Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 11 de xaneiro de 2000 Páx. 388

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de decembro de 1999 pola que se regulan as axudas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, e o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreo 117/1999, do 23 de abril, atribúelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15.b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ó capítulo VII, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

No texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2000, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 14 de outubro de 1999.

Con este fin, no devandito proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000 na aplicación 14.02.212D.780.0 existe partida orzamentaria consignada por importe de 35.220.000 ptas. para as axudas que se establecen no articulado desta orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes

de entidades privadas de iniciativa social que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e na Orde do 29 de febreiro de 1996, da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia que presten atención educativa e asistencial a nenos/as de 0 a 3 anos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os obxectivos anteriores, desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no Rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de investimento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Gastos de equipamento e mobiliario.

Artigo 4º.-Normas xerais de subvención.

O importe das subvencións por investimento reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade para desenvolver polo beneficiario.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

A) Documentación xeral:

1. Ficha bancaria (anexo II).

2. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

3. Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

4. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

5. Declaración de tódalas solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de entidades privadas.

6. Fotocopia compulsada do permiso para o inicio das actividades de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995, e co artigo 51 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996, ou certificación acreditativa de que o dito permiso está en trámite.

7. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme os anexos III e IV desta orde.

Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar, ademais, fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

B) Documentación específica:

B.1. Para subvencións de reforma e adecuación.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do solicitante do inmoble ou, se este está en aluguer ou cedido, certificado do propietario facendo consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

c) Características técnicas do centro para o que se propón a súa reforma e memoria explicativa dos fins concretos que se perseguen.

d) Memoria descritiva das obras que se van realizar, cun orzamento incorporado.

e) Plan de financiamento da obra.

f) No caso de que a reforma ou adecuación supoña unha modificación substancial do centro, segundo establece o artigo 14.2º do Decreto 243/1995, é necesario presentar copia da solicitude da oportuna autorización administrativa.

B.2. Para subvencións de equipamento.

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretendan realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía, con xustificación da súa necesidade.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a reforma do centro, acreditación de que a obra estea totalmente rematada.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requiriráselle ó interesado para que, nun prazo de dez días, corrixa a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas, seguindo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: xefe do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario con voz pero sen voto. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da intervención territorial.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

A concesión de subvencións resolverase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios de preferencia:

A. Adecuación ós requisitos que sobre instalacións e condicións materiais establece a normativa vixente. Valóranse, en especial, as seguintes actuacións:

1. Reforma e equipamentos nas aulas destinadas a nenos/as menores de 2 anos para habilitar áreas diferenciadas para descanso e hixiene dos pequenos.

2. Creación de espacios axeitados para preparación de alimentos, nos centros que atenden nenos/as menores dun ano, con capacidade para equipamentos que determina a normativa vixente.

3. Habilitación dun aseo por sala para nenos/as de 2 a 3 anos, que deberá ser visible e accesible desde esta.

4. Creación de comedores escolares. Reforma e equipamento dos patios de xogo para a súa adecuación á normativa en vigor.

5. Emenda das deficiencias que afectan á seguridade dos usuarios: sistemas contra incendios, iluminación e sinalización de emerxencia, deseño de portas e ventás, sistemas de calefacción e elementos calefactores, enchufes, etc.

B. Obras de ampliación de infraestructura que, respectando a normativa vixente, permitan o aumento do número de prazas ou de grupos de idade ata cubri-la

completa atención ó primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos).

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, despois da súa fiscalización pola intervención, de conformidade co establecido no Decreto 258/1990, do 27 de abril, polo que se establece o réxime de axudas e subvencións en materia de servicios sociais e no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias dos conselleiros nos delegados provinciais en materia de axudas e subvencións, con cargo ós créditos dos capítulos IV e VII que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

2. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de 3 meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

5. Se a entidade estivese tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 10º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. A subvención aboarase conforme o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2000, unha vez efectuado o gasto e presentada

ante a delegación provincial da consellería a seguinte documentación, segundo os casos:

a) Subvención para reforma e adecuación de centros:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificación ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Autorización administrativa do órgano competente, se é o caso.

b) Subvención para equipamento:

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais debidamente conformadas de cada unha das casas subministradoras.

Nos dous puntos anteriores, as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro (BOE 312, do 30 de decembro), polo que se regula o deber de expedición e entrega de facturas de empresarios e profesionais.

2. Os beneficiarios das subvencións, con independencia da súa contía e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, terán que acreditar que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias, sociais e de non teren pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 11º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e o control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12º

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º

No caso de ter recibido financiamento público, non poderá autorizarse o cesamento de actividades dun

centro a non ser que a parte de financiamento non amortizada revertese á Administración autonómica. Para tales efectos entenderase que o financiamento para investimento inmobiliario se amortizará ós 20 anos e a destinada a equipamento ós 5 anos.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos

orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico do ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude