Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2000 Páx. 292

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 1999 pola que se dá publicidade ó acordo do consello de dirección deste instituto, que aproba os procedementos para a selección de persoal laboral temporal do Instituto Galego de Promoción Económica.

1. O consello de dirección do Igape, o 30 de decembro de 1999, acordou:

O artigo 7 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e contratación, establece:

1. O asinamento de contratos laborais de duración determinada debe ser autorizada polo órgano superior de dirección.

2. A convocatoria poderá efectuarse mediante anuncio público, e a comisión de selección formulará proposta razoada, entre as persoas que se presenten en virtude do dito anuncio ou entre as inscritas no Servicio Público de Emprego ou doutros servicios de colocación legalmente autorizados, así como acollerse ó sistema de listas previo por categorías, confeccionándoas mesas, logo de pertinente anuncio público, de conformidade co baremo aprobado pola entidade.

No marco do previsto na normativa aplicable, será o director xeral do Igape, como órgano de goberno, quen autorice o asinamento destes contratos, dando conta ó consello de dirección na súa sesión inmediata posterior no suposto de que supoña unha variación sobre as previsións orzamentarias, e de acordo co seguinte procedemento:

1. Iniciarase o procedemento por proposta razoada do responsable directo do programa co visto e prace do director de área, no que xurda a necesidade de contratación, que deberá contar, como mínimo:

-Motivos da necesidade de contratación.

-Perfil que deberán cumpri-los candidatos: (enmarcados, no caso de substitucións, no perfil do posto que se substitúa).

-Titulación requirida.

-Experiencia.

-Coñecementos necesarios que deberán acreditar.

-Aspectos valorables.

-Duración estimada da contratación.

2. A Dita proposta dirixirase á Unidade de Persoal e, en función das características que establecera a unidade, propoñeralle, a través da Secretaría Xeral ó director xeral do Igape, a modalidade contractual que considere máis oportuna así como unha comisión para proceder á baremación e selección, que deberá estar formada por un número impar de membros, entre os que se invitará a participar a un representante dos traballadores elixido polo comité de empresa, e entre os que deberán estar incluídos o responsable directo que propuxo a contratación ou persoa da súa área e a xefa de persoal do instituto ou quen a substitúa, se é o caso.

3. Seleccionaranse os candidatos, conforme a un baremo que se aprobará por resolución do director

xeral do Igape, por proposta do comité de baremación de cada unha das prazas, e que posteriormente será publicado nos taboleiros de anuncios do Igape, conxuntamente coa especificación da documentación que será necesario presentar para acreditar tódolos pormenores da oferta. Neste baremo poderase establecer ata un máximo de 10 puntos en función dos aspectos que se consideren de especial importancia para o posto concreto que se vaia cubrir con carácter temporal.

4. Anualmente, realizarase anuncio público para que todas aquelas persoas interesadas en participar no proceso de selección de postos de traballo, que con carácter temporal dentro das distintas categorías profesionais, poidan xurdir no Igape, poidan presenta-lo seu currículum normalizado dentro do prazo que para tales efectos se estableza, para o seu tratamento informático. As listas quedarán cerradas durante un ano unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

A partir do proceso informático de tódolos currículos presentados, seleccionaranse para cada praza ofertada ata un máximo de 15 candidatos, que, cumprindo todos e cada un dos requisitos que se establezan como imprescindibles para cubrir ese posto, segundo o baremo aprobado, obtivesen a maior puntuación, podendo o comité de selección propoñe-la contratación do primeiro deles de existir diferencia substancial de puntuación (maior ou igual ó 20%) respecto do resto da lista, ou convocar a todos aqueles (máximo 15) cunha puntuación similar, para a realización de entrevista persoal. A entrevista en ningún caso poderá supoñer máis dun 20% da nota global. A lista de candidatos será publicada, trala baremación, no taboleiro de anuncios do Igape, indicando expresamente a posibilidade de recurso.

Os solicitantes deberán reuni-los requisitos imprescindibles que para cada praza se establezan no momento de remata-lo prazo de presentación de solicitudes. Non se baremará ningún mérito non alegado no currículum dentro do prazo establecido, nin aqueles que a comisión de selección considere que non estivesen suficientemente acreditados, segundo as especificacións establecidas e publicadas nos taboleiros de anuncios do Igape para cada unha das prazas ofertadas. A documentación acreditativa de tódolos pormenores alegados no currículum deberá presentarse no momento de ser chamados para unha oferta.

5. Nos casos en que o perfil solicitado non se axuste ó establecido nas listas previas confeccionadas, procederase a realizar anuncio público a través do Servicio Galego de Colocación e/ou anuncio en prensa, establecendo un prazo de 5 días naturais para a presentación de currículum normalizado, debendo a comisión de selección elevar ó director xeral do Igape, proposta razoada de contratación entre as persoas que se presentasen en función da dita oferta, seguindo para a súa proposta o mesmo procedemento de selección que no caso anterior (baremación de currículum e entrevista persoal se é o caso).

6. O director xeral do Igape asinará con cada candidato seleccionado un contrato de carácter temporal,

segundo a modalidade establecida para cada un dos casos, e establecéndose un período de proba de acordo coa lexislación laboral vixente.

7. Non se procederá á cobertura de prazas temporais por promoción interna, sen prexuízo de que, por necesidades técnicas ou organizativas e por proposta razoada do responsable do programa correspondente, se procederá á cobertura temporal dun posto por persoal propio, e dentro dos límites da mobilidade funcional.

8. Non obstante o anterior, no caso de substitucións de xefes de unidade ou nos que así se puidera establecer na estructura orgánica do instituto, poderá ser nomeado polo director xeral do Igape a persoa que faga a substitución dentro do persoal propio do instituto, con base na resolución motivada.

Calquera aclaración ou modificación destas normas, unha vez aprobada polo director xeral do Igape e ratificada polo consello de dirección do instituto, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. A apertura de convocatoria e o correspondente prazo de presentación de solicitudes será obxecto de publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1999.

Diego Diz Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica