Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2000 Páx. 521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 29 de decembro de 1999 pola que se convoca o programa Ven á Ruta Marítima Xacobea para o ano 2000.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo vén desenvolvendo estes últimos anos unha serie de accións tendentes ó achegamento da poboación ó Camiño de Santiago, destacando pola súa singularidade a convocatoria do programa Ven á Ruta Marítima Xacobea.

O dito programa, que naceu co obxectivo de dar a coñece-la realidade das diversas rutas xacobeas, o seu contorno, valores e sensibilidades, proxéctase sobre a coñecida como Ruta Marítima do Apóstolo ou do Mar de Arousa e Ulla, que prestou as súas quedas e luminosas augas á traslatio do corpo do Apóstolo ata Padrón, tal e como se describe no Codex Calixtinus.

Con este programa perséguese promove-lo interese polo camiño, e en especial pola dita ruta, entre os mozos, as institucións encamiñadas á súa formación e á organización de actividades do lecer e tempo libre.

O obxectivo sinalado cumpriuse sobradamente en anos anteriores e, dado o elevado número de interesados en participar no referido programa, considerou necesario convocar unha nova edición deste.

Por todo o exposto e a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago no uso das competencias conferidas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, que regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo convoca o programa Ven á Ruta Marítima Xacobea, dirixido ós sectores máis novos da nosa poboación de conformidade coas bases que figuran no anexo I desta orde.

O programa Ven á Ruta Marítima Xacobea ofrece unha viaxe con saída de Vilagarcía de Arousa, remontando o Ulla ata Pontecesures ou Padrón, e un itinerario terrestre polos lugares emblemáticos desta zona sinalados na base primeira do anexo desta disposición.

Artigo 2º

1. Este programa é excluínte respecto de calquera outro ou outros programas que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poida convocar para o ano 2000 baixo a denominación «Ven a...» co obxectivo de promocionar outras rutas xacobeas, o que significa que a opción por este programa, ou por outro dos abranguidos baixo a anterior denominación, excluirá de calquera outra das indicadas convocatorias á entidade ou agrupación solicitante.

Así mesmo, calquera que sexa a opción elixida, cada entidade solicitante deberá remitir unica e exclusi-

vamente unha instancia e para un só grupo consonte co modelo de solicitude que figura no anexo II.

2. O desenvolvemento do programa farase consonte o disposto nas bases que figuran no anexo I desta orde.

Artigo 3º

1. O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é dun millón (1.000.000) de pesetas.

2. O libramento dos gastos orixinados por este programa farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-D. 640.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, habida conta que, en todo caso, o gasto proxectado axustarase á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos ditos orzamentos xerais e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO I

BASES QUE REXEN A CONVOCATORIA DO PROGRAMA VEN Á RUTA MARÍTIMA XACOBEA

Primeira.-O percorrido constará de dúas fases:

a) O remonte fluvial do Ulla entre Vilagarcía de Arousa e Padrón.

b) Un itinerario en autobús pola área desta zona. Neste segundo itinerario, o grupo contará co apoio dun informador cultural que ofertará un percorrido único, pero adaptable ás necesidades do grupo e con dous bloques temáticos:

-Lugares de interese xacobeo: igrexa de Santiago de Padrón, co Pedrón, ponte do Sar e fonte do Carme, subida ó Santiaguiño do Monte e visita á Colexiata de Iria. Este itinerario pode ser complementado con outras visitas: ponte de Pontecesures e igrexa de San Xulián de Requeixo, paseo do Espolón, convento do Carme e núcleo antigo de Padrón.

-Lugares de interese cultural: parque do Trobador Macías, casa-museo de Rosalía, Fundación Camilo José Cela, museo de Arte Sacra (Casa dos Cóengos) e santuario da Escravitude.

Segunda.-Poderán acollerse a este programa tódalas institucións e organismos tradicionalmente vinculados a actividades con mozos: centros de ensino, clubs de mozos, catequeses parroquiais, escolas de tiempo de lecer, corais e tunas de rapaces, etc.

Darase preferencia, en todo caso, ós grupos integrados por mozos de idades comprendidas entre oito e trinta anos.

Terceira.-A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Xerencia de Promoción

do Camiño de Santiago e no desenvolvemento deste programa, poñerán á disposición dos participantes:

-Billete gratuíto para poder realiza-la viaxe consistente en remonta-lo río Ulla desde Vilagarcía de Arousa ata Pontecesures ou Padrón.

-Un informador cultural da área de Padrón especializado na zona.

-A cantidad de 25.000 ptas. a cada institución ou organismo solicitante, en concepto de axuda para os gastos de transporte.

A atención e coidado do grupo, así como o seu traslado e mantenza, serán responsabilidade da institución ou organismo participante, responsable tamén do comportamento do grupo. A ausencia dun comportamento minimamente axeitado, do que a súa valoración lle corresponderá á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, podería ser motivo da anulación da subvención e, se é o caso, da exclusión da entidade en posteriores convocatorias, sen prexuízo de que poidan así mesmo esixirse as responsabilidades procedentes.

Cuarta.-O número de participantes por cada grupo será de 40, incluíndo neste número os adultos acompañantes, que non excederán de 5.

Os grupos participantes non excederán de 40, e serán seleccionados por orde de recepción de solicitude, sempre que cumpran os requisitos que figuran nas bases.

Quinta.-Cada agrupación levará carteis promocionais do programa, facilitados pola Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, que deberán ser expostos no vehículo de transporte de cada grupo.

Sexta.-Os interesados enviarán as súas solicitudes no modelo oficial que figura ó cabo desta orde, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771-Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo isto, de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas as solicitudes enviadas por fax, teléfono, ou calquera outro dos medios que non figuren no artigo citado.

Sétima.-Nas solicitudes incluiranse os datos identificadores do grupo: colexio ou institución, número de participantes e idades nas que están comprendidos, persoa ou persoas responsables, teléfono e fax de contacto e horario de localización e datas preferentes para a viaxe.

Recoméndase poñer varias datas por orde de preferencia, sen que esta elección supoña ningún dereito a prol do solicitante, posto que as ditas datas serán simplemente orientativas para o órgano de tramitación.

A data finalmente adxudicada e comunicada á entidade solicitante non poderá ser modificada, de forma que a imposibilidade de realiza-la viaxe na data prevista suporá a súa renuncia, salvo supostos de forza maior e na medida que as dispoñibilidades o permitan.

Oitava.-A presentación das solicitudes farase no prazo de 30 días hábiles desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A súa tramitación levarase a cabo polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Novena.-O prazo máximo de resolución previsto neste procedemento será de seis meses contados desde o día seguinte ó derradeiro día para a presentación das solicitudes. Malia o anterior, no suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

A resolución, que lle corresponderá ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, seralle notificada ós interesados segundo o disposto no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra a dita resolución, os interesados poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data perante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

Décima.-As viaxes levaranse a cabo entre os días 1 e 14 de abril e 1 e 15 de maio, ambos inclusive.

Cada grupo solicitante estará obrigado a confirma-la súa asistencia ou a súa renuncia con, alomenos, 7 días de antelación, á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago por escrito ou mediante fax.

Os billetes para a viaxe poderán recollerse nas dependencias da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Undécima.-Para que se poida tramita-lo pagamento e como condición inexcusable para o cobramento da subvención, unha vez realizada a viaxe, deberase enviar á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no prazo máximo de 20 días naturais desde a realización da viaxe, a seguinte documentación completa:

-Factura orixinal expedida pola empresa transportista á entidade beneficiaria que xustifique de xeito expreso e desagregado os gastos do transporte.

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

-Certificación bancaria orixinal e actualizada, acreditativa da titularidade da conta onde desexa recibi-la transferencia do beneficiario.

-Parte asinado polo informador cultural e pola persoa responsable do grupo, para xustifica-la realización da viaxe.

Se non tivese lugar a entrega da totalidade da referida documentación no prazo anteriormente establecido, procederase á anulación da subvención.

Duodécima.-A Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago resolverá calquera dúbida que poida xurdir das bases que regulan este programa, sen que en ningún caso poida haber contradicción co disposto nestas.