Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 11 de xaneiro de 2000 Páx. 381

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 21 de decembro de 1999 pola que se regulan as axudas para investimento de centros e servicios de atención a menores dependentes de entidades de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencias exclusivas en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das súas áreas de actuación, a familia, infancia e mocidade, e nos artigos 53 ó 57 inclusive, as liñas, forma de convocatoria, condicións, requisitos e tipos de subvencións que poderán establecerse na materia.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude (modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril), atribúelle á devandita consellería, no seu artigo 1, competencia en materia de familia, infancia e menores, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece no seu artigo 15.b) que a Xunta de Galicia promoverá o coñecemento e fomento dos recursos destinados á atención á infancia e á adolescencia, procurando que os menores dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

No texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2000, establécense os requisitos e normas necesarios e básicos para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto sinala, no seu artigo 1.1º, a posibilidade da dita tramitación «no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, aínda cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación...».

A aplicación desta norma supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución do orzamento,

beneficiando moi especialmente os propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3.1º dispón que «Na tramitación anticipada de expedientes de subvencións e outros gastos non contractuais poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó de disposición ou compromiso de gasto».

No proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para ó 2000 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 14 de outubro de 1999, na aplicación 14.02.212D.780.00 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 24.780.000 ptas., ou o seu equivalente en euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é convoca-la concesión de axudas económicas para as entidades de iniciativa social que presten servicios de atención ós menores institucionalizados, co fin de levar a cabo os investimentos que sexan necesarios para a súa adecuación ós principios establecidos no Plan de equipamentos na área de menores en desprotección social, incluído no Plano integral de apoio á familia. As ditas entidades deben cumpri-los requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e na Orde do 29 de febreiro de 1996, da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

Os centros e servicios obxecto de subvención en virtude desta convocatoria son aqueles establecementos que serven de soporte convivencial para unha atención especializada a menores en situación de desamparo ou marxinación social, non susceptibles de acollerse a outro tipo de medidas (axudas en familia, adopcións, acollementos familiares,... ), que ofrecen transitoriamente aloxamento, asistencia integral e unha dotación de servicios e programas especialmente orientados cara á normalización, personalización e integración socio-familiar dos seus beneficiarios.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-la concesión das axudas as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que presten servicios de atención a menores na Comunidade Autónoma e estean inscritas no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais desta consellería, a teor do diposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993,

do 14 de abril, de servicios sociais, no relativo ós rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención para investimento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Equipamento e mobiliario.

-Adquisición de inmobles.

-Construcción de nova planta.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

A contía destas axudas fixarase en función das necesidades de cada centro, do proxecto presentado e do orzamento total asignado a este fin.

Artigo 5º.-Normas xerais de subvencións.

a) O importe das subvencións para investimento reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

b) As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia ás entidades de iniciativa social.

c) As axudas reguladas nesta orde poderán estar suxeitas á formalización dun convenio entre a entidade beneficiaria e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As entidades presentaran xunto coa solicitude (anexo I) a documentación que a continuación se sinala:

1. Documentación xeral:

a) Memoria da institución segundo modelo oficial (anexo II).

b) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Declaración xurada da solicitude e concesión das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade e procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, ou negativa, se é o caso.

e) Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez ou as que aínda téndoas solicitadas en anos anteriores sufriran variacións estatutarias,

deberán presentar tamén fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que houbera neles.

f) Copia compulsada do permiso para o inicio das actividades, ou da solicitude deste, de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995, e co artigo 5 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996.

2. Documentación específica:

2.1. Para adquisición de bens inmobles.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste a favor do vendedor.

b) Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

c) Informe técnico sobre o estado do inmoble.

2.2. Para subvencións de construcción, reforma e adecuación:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do solicitante do inmoble ou, se este é en alugamento ou cedido, certificado do propietario no que faga consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

c) Memorias das obras que se van realizar, cun orzamento incorporado.

d) Plan de financiamento da obra.

e) Cando a subvención se solicite para a creación dun centro e no caso de que a reforma ou a adecuación supoñan unha modificación substancial do centro, segundo establece o artigo 14.2º do Decreto 243/1995, é necesario presentar copia da solicitude da oportuna autorización administrativa ou desta autorización se xa estivera concedida.

2.3. Para subvencións de equipamento:

a) Memoria do equipamento e orzamento do importe das adquisicións que se pretendan realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción do centro, acreditación de que a obra está totalmente rematada.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requiridas presentaranse de conformidade cos modelos normalizados nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e

Xuventude, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Aquelas entidades de carácter supraprovincial que tivesen equipamentos en varias provincias presentarán, de se-lo caso, unha solicitude para cada provincia competente.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos incluídos nesta orde. De non ser así, requiriráselle ó interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión provincial de valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas, seguindo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

-Presidente: o xefe de Servicio de Familia, Infancia e Menores.

-Vocais: dous funcionarios da respectiva delegación provincial designados polo delegado provincial; un deles actuará como secretario. Así mesmo, participará un representante da intervención territorial, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Para a concesión de subvencións terase en conta que os centros de menores deberán reuni-las características e requisitos regulados no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e na Orde do 29 de febreiro de 1996 pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

Ademais, a comisión de valoración poderá ter en conta os seguintes aspectos:

1. Tender a unha máxima flexibilización respecto ás condicións de admisión e permanencia dos menores nas institucións, para permitir acoller conxuntamente a grupos de irmáns.

2. Integra-los menores no sistema escolar ordinario e procura-la súa participación nas actividades asociativas de tempo libre do seu medio.

3. Ofrecer unha atención especializada en réxime permanente (diurno e nocturno) durante todo o ano:

-Satisfacción das necesidades primarias.

-Servicio de titorías.

-Apoio e seguimento escolar.

-Atención sanitaria.

-Tempo libre.

-Apoio e orientación ás familias.

4. Profesionaliza-la práctica educativa e asistencial das institucións de menores:

-Contar con educadores profesionais.

-Dispoñer dun proxecto educativo.

-Emitir periodicamente os informes e as memorias necesarios.

5. Cooperar e traballar coas familias naturais dos menores, fomentando as visitas e os contactos familiares.

6. Coordinarse cos diversos estamentos de servicios sociais para facer efectivo un seguimento e apoio post-institucional que favoreza a integración sociolaboral dos menores acollidos.

7. Cumprir cos dereitos dos usuarios de centros e equipamentos residenciais, e máis en concreto cos seguintes:

-A acceder a eles e a recibir asistencia sen discriminación por razón de raza, sexo, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

-Á consideración no trato.

-Ó segredo profesional.

-A realizar saídas ó exterior. Este dereito estará suxeito á limitación que poida establecer unha resolución xudicial.

-A manter relacións interpersoais, incluíndo o dereito a recibir visitas.

-A unha asistencia individualizada acorde coas súas necesidades específicas.

-Á intimidade persoal en función das condicións estructurais do centro.

-A que se lle facilite o acceso á atención social, sanitaria, educacional, cultural, etc.

-A asociarse.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A concesión das axudas, por proposta da comisión de valoración, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, despois da súa fiscalización pola intervención, de conformidade co establecido

no Decreto 258/1990, do 27 de abril, polo que se establece o réxime de axudas e subvencións en materia de servicios sociais e no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias dos conselleiros nos delegados provinciais en materia de axudas e subvencións con cargo ós créditos dos capítulos IV e VII que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

2. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdicción contencioso-admnistrativa competente no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto o recurso de reposición expresamente ou por desestimación presunta.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Cando concorran as circunstancias previstas no punto 2.2.e) do artigo 6 desta orde, a resolución de concesión de subvención entenderase condicionada a que a entidade obteña a autorización administrativa correspondente, da que deberá remitir copia compulsada nos 5 días seguintes a súa obtención. Se non se fixera así a concesión da subvención entenderase revogada.

6. Así mesmo, se a entidade estivera tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Os beneficiarios das subvencións con independencia da súa contía, e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún

concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. A subvención aboarase unha vez efectuado o gasto. Será necesario presentar na delegación provincial da consellería a seguinte documentación:

a) Subvención para adquisición de inmobles: o aboamento da subvención efectuarase unha vez presentada ante o órgano que a concedeu unha copia da escritura pública de compravenda.

b) Subvencións para construcción, reforma e adecuación de centros:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificado ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Autorización administrativa do órgano competente, se é o caso.

c) Subvencións para equipamento:

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

Nos dous puntos anteriores as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro (BOE 312, do 30 de decembro), polo que se regula o deber de expedición e entrega de facturas de empresarios e profesionais.

4. A data límite de presentación das xustificacións será o 31-12-2000.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

a) Facer constar en todo tipo de publicidade e información a condición de subvencionada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

c) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción

do Emprego, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Acreditar ante o órgano concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determine a concesión da axuda ou subvención.

Artigo 13º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Reversión da subvención.

De acordo co establecido no artigo 28 do Decreto 243/1995, no caso de ter recibido financiamento público, non poderá autorizarse o cesamento de actividades dun centro a non ser que a parte de financiamento non amortizada revertese á Administración autonómica. Para tales efectos, entenderase que o financiamento para investimento inmobiliario se amortizará ós 20 anos, e a destinada a equipamento ós 5 anos.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, na tramitación anticipada de expedientes de subvencións poderase chegar como máximo ata o momento anterior á disposición ou compromiso de gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos desta Comunidade Autónoma para o exercicio económico de 2000 para estes fins.

Terceira.-En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude