Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2000 Páx. 412

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de decembro de 1999 pola que se regula a constitución e funcionamento das unidades docentes para a formación de especialistas en medicina familiar e comunitaria.

A progresiva complexidade da medicina e o recoñecemento de que a función do médico xeral requiría dunha formación de posgrao específica deu lugar no seu día á creación da especialidade de medicina familiar e comunitaria.

Aínda que inicialmente a organización da formación especializada en medicina familiar e comunitaria seguiu un curso similar ó das outras especialidades centrándose no hospital, o desenvolvemento paulatino da atención primaria aconsellou no seu momento (1994) que o programa de formación pasara a depender da estructura propia deste nivel asistencial.

En desenvolvemento dos reais decretos 127/1984 e 2708/1982, a Orde do 22 de xuño de 1995 veu detalla-lo sistema de avaliación da formación dos médicos especialistas, a constitución e o funcionamento dos órganos competentes para a súa aplicación e, ó mesmo tempo, tiña en conta determinadas especificidades en canto ó programa formativo en medicina familiar e comunitaria, por canto que o seu período de formación se desenvolve tanto no ámbito intrahospitalario como no extrahospitalario.

A reforma do nivel de atención primaria en Galicia operada polo Decreto 200/1993 atribuíu, entre outras, ós servicios de atención primaria a función relativa ó desenvolvemento de programas de formación continuada, docencia e investigación.

O obxecto desta orde é, á vista do exposto, o de regular, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a constitución e o funcionamento das unidades docentes de medicina familiar e comunitaria, de forma que se garante a calidade e adecuación da formación propia desta especialidade e aqueloutros aspectos fundamentais relacionados coa función docente. Dado o carácter integral da formación, introdúcense nesta orde algúns aspectos relacionados coa actividade investigadora da atención primaria.

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-las unidades docentes de medicina familiar e comunitaria que serán as que teñan a responsabilidade sobre a organización e supervisión do desenvolvemento dos programas para a formación en medicina familiar e comunitaria, así como o control sobre o cumprimento dos seus obxectivos, velando pola súa calidade e a súa adecuación ás normas que rexen á formación nesta especialidade, e promovendo a investigación no ámbito da atención primaria.

Artigo 2º.-Constitución, composición e creación das unidades docentes.

1. A unidade docente está funcionalmente constituída polo conxunto de centros de atención primaria, hospitais e centros asistenciais que lle sexan adscritos para o desenvolvemento do programa formativo.

2. A súa estructura ou composición orgánica estará integrada polo conxunto de órganos unipersoais e colexiados que lle sexan adscritos co obxecto de atende-los seus fins.

3. Cada unidade docente, de conformidade co establecido na normativa básica, incorporará, alomenos, un hospital e un centro de atención primaria e contará cun técnico de saúde pública.

4. Crearase, polo menos, unha unidade docente en tódalas xerencias de atención primaria nas que existan centros acreditados para a formación especializada en medicina familiar e comunitaria.

5. Quedan constituídas as unidades docentes seguintes: Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo. Se o número de residentes, a súa distribución territorial ou outras circunstancias (cambios nas estructuras de xestión) o fixesen necesario, podería acordarse, excepcionalmente, a creación doutras unidades.

Artigo 3º.-Órganos da unidade docente.

As unidades docentes contarán cos seguintes órganos:

-Coordinador da unidade docente.

-Titores de atención primaria.

-Titor hospitalario.

-Comisión asesora.

-Comité de avaliación.

Artigo 4º.-Das funcións da Xerencia de Atención Primaria.

1. As xerencias velarán, en colaboración coas unidades docentes, polo correcto desenvolvemento do programa de formación en medicina familiar e comunitaria.

Con este fin dotarán as unidades docentes, dentro das dispoñibilidades orzamentarias existentes, dos medios materiais e humanos que resulten necesarios para o correcto desenvolvemento das funcións que corresponden á unidade docente de medicina familiar e comunitaria, ó seu coordinador e á comisión asesora.

Así mesmo, e dentro do marco da colaboración a que se alude nos parágrafos anteriores, garantirase o apoio material e humano necesario para o desenvolvemento das actividades docentes, así como para o acceso e a utilización de material bibliográfico, documental, informático, audiovisual ou doutra natureza, que dentro das posibilidades da xerencia lle poidan ser facilitados e que sexan necesarios para o bo funcionamento da unidade.

2. Dada a necesidade de promove-la actividade investigadora natural da atención primaria no desenvolvemento formativo dos MIR, as xerencias impulsarán e darán soporte, dentro das súas posibilidades, á actividade investigadora no eido da atención primaria, participando activamente nas unidades de investigación da área de saúde, en coordinación con atención especializada, ou ben mediante a constitución de novas unidades de investigación en atención primaria se estiveran xustificadas éstas pola envergadura da súa actividade.

As unidades de investigación de área ou de atención primaria terán como principal función a de promove-la investigación de calidade, dando o apoio metodolóxico, material e administrativo necesario para a investigación dos profesionais de atención primaria, á unidade docente e á propia xerencia.

As unidades de investigación contarán, entre outros medios, coa participación de técnicos de saúde pública. Estes, que necesariamente desenvolverán algunha actividade investigadora, contribuirán a mellora-la súa calidade.

3. O xerente terá, entre as que lle foron atribuídas legalmente, as seguintes funcións:

a) Nomear, de acordo coa normativa vixente, o coordinador da unidade docente.

b) Nomea-los titores do programa de formación da especialidade de medicina familiar e comunitaria en atención primaria, por proposta do xefe da unidade ou servicio de atención primaria, entre os facultativos da institución que se encontren en posesión do título de especialista requirido e logo de valoración e informe do coordinador docente e da comisión asesora.

c) Formula-la proposta anual do número de prazas para ofertar de médicos residentes, escoitado o xefe da unidade ou servicio de atención primaria e logo de informe da comisión asesora.

d) Exercer, para cos médicos internos residentes (MIR) dela dependentes, tódalas funcións que lle correspondan en función do seu vínculo contractual e do seu labor asistencial.

e) Presentar, perante o Ministerio de Educación e Ciencia, as solicitudes para a acreditación dos centros e das unidades docentes.

Artigo 5º.-Funcións da unidade ou servicio de atención primaria e do seu xefe de servicio.

1. Os xefes dos servicios ou unidades de atención primaria acreditados para a docencia terán a obriga de velar polo correcto desenvolvemento do programa de formación dentro do seu ámbito de competencias. Para isto facilitaranlles ós titores o seu labor e garantirán que no servicio se realicen sesións clínicas e aqueloutras actividades docentes e de investigación necesarias tanto para a boa formación dos MIR como de mellora dos profesionais integrantes da unidade ou servicio.

2. Xunto cos titores e demais membros do servicio de atención primaria farán en todo momento prevale-los valores éticos, docentes, investigadores e, en xeral, todos aqueles necesarios para un adecuado desenvolvemento profesional dos médicos de familia co obxecto de que poidan ser transmitidos ós MIR.

3. O xefe de servicio ou unidade de atención primaria será o responsable de que os usuarios estean informados do carácter docente do centro e da presencia nel dos MIR en período de formación especializada.

4. Sen prexuízo das competencias atribuídas á unidade docente, será o responsable inmediato de atender calquera observación feita polos MIR durante a súa estadía no centro.

5. Os xefes de servicio serán os encargados de promove-la solicitude de acreditación docente do seu centro perante a xerencia.

Artigo 6º.-O coordinador da unidade docente.

1. O coordinador da unidade docente será nomeado entre os médicos de atención primaria en exercicio no ámbito territorial da Xerencia de Atención Primaria, que posúan o título de especialista en medicina familiar e comunitaria e que teñan acreditada experiencia clínica, docente e investigadora. Será un requisito indispensable para o seu nomeamento ter experiencia docente nos programas acreditados de formación de residentes (especialista vía MIR ou similar).

2. O coordinador da unidade é o responsable da dirección e o desenvolvemento do programa de formación en medicina familiar e comunitaria.

3. Desempeñará as seguintes funcións:

a) Xestiona-los recursos materiais e humanos especificamente adscritos á unidade docente.

b) Deseño e proposta á comisión asesora do programa de actividades anuais.

c) Elaboración da proposta do orzamento anual das actividades.

d) Coordina-las actividades dos titores e supervisa-la aplicación práctica do programa docente da especialidade.

e) Atender e soluciona-los posibles conflictos ou reclamacións.

f) Responsabilizarse da avaliación das actividades da unidade docente e do programa de formación, conforme a normativa que a regula.

g) Constituír e presidi-la comisión asesora e as demais comisións e comités ós que fai referencia esta orde.

h) Participar como vocal da comisión de docencia do hospital ou hospitais que teñan como referencia á súa unidade docente.

i) Presentar perante a comisión asesora a proposta de nomeamento de titores realizada polos xefes de

unidade ou servicio de atención primaria e determinarán cál é o número necesario e suficiente de titores para nomear pola xerencia en función do número de especialistas en período de formación.

j) Presentar perante a comisión asesora para súa aprobación a memoria anual da unidade docente.

k) Participar nas actividades de soporte e promoción da investigación.

l) Todas aquelas outras que sexan necesarias para alcanza-los obxectivos da unidade docente, as que lle delegue a xerencia no ámbito da súa actuación ou se deriven da lexislación vixente.

Artigo 7º.-Os titores de atención primaria.

1. A súa designación efectuaraa a xerencia de atención primaria por proposta do xefe de unidade ou servicio de atención primaria, entre os facultativos dela que se encontren en posesión do título da especialidade. Para o seu nomeamento terase consideración a valoración que efectúen a comisión asesora e o coordinador da unidade docente.

2. O seu nomeamento será polo tempo equivalente ó de duración do período completo de formación na especialidade (actualmente é de tres anos). Finalizado este período, extínguese a súa responsabilidade ou encomenda podendo ser relevado o titor da súa responsabilidade ou ben ser renovada a esta.

3. As súas funcions serán:

a) A proposta á comisión asesora dos plans individuais de formación para cada MIR ó seu cargo.

b) A supervisión directa e continuada da realización dos ditos plans e o control da actividade asistencial dos MIR ó seu cargo sen prexuízo das competencias do xefe de servicio de atención primaria.

c) O fomento da participación nas actividades docentes e de investigación da súa unidade ou servicio, da unidade docente e da xerencia.

d) A avaliación continuada dos MIR ó seu cargo.

e) A elaboración, coa participación dos MIR ó seu cargo, dunha memoria anual das actividades docentes da súa unidade acreditada, que remitirá á comisión asesora.

f) Todas aquelas outras que sexan necesarias para acada-los obxectivos que lle son propios ou se derivan da lexislación vixente.

4. Os titores designados nunha unidade ou servicio de atención primaria proporanlle ó coordinador da unidade docente un responsable, elixido entre eles, do desenvolvemento do programa docente de medicina familiar e comunitaria no seu servicio ou unidade, exercendo funcións de interlocución coa unidade docente.

Artigo 8º.-O titor hospitalario.

1. En cada hospital adscrito á unidade docente de medicina familiar e comunitaria existirá un titor hospitalario o cal será nomeado polo director xerente

do hospital por proposta do coordinador da unidade docente, e por un período de duración equivalente á duración da formación completa na especialidade. Finalizado este período extínguese a súa responsabilidade ou encomenda de tal xeito que pode ser relevado o titor da súa responsabilidade ou ben ser renovado nela.

2. As súas funcións serán:

a) Coordinar e supervisa-la execución do programa da especialidade na fase intrahospitalaria.

b) Supervisa-la actividade asistencial dos MIR de medicina familiar e comunitaria na súa fase intrahospitalaria.

c) Asesora-lo coordinador da unidade docente e participar nas reunións da comisión asesora.

d) Elabora-la memoria anual das actividades realizadas no hospital e o grao de cumprimento dos obxectivos previstos.

e) Todas aquelas outras que sexan necesarias para acada-los obxectivos que lle son propios ou se deriven da lexislación vixente, sen prexuízo da competencia que lles poida corresponder a outros órganos.

Artigo 9º.-Profesores colaboradores.

O coordinador da unidade docente poderá requiri-la colaboración daqueles profesionais que, polos seus coñecementos, capacidade, experiencia ou formación se considere que poidan servir ó mellor desenvolvemento do programa de formación dos médicos especialistas, sen que tal colaboración poida ser entendida como vinculatoria do colaborador coa unidade docente ou coa xerencia se é o caso.

Artigo 10º.-Comisión asesora da unidade docente.

Cada unidade docente constituirá unha comisión asesora que asumirá as seguintes funcións:

1. Colaborar co coordinador da unidade docente en:

a) A organización, xestión e o control do cumprimento das actividades e obxectivos correspondentes á formación do MIR en medicina familiar e comunitaria dependentes dela.

b) A supervisión da aplicación práctica da formación e a súa integración coa actividade asistencial.

c) A programación anual de actividades.

d) O informe á xerencia sobre a proposta de oferta anual de prazas de formación, así como da súa valoración das propostas de nomeamiento de titores.

e) A elaboración da memoria das actividades de formación especializada desenvoltas na unidade docente.

2. Emitir informe ás autoridades administrativas cando se aprecie a posible infracción das disposicións vixentes sobre formación especializada.

3. Solicita-la realización de auditorías docentes cando as circunstancias así o demanden.

4. Realiza-los informes que lle sexan solicitados polos ministerios de Educación e Ciencia e de Sanidade e Consumo.

5. Cantas outras funcións lle sexan asignadas nas disposicións vixentes.

A composición concreta de cada comisión será determinada pola xerencia de atención primaria por proposta do coordinador da unidade docente e en función do número de profesionais que a integren ou que reciban formación nela. En todo caso, constituirán a comisión asesora os seguintes membros:

a) O coordinador da unidade docente que asumirá a súa presidencia.

b) Un membro da xerencia de atención primaria que actuará como representante da comunidade autónoma.

c) Representantes dos MIR que cursan o programa de formación na unidade docente.

d) Os responsables de docencia de cada unha das unidades ou servicios de atención primaria do ámbito competencial da unidade docente.

e) Representantes dos titores hospitalarios e extrahospitalarios da especialidade.

f) Un representante elixido entre os técnicos de saúde da unidade docente.

A persoa que desempeñe as funcións de apoio administrativo á unidade docente asumirá a función de secretario da comisión, con voz pero sen voto. A súa designación compete ó xerente de atención primaria entre o persoal administrativo da xerencia. No seu defecto ou ausencia o xerente designará outro secretario entre o persoal da xerencia que cumpra co mesmo perfil profesional.

A comisión asesora de cada unidade docente poderá constituír como órgano de apoio e consultivo dela un comité de acreditación de titores que estará formado por:

a) O coordinador da unidade docente, que asumirá a súa dirección.

b) O responsable de docencia de cada unha das unidades/servicios de atención primaria acreditados.

c) O técnico de saúde da comisión asesora, que actuará como secretario da comisión.

As funcións deste comité serán:

a) Estudiar e dictaminar sobre as solicitudes de acreditación docente.

b) Estudiar e dictaminar sobre as reacreditacións de titores de atención primaria.

c) Cantas outras funcións lle sexan asignadas nas disposicións vixentes.

d) Presentar perante a comisión asesora as súas conclusións.

Artigo 11º.-Comité de avaliación da unidade docente.

En cada unidade docente constituirase un comité de avaliación. A súa función será realiza-la avaliación anual dos MIR de medicina familiar e comunitaria asignados a ela no referente ós períodos de formación extrahospitalaria de acordo co previsto na lexislación vixente.

A súa composición será:

a) O coordinador da unidade docente, que a presidirá e dirimirá, co seu voto, os empates que puideran producirse.

b) Un médico especialista en medicina familiar e comunitaria designado pola comisión asesora.

c) O titor asignado ó médico en formación que vai ser avaliado.

d) O vocal da comisión asesora que representa á comunidade autónoma.

O secretario deste comité será o secretario da unidade docente e da comisión asesora, con voz pero sen voto nas reunións. No seu defecto ou ausencia o xerente designará outro secretario entre o persoal da xerencia co mesmo perfil profesional.

Disposicións adicionais

Primeira.-As xerencias de atención primaria adoptarán as medidas oportunas para que as unidades docentes poidan desenvolve-las súas funcións eficazmente. E sempre que sexa posible, tales funcións desenvolveranse sen menoscabo da actividade profesional dos interesados e dentro da súa xornada ordinaria de traballo.

Dependendo do número de médicos en formación na unidade docente, a súa dedicación e participación na unidade de investigación ou a súa implicación noutras actividades relacionadas, poderanse ter en conta diferentes graos de dedicación e compatibilidade coa súa actividade asistencial.

Segunda.-As xerencias de atención primaria remitirán á División Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, para a súa remisión á Dirección Xeral de Ordenación Profesional do Ministerio de Sanidade e Consumo, a seguinte documentación:

a) Copia do nomeamento do coordinador da unidade docente.

b) Memoria anual das actividades de formación especializada intra e extrahospitalarias.

c) Certificación das cualificacións asignadas na avaliación anual a cada un dos especialistas en formación.

d) O informe agregado dos resultados da avaliación das unidades asistenciais a que se refire o punto décimo segundo da orde do Ministerio de Presidencia do 22 de xuño de 1995.

e) Propostas de avaliación final do período de formación, xunto cos correspondentes libros do especialista en formación.

Terceira.-Os órganos competentes do Servicio Galego de Saúde poderán acordar-los programas e plans especiais necesarios para o desenvolvemento do previsto nesta presente orde, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As xerencias de atención primaria arbitrarán os mecanismos necesarios para facer efectivo o contido desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais