Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2000 Páx. 516

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 17 de decembro de 1999 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Emprende.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Emprende, con domicilio no Carballiño (Ourense), rúa Carlos Velo nº 2-1º.

Supostos de feito.

1. José Luís Fernández Álvarez, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 24 de marzo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada no Carballiño, o día 26 de febreiro de 1999, ante o notario Juan Antonio Rúa Prieto, co número 241 do seu protocolo outorgada pola Asociación Comarcal de Empresarios do Carballiño.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é o desenvolvemento e fomento económico galego, e moi en particular a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial mediante:

-Promoción de actividades que faciliten o incremento de posibilidades de inserción laboral daqueles colectivos con maior dificultade de acceso ó traballo, mozos en busca do primeiro emprego, mulleres, emigrantes retornados, persoas con minusvalidez...

-Desenvolvemento de accións de formación como vía para a mellora da cualificación profesional de traballadores activos, así como daqueles desempregados que buscan o acceso ó traballo.

-Fomento da economía social, como motor xerador de emprego e riqueza.

-Asesoramento e axuda a aqueles emprendedores que proxecten a creación de empresas nas súas múltiples formas xurídicas, e moi especialmente ós proxectos que consideren o autoemprego.

-Colaboración coa Administración e cos axentes sociais en actividades que busquen o maior coñecemento e a integración no novo marco europeo.

-Cantas accións complementarias sexan necesarias para a realización dos fins fundacionais.

4. O padroado da fundación estará constituído por José Luís Fernández Álvarez como presidente, José Ramón Conde Iglesias como vicepresidente, e Juan Arturo Bravo González como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Emprende, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspon

dente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 14 de decembro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demáis normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Emprende e adscribila á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública