quedan desestimadas en aplicación do artigo 5 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto nesta orde, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente a Orde do 14 de febreiro de 1974, no relativo ó polígono Baiona do distrito marítimo de Baiona.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 1999.

P.D. (Orde 17-12-1997,

DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

Situación xeográfica dos vértices, segundo as coordenadas obtidas da carta nº 4.167 de portos de Panxón e Baiona, publicada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.

PolígonoVérticeLatitudeLonxitude

A A 42º08,7630'N 08º50,1880'W

PolígonoVérticeLatitudeLonxitude

B 42º08,5960'N 08º50,0000'W

C 42º08,4780'N 08º50,1990'W

D 42º08,6450'N 08º50,3780'W

Consta de 16 puntos de fondeo ou caudrículas, das que se ocupan 14 con viveiros procedentes do antigo polígono.