Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 11 de xaneiro de 2000 Páx. 395

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

MINISTERIO DE FOMENTO

ORDE do 28 de decembro de 1999 pola que se aproba o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto da Coruña.

A Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, establece no seu artigo 15 que o Ministerio de Fomento delimitará nos portos de competencia estatal unha zona de servicio que incluirá as superficies de terra e auga necesarias para a execución das súas actividades, as destinadas a tarefas complementarias daquelas e os espacios de reserva que garantan a posibilidade de desenvolvemento da actividade portuaria. A delimitación da zona de servicio farase, por proposta da autoridade portuaria, a través dun plan de utilización dos espacios portuarios que incluirá os usos previstos para as diferentes zonas do porto, así como a xustificación da necesidade ou conveniencia dos ditos usos.

A aprobación do Plan de utilización dos espacios portuarios correspóndelle ó ministro de Fomento, logo de informe de Portos do Estado, da Dirección Xeral de Costas e das administracións urbanísticas sobre os aspectos da súa competencia, así como dos demais departamentos ministeriais e administracións públicas afectadas, e levará implícita a declaración de utilidade pública para efectos expropiatorios dos bens de propiedade privada, así como a afectación ó uso portuario dos bens de dominio público incluídos na zona de servicio que sexan de interese para o porto.

De conformidade co disposto polo citado precepto formulouse e tramitouse o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto da Coruña, de interese xeral do Estado segundo o artigo 5 e o punto 4º do anexo da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, no que se tiveron en conta as necesidades de augas abrigadas, liñas de atracada e superficies de terra que son necesarias para poder atender debidamente a demanda de tráfico do porto nos vindeiros anos.

A zona de servicio do porto, delimitada polo Plan de utilización dos espacios portuarios, afecta ós termos municipais da Coruña e Arteixo e aparece estructurada en diversas áreas ás que se lles asignan os usos portuarios precisos e a xustificación da súa necesidade ou conveniencia, incluíndose a rede viaria cos seus accesos.

A superficie terrestre da zona de servicio experimenta algunhas modificacións respecto da aprobada pola Orde do 5 de agosto de 1961, reformada parcialmente pola Orde do 30 de novembro de 1966, e vixente ata agora de conformidade co establecido pola disposición adicional primeira da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, pois aínda que o Plan de utilización dos espacios portuarios que agora se aproba consolida, con escasas modificacións, as áreas portuarias actuais, procede a afectar ó uso portuario unha superficie do dominio público marítimo-terrestre, como área de reserva, para a futu

ra construcción doutro enclave portuario que permita atende-lo incremento da demanda derivado do crecemento do tráfico e libera-la cidade da realización de determinadas operacións comerciais sobre certas mercadorías.

Pola súa parte, a delimitación vixente das augas portuarias aprobada pola Orde do 23 de decembro de 1966 non experimenta máis que lixeiras modificacións, xa que o plan de utilización propón mínimas variacións debidas, dunha parte, á construcción da dársena de Oza e, doutra, á necesidade dunha definición máis precisa dos seus límites. Ademais, a existencia de determinados portos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia supón a exclusión da zona II das augas do porto das correspondentes zonas de auga dos portos de Santa Cruz e de Mera. Así mesmo, exclúese unha banda de auga máis próxima á costa naqueles tramos do litoral non incluídos na zona de servicio do porto, medida desde a baixamar máxima viva equinoccial, en consonancia co disposto pola lexislación de costas.

Na súa virtude, por proposta da autoridade portuaria da Coruña e de conformidade co establecido polo artigo 15 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante,

DISPOÑO:

Primeiro.-Apróbase o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto da Coruña, integrado pola súa memoria e os correspondentes planos, que inclúe os usos previstos para as diferentes zonas do porto e a xustificación da súa necesidade ou conveniencia, así como a delimitación da súa zona de servicio, segundo consta no citado plan de utilización, na que se inclúen as superficies de terra e auga necesarias para a execución das súas actividades, as destinadas a tarefas complementarias daquelas e os espacios de reserva que garanten o desenvolvemento da actividade portuaria, así como os espacios destinados a equipamento.

Segundo.-O ámbito terrestre da zona de servicio do porto (planos 3.0 a 3.4) aparece estructurado en dez áreas ás que se asignan os seus correspondentes usos (planos 2.0 a 2.4), e a súa delimitación inclúe:

Os terreos comprendidos entre a beira do mar e a liña imaxinaria que comeza no entrante marítimo do arranque do dique Barrié de la Maza e discorre paralela pola beira da muralla, da que se separa para excluí-los terreos en concesión do Hotel Finisterre, achegándose de novo á cidade no extremo máis occidental dos ditos espacios.

A liña segue a curva do paseo de Parrote e achégase ós xardíns da Mariña, onde acouta unha franxa de 20 metros de fondo máximo desde a beira do peirao situado máis ó norte da dársena. Seguindo a avenida, vira en perpendicular para evita-lo edificio de correos e volve realizar unha virada similar para

ir por toda a avenida do Alférez Provisional, na súa beira máis próxima á cidade.

Á altura da praza de Ourense, prolóngase englobando a avenida Xeneral Primo de Rivera, ata alcanza-la encrucillada coa avenida de Ramón y Cajal. Nese punto, discorre pola beira da estrada de acceso a Oza máis próxima á cidade, por detrás do porto petroleiro e os varadoiros, ata o arranque do dique de cerramento da dársena de Oza. Inclúese explicitamente unha parcela de terreo situada xunta os varadoiros, ocupada por unhas antigas edificacións gandeiras hoxe abandonadas, e que non foran adscritos a dominio público portuario ata o de agora.

Á delimitación descrita cómpre engadi-la correspondente ós terreos sinalados co uso de reserva portuaria fóra da baía portuaria, xunta a poboación de Arteixo, e que constitúen unha franxa paralela á beira marítima que estaba conformada nos seus extremos pola Punta Langosteira, ó leste, e a Punta do Pelón, ó oeste.

Terceiro.-Incorpóranse á superficie terrestre da zona de servicio do porto da Coruña os seguintes terreos:

-Unha parcela de 2.994,14 m de superficie, na zona de Oza, na cidade da Coruña, de titularidade da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

-O tramo de dominio público marítimo-terrestre comprendido entre a Punta Langosteira e a Punta do Pelón, no concello de Arteixo. Conta aproximadamente con sete quilómetros de lonxitude e uns vinte metros de largo e, por tanto, cunha superficie estimada de 140.000 m. Estes terreos teñen un uso de reserva portuaria co obxecto de poderen amplia-las instalacións do porto a medio e longo prazo co menor impacto ambiental posible.

Cuarto.-Exclúense da superficie terrestre da zona de servicio do porto da Coruña e, por conseguinte, desaféctanse do dominio público portuario estatal, os seguintes terreos:

-Unha parcela situada ó norte do paseo marítimo e ocupada en concesión polo Hotel Finisterre e o club deportivo. Superficie: 27.249 m.

-Os xardíns e a vía adxacentes á dársena da Mariña, paralelos á avenida do mesmo nome e situados fronte a banda de edificios con miradoiros acristalados, agás unha franxa de 20 metros de fondo máximo desde a beira do peirao. Superficie: 9.000 m, cunha pequena parte en concesión.

-Praia de Oza, construída pola autoridade portuaria, e que se incorporará automaticamente ó uso propio do dominio público marítimo-terrestre. Superficie: 4.000 m.

Quinto.-A superficie de auga incluída na zona de servicio (plano 4.1) queda delimitada do seguinte xeito:

-Zona I, ou interior das augas portuarias: comprende a superficie marítima delimitada polas diver

sas liñas de costa e peiraos do porto, e a liña recta que parte desde o extremo do dique de Abrigo ou dique Barrié de la Maza, e tras cruza-la baía portuaria, discorre tanxente ó punto máis exterior da dársena de Oza ata se atopar coa costa.

-Zona II, ou exterior das augas portuarias: queda delimitada, ó norte, pola liña imaxinaria de unión dos cabos Punta Herminia e Punta de Seixo Branco; ó sur, pola recta que une o punto máis oriental da dársena de Oza e a Punta Fieiteira. Polo leste e o oeste, a zona de augas ten o seu límite nas respectivas beiras de costa. Exceptúanse e non pertencen, por tanto, á zona de augas do porto, os enclaves das zonas de auga correspondentes ós portos de Santa Cruz e Mera, transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas delimitacións vixentes.

Madrid, 28 de decembro de 1999.

Rafael Arias-Salgado Montalvo

Ministro de Fomento

Secretario de Estado de Infraestructuras e Transportes e presidente do ente público Portos do Estado e presidente da Autoridade Portuaria da Coruña.