Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 13 de xaneiro de 2000 Páx. 470

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 29 de decembro de 1999 pola que se convoca o programa Ven ó Camiño para o ano 2000.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo vén desenvolvendo estes últimos anos unha serie de accións tendentes ó achegamento da poboación ó Camiño de Santiago, e merece especial atención a convocatoria do programa Ven ó Camiño.

Este programa naceu co obxectivo de dar a coñece-la realidade do Camiño e o seu contorno, así como os seus valores e sensibilidades. Por outra banda, pretende promove-lo interese polo Camiño entre xente nova e as institucións encamiñadas á formación e á organización de actividades de lecer e tempo libre, sendo o seu fin último a promoción das distintas rutas xacobeas.

Os obxectivos sinalados cumpríronse sobradamente e, dado o elevado número de interesados en participar no dito programa, cómpre convocar unha nova edición deste.

Por todo o exposto e a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago no uso das competencias conferidas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, que regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo convoca o programa Ven ó Camiño, dirixido á xente nova, de acordo coas bases que figuran no anexo I desta orde.

O programa Ven ó Camiño ofrece dous días de estadía e percorrido por puntos emblemáticos e significativos do Camiño Francés, Camiño Norte, Camiño Inglés, Camiño Fisterra-Muxía, Camiño Portugués e Vía da Prata, con aloxamento dunha noite nos albergues que se sinalan na base novena do anexo I desta orde.

Artigo 2º

1. Este programa é excluínte, respecto de calquera outro ou outros programas que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poida convocar para o ano 2000 baixo a denominación «Ven ó...» co obxectivo de promover outras rutas xacobeas, o que significa que a opción por este programa ou por outro dos abranguidos baixo a anterior denominación excluirá de calquera outra das indicadas convocatorias á entidade ou agrupación solicitante. Cada entidade solicitante deberá remitir única e exclusivamente unha instancia e para un só grupo, consonte o modelo de solicitude que figura no anexo II.

2. O desenvolvemento do programa farase de acordo co disposto nas bases que figuran no anexo I desta orde.

Artigo 3º

1. O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é de dous millóns (2.000.000) de pesetas.

2. O libramento dos gastos orixinados por este programa farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-D.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, tendo en conta que, en todo caso, o gasto proxectado se suxeitará á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos ditos orzamentos xerais e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo

ANEXO I

BASES QUE REXEN A CONVOCATORIA DO PROGRAMA VEN Ó CAMIÑO

Primeira.-Poderán acollerse a este programa tódalas institucións e os organismos tradicionalmente vinculados a actividades con xente nova: centros de ensino, clubs xuvenís, catequeses parroquiais, escolas de tempo de lecer, corais e tunas xuvenís, etc.

Segunda.-A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago e no desenvolvemento deste programa, porá á disposición dos participantes:

-Os albergues.

-Un informador do camiño especializado na zona.

-A cantidade de 50.000 (cincuenta mil) ptas. en concepto de axuda para os gastos de transporte por cada institución ou organismo.

A atención e o coidado do grupo, o seu traslado e mantenza serán responsabilidade da institución ou organismo participante, responsable tamén do com

portamento do grupo en relación coas normas do albergue. A ausencia dun comportamento minimamente axeitado a estas normas e convenientemente valorado pola Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago podería ser motivo de anulación da subvención e, se é o caso, de exclusión da entidade en posteriores convocatorias, sen prexuízo de que poidan igualmente esixirse as responsabilidades procedentes.

Terceira.-O número de participantes por cada grupo non será inferior a 15 nin superior a 30, incluíndo neste número os adultos acompañantes, que non excederán de 5.

Os grupos participantes no programa non excederán de 40 e serán seleccionados por orde de recepción da solicitude, e tendo en conta a diversidade de camiños, sempre que cumpran os requisitos que figuran nas bases.

Cuarta.-Cada agrupación levará carteis promocionais do programa, facilitados pola Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no vehículo no que efectúen as viaxes.

Quinta.-Cada entidade ou agrupación interesada enviará unha solicitude, no modelo oficial que figura ó final desta orde, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén a poderán presentar nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, todo isto consonte co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas as solicitudes enviadas por fax, teléfono ou calquera outro dos medios que non figuren no artigo citado.

Sexta.-Nas solicitudes incluiranse os datos identificadores do grupo: colexio ou institución, número de participantes inicialmente previsto, persoa ou persoas responsables, teléfono e fax de contacto, horario de localización, itinerarios e datas preferentes para a viaxe. Recoméndase poñer varias datas, por orde de preferencia, sen que esta elección supoña dereito ningún a prol do solicitante, posto que serán simplemente orientativas para o órgano de tramitación.

A data finalmente adxudicada e comunicada á entidade solicitante non poderá ser modificada, de forma que a imposibilidade de realiza-la viaxe na data prevista suporá a renuncia a ela, agás os supostos de forza maior e na medida que as dispoñibilidades o permitan.

Sétima.-A presentación das solicitudes farase no prazo de 30 días hábiles desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A súa tramitación será levada a cabo polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O prazo máximo de resolución previsto neste procedemento será de seis meses que comezará a contar desde o día seguinte ó último día para a presentación de solicitudes. Malia o anterior, no suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

A resolución, que corresponderá ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra a dita resolución os interesados poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data perante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

Oitava.-As viaxes realizaranse nos meses de marzo e abril do ano 2000, ou entre o 1 e o 31 de outubro, ambos inclusive, de 2000. A duración será de dous días (unha noite), que poden ser ou non en fin de semana.

Cada grupo solicitante estará obrigado a confirma-la súa asistencia ou renuncia con, polo menos, sete días de antelación á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, por escrito ou mediante fax 981 54 48 70.

Novena.-Os albergues nos que se poderán aloxa-los solicitantes son os seguintes:

Triacastela, Portomarín, Melide, Lourenzá, Miño, Fisterra, Redondela, Padrón e San Cristovo de Cea; agás nos casos imprevistos, nos que se poderán utilizar outros albergues do Camiño.

Os itinerarios que se suxiren son simplemente indicativos, podendo ser axustados e acurtados, pero sen varia-lo albergue que deba servir de aloxamento.

R-1. O Cebreiro-Triacastela-Samos, con aloxamento no albergue de Triacastela.

R-2. Sarria-Paradela-Portomarín, con aloxamento no albergue de Portomarín.

R-3. Monterroso-Palas de Rei-Melide-Arzúa-Toques-Sobrado-O Pino, con aloxamento no albergue de Melide.

R-4. Ribadeo-Barreiros-Trabada-Lourenzá-Mondoñedo-Abadín-Vilalba, con aloxamento no albergue de Lourenzá.

R-5. Pontedeume-Miño-Betanzos, con aloxamento no albergue de Miño.

R-6. Muxía-Cee-Corcubión-Fisterra, con aloxamento no albergue de Fisterra.

R-7. Tui-O Porriño-Mos e Redondela, con aloxamento no albergue de Redondela.

R-8. Pontevedra-Barro-Portas-Caldas-Valga-Cesures e Padrón, con aloxamento no albergue de Padrón.

R-9. Ourense-Cambeo e San Cristovo de Cea, con aloxamento no albergue de San Cristovo de Cea.

Décima.-Para que se poida tramita-lo pagamento e como condición indispensable para o cobramento

da subvención, unha vez realizada a viaxe, é imprescindible enviar á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no prazo de 20 días naturais desde a realización da viaxe, a seguinte documentación:

-Factura orixinal expedida pola empresa transportista á entidade beneficiaria que xustifique de modo expreso e desagregado os gastos de transporte.

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

-Certificación bancaria orixinal, acreditativa da titularidade da conta onde desexa recibi-la transferencia o beneficiario.

-Parte asinado polo informador cultural ou, se é o caso, polo encargado do albergue, así como pola persoa responsable do grupo, para xustifica-la realización da viaxe.

Se a citada xustificación non tivese lugar no prazo anteriormente establecido, procederase á anulación da subvención.

Décimo primeira.-A Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago resolverá calquera dúbida que poida xurdir das bases que regulan este programa, sen que, en ningún caso, poida haber contradicción co disposto nestas.