Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 13 de xaneiro de 2000 Páx. 496

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de decembro de 1999 pola que se regulan as subvencións a concellos para a realización de actividades dirixidas á xuventude e promoción da información xuvenil.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude entende que para acada-los obxectivos de participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, é fundamental promove-lo feito asociativo xuvenil así como as actuacións e canles dirixidas a consolidar e garanti-lo acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada dirixida á xuventude, prestándolles apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos ó cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos referidas a este sector da poboación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción das actuacións dirixidas a garanti-lo acceso a unha información orientada á xuventude e ás súas necesidades, de actividades formativas e educativas no ámbito do tempo libre, e na potenciación do asociacionismo xuvenil, actuacións que necesariamente han de influír no desenvolvemento comunitario e na súa formación integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto. O artigo 1º.1 desta orde establece que os expedientes de gasto imputables ós capítulos II, IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse no exercicio inmediatamente anterior, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

A aplicación desta orde supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución orzamentaria, beneficiando moi especialmente os propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3º.1 dispón que na tramitación anticipada de expedientes de subvencións se poderá chegar, como máximo, ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta,

en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude concederalles subvención ós concellos de Galicia para o fomento e a realización de actividades dirixidas á xuventude e promoción da información xuvenil.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actividades destinadas a:

a) Promoción da información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento dun servicio de información xuvenil (contratación de persoal, gastos correntes), así como gastos do servidor para a conexión á RIX.

b) As actividades de dinamización da información: edición de soportes informativos, información e orientación para a promoción do emprego xuvenil, campañas de difusión estacionais e utilización de medios de comunicación.

c) Realización de actividades de carácter socioeducativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan a xuventude.

d) Fomento do asociacionismo xuvenil e participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

e) Actividades de animación sociocultural no ámbito do ocio e o tempo libre e campamentos de verán.

f) Tódalas actividades que se consideren apropiadas para a promoción da xuventude nos termos de formación cultural, humana e integral da persoa.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude financiará as anteditas subvencións con cargo ás partidas orzamentarias 14.05.355B.460.0 e 14.05.355B.461.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 cunha contía máxima de 191.000.000 de pesetas.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar subvencións tódolos concellos da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes dirixiranse á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de

Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Proxecto detallado do programa ou programas de actividades para os que se solicita a subvención, especificando para cada unha delas: actuacións que comprenderá a realización da actividade, número estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos e orzamento de gastos por capítulos.

b) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano competente, en virtude do cal se solicita subvención.

c) Certificación dunha conta bancaria aberta polo concello.

d) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Xuventude poderá requirir dos solicitantes, se fose necesario, a emenda dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. No caso de que o Servicio de Información Xuvenil do concello sexa de nova creación ou non estea recoñecido oficialmente, poderán igualmente optar á subvención das actividades recollidas nas letras a) e b) do punto 2 do artigo 1º desta orde, sempre e cando, ó remate do prazo para a presentación da solicitude de subvención, estea integrado na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, conforme o procedemento establecido no capítulo III do Decreto 243/1998, do 30 de xullo, polo que se regula a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil e as condicións e procedementos para o recoñecemento oficial dos servicios de información xuvenil (DOG nº 158, do 17 de agosto), e cumpra cos requisitos esixidos no artigo 10 do referido decreto.

Artigo 5º.-Contía máxima da subvención.

1. A contía da subvención concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións

públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Na avaliación dos proxectos presentados polos concellos terán consideración prioritaria os relacionados nas letras a) e b) do punto 2 do artigo 1º, tendo especial importancia, como criterio de ponderación específico, a valoración do informe técnico realizado polos servicios provinciais de xuventude ás oficinas municipais de Información Xuvenil.

Así mesmo, e dentro de cada tipo de actividade das relacionadas no artigo 1º.2, terán consideración preferente os seguintes criterios:

-Adecuación das actuacións ó fin perseguido.

-Aqueles que se desenvolvan no medio rural.

-Número de beneficiarios e proxección social das actividades programadas.

-As que teñan algún compoñente educativo ou formativo sobre as simplemente lúdicas.

-A relación entre a actividade que se vai desenvolver e as necesidades ou problemática propia ou máis destacable de cada concello.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Recibidas as solicitudes, coa documentación presentada, serán sometidas a informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude. A directora xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta de resolución á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. A resolución seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictara ou ser impugandos directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Os solicitantes ós que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da comunicación da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, o beneficiario da subvención terá que presenta-las acreditacións establecidas no artigo 79 do Decreto lexis

lativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do que se estableza na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

2. Unha vez realizada a actividade, remitiranse os xustificantes do gasto no que se incorreu, mediante certificación expedida polo secretario do concello, na que se farán consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado e o gasto realizado.

Os xustificantes ou certificacións deberán ser remitidos á Dirección Xeral de Xuventude antes do día 15 de outubro de 2000.

3. Recibida e comprobada a documentación á que fai referencia o punto 1 deste artigo, a directora xeral de Xuventude realizará proposta de pagamento da subvención, de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

Artigo 9º.-Pagamento anticipado.

Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, sempre que o seu importe non supere os límites que estableza a vindeira Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000 para o anticipo de pagamentos en subvencións correntes.

Nos demais casos, o procedemento de pagamento efectuarase conforme dispoña a dita lei.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

Os concellos subvencionados quedarán obrigados a:

1. No caso dos que recibisen axudas con cargo ós orzamentos da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondentes ó ano 1999, cumpri-lo requisito de telas debidamente xustificadas para poderen percibi-la subvención concedida.

2. Non modifica-la programación de actividades aprobadas sen autorización expresa da directora xeral de Xuventude.

3. Facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. Presentar, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. Estar sometido ás actuacións de comprobación que vai efectua-la Dirección Xeral de Xuventude e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Control e posible revogación da subvención.

A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a orientar tecnicamente as actividades, a comproba-los datos económicos, así como a súa efectiva realización, e a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude procederá ó reintegro total ou parcial da subvención concedida cando se incumpra o obxecto do programa ou algunha das condicións establecidas nos artigos 8º e 10º desta orde e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposición adicional

No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero, no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polos concellos desde o 1 de xaneiro do ano 2000, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude, conforme os criterios de valoración establecidos no artigo 6º desta orde, e se cumpren os requisitos e condicións establecidas nela.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude