Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2000 Páx. 177

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 1999 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de prazas de técnicos dos Servicios Xerais de Apoio á Investigación e de técnicos da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, no cadro de persoal laboral desta universidade.

Aprobada por Resolución do 10 de agosto de 1995 a oferta de emprego público para 1995 de persoal de administración e servicios da Universidade da Coruña,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), modificado polo Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e co obxecto de atende-las necesidades de técnicos do laboratorio de investigación,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir sete prazas de titulados superiores (técnicos dos Servicios Xerais de Apoio á Investigación e técnicos de I+D), grupo I, destinados a realiza-las tarefas de apoio á investigación nos laboratorios dos Servicios Xerais de Apoio á Investigación e na Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación desta universidade, distribuídas do seguinte modo:

a) Un xefe de servicio dos Servicios Xerais de Apoio á Investigación.

b) Un técnico da unidade de Técnicas Instrumentais de Análise.

c) Un técnico da unidade de Espectroscopía Molecular.

d) Un técnico da unidade de Microscopía.

e) Un técnico da unidade de Análise Estructural.

f) Un técnico en I+D de proxectos europeos.

g) Un técnico en I+D de sistemas de información.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV, debendo sinalar no punto número 17 desta, por cál das especialiadades ou categorías A, B, C, D, E, F ou G se presentan, sendo posible optar a varias delas. Xunto coa instancia xuntarase focotopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade na Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) ou Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán tramitarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os dereitos de exame serán de 10.025 pesetas que se ingresarán, directamente ou mediante transferencia, en calquera das oficinas da Caixa Postal, na conta corrente número 1302-1700-42-0017957982, «Probas selectivas para técnicos do laboratorio de investigación e técnicos en I+D», ó nome da Universidade da Coruña. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso, a falta deste determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola Xerencia da universidade que estará referida á data de publicación no DOG da presente convocatoria, e que deberá incorporarse á solicitude.

1.4 Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base

1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada, e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados, ós que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión dunha titulación superior de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro superior, ou en condicións de obtela na data na que remate o prazo de presentación das solicitudes. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá estarse en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador destas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandaran na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempo e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto da capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente

desenvolvidas polos traballadores da categoría de técnico do laboratorio de investigación e técnicos en I+D, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, referidas a cada especialidade ou categoría profesional, que se farán públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para reclamar contra a súa exclusión e solicitar a corrección do defecto que a motivase. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, contra a que os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 9.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no artigo 30 do R.D. 364/1995 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que estime necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determina a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase de apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, de 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escuelas oficiais de idiomas. De non aportar esta documentación non poderán ser declarados exentos, debendo, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de celebración do exercicio, así como naqueles outros que estime oportuno, a relación dos aspirantes que o superaran, con indicación da puntuación obtida, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

9.2. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.3. Finalizadas as probas selectivas o tribunal fará publica a relación dos aspirantes que as superaron, constituída por aqueles aspirantes que, en número non superior ó das prazas convocadas, obtiveran a maior puntuación final nelas, calculada de acordo co sistema previsto no anexo I, e con indicación expresa da obtida por cada un deles. Estas listas serán confeccionadas, por cada especialidade ou categoría profesional ás que se refire o punto

primeiro das bases, segundo a orde de puntuación final acadada por cada aspirante, e en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se encontren incluídos nesta relación terán a consideración de non teren aprobadas as probas selectivas.

9.4. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde de puntuación final, con proposta de que se formalicen con eles os correspondentes contratos de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1 No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (Rúa da Maestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

c) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Cubertos debidamente polos aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, serán contratados como titulados superiores-técnicos de laboratorio ou técnicos de I+D da Universidade da Coruña.

10.3. O período de proba será de seis meses, durante o que o traballador terá os dereitos e obrigacións correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade desempeñaran funcións de técnicos de laboratorio de investigación ou técnicos de I+D, grupo I, da Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo (BOE do 10 de abril), que aproba o Regulamento xeral de ingreso de persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e os estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17

de setembro), modificado polo Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), o convenio colectivo aplicable ó persoal laboral da Universidade da Coruña, a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei de 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, (BOE do 27), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso ordinario contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 1 de decembro de 1999.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

TITULADOS SUPERIORES-TÉCNICOS DE LABORATORIO/TÉCNICOS DE I+D

Procedemento de selección.

O procedemento de selección constará de dúas partes: fase de oposición e fase de concurso, cos exercicios e valoración de méritos que para cada unha se indican.

Fase de oposición.

A fase de oposición, que se valorará ata un máximo de 60 puntos, consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios, dos que só os dous primeiros serán eliminatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario tipo test, composto por preguntas con respostas múltiples das que só unha será a correcta, o 20 por cento destas corresponderá ó temario xeral (común a tódalas categorías ou especialidades sinaladas no punto primeiro) e o 80 por cento ó temario específico sinalado para cada unha delas, do programa que figura como anexo.

Este exercicio valorarase de 0 a 24 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de 8 puntos.

Segundo exercicio: consistirá na resolución de dous supostos prácticos de entre catro propostos polo tribunal para cada unha das categorías ou especialidades ás que se refire a parte específica do programa. Os supostos correspondentes a cada unha das prazas de técnicos de programas de I+D, versarán sobre a parte común a ámbalas dúas (puntos I, II e III do programa respectivo) e a parte específica correspondente a cada unha delas (puntos IV e V ou, VI e VII, segundo corresponda.

Este exercicio valorarase de 0 a 30 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de 12 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na realización simultánea das seguintes probas:

a) Unha traducción do inglés técnico ó español, sen diccionario, dun texto proposto polo tribunal.

b) Unha traducción do español ó galego, sen diccionario, dun texto proposto polo tribunal.

Este exercicio valorarase de 0 a 6 puntos, correspondendo a metade desta puntuación a cada unha das probas.

O tempo de realización de tódolos exercicios será establecido polo tribunal cualificador discrecionalmente.

Fase de concurso.

Nesta fase valoraranse, ata un máximo de 40 puntos, os seguintes méritos:

a) Servicios prestados na Universidade da Coruña como contratado laboral non permanente en postos de funcións similares ó da praza solicitada, cos requisitos fixados na relación de postos de traballo, a razón de 1 punto por cada mes completo ata un máximo de 28 puntos.

b) Cursos impartidos por organismos públicos, institucións ou empresas de prestixio recoñecido relacionados co temario específico de cada praza, ata un máximo de 4 puntos.

c) Entrevista persoal, que se valorará ata un máximo de 8 puntos.

Sistema de puntuación.

A puntuación total das probas farase para cada unha das categorías ou especialidades a que se refire o punto primeiro das bases. A puntuación de cada fase, concurso e oposición, virá dada pola suma das puntuacións correspondentes ós méritos ou exercicios que as compoñen. As puntuacións finais de cada aspirante no proceso selectivo virán determinadas pola suma das puntuacións acadadas nas dúas fases en cada apartado ou especialidade.

No caso de empate na puntuación final entre dous aspirantes, darase preferencia segundo a seguinte orde: 1º maior puntuación na fase de oposición; 2º maior puntuación no segundo exercicio; 3º maior puntuación no primeiro exercicio.

ANEXO II

TÉCNICOS DO LABORATORIO DE INVESTIGACIÓN E TÉCNICOS DE I+D

Programa das probas.

Parte xeral (común a tódalas categorías ou especialidades).

1. A Constitución española: dereitos fundamentais e liberdades públicas. Dereitos e deberes dos cidadáns.

2. As universidades: creación, réxime e estructuras. O Consello das Universidades. Os estatutos da Universidade da Coruña: natureza e fins da universidade.

3. Estructura da Universidade da Coruña: departamentos, escolas, centros, institutos universitarios e centros adscritos.

4. O goberno da universidade: organos colexiados e órganos unipersoais.

5. Investigación: da organización da investigación.

6. O persoal da universidade: o persoal docente e investigador. O persoal de administración e servicios.

7. Os servicios xerais da universidade: servicios de apoio á investigación. Servicios de asistencia á comunidade universitaria.

Jefe de Servicio de los Servicios Xerais de Investigación.

1. Espectroscopia de resonancia magnética nuclear. Fundamentos e aplicacións.

2. Espectroscopia infravermello e ultravioleta. Fundamentos e aplicacións.

3. Espectrometría de masas. Fundamentos e aplicacions.

4. Análise termogravimétrica. Fundamentos e aplicacions.

5. Análise elemental por combustión. Fundamentos e aplicacions.

6. Espectrometría de masas con fonte de plasma acoplado por inducción. Fundamentos e aplicacións. Análise química elemental de trazas e ultratrazas.

7. Fluorescencia de raios X. Fundamentos e aplicacións. Análise química elemental.

8. Difracción de raios X de polvo cristalino. Fundamentos e aplicacións.

9. Difracción de raios X de monocristal. Fundamentos e aplicacións.

10. Microscopía electrónica de trasmisión e de varrido. Fundamentos e aplicacións.

11. Organización do traballo analítico nun servicio centralizado. Procedementos: recepción de mostras, análise, comunicación de resultados, comunicación exterior, etc. Priorización de tarefas: mantemento, calibración, análise.

12. Seguridad e condicions de traballo nun laboratorio químico. Principios xerais. Almacenamento de materiais e de productos químicos. Manexo de líquidos crioxénicos.

Técnico de la Unidad de Espectrometría Molecular.

1. Resonancia magnética nuclear. Principios físicos e aplicabilidade.

2. Resonancia magnética nuclear de transformada de Fourier. Excitación por pulsos electromagnéticos: fundamentos e aspectos instrumentais.

3. Resonancia magnética nuclear. Núcleos máis habituais: características particulares, aplicacións.

4. Resonancia magnética nuclear. Parámetros espectrais. O desprazamento químico. O acoplamento spin-spin.

5. Resonancia magnética nuclear. Modelo do eixe rotatorio. Utilización.

6. Resonancia magnética nuclear. Calibración. Axuste instrumental. Preparación de mostras.

7. Resonancia magnética nuclear. Experimentos monodimensionais. Exemplos.

8. Resonancia magnética nuclear. Experimentos bidimensionais. Secuencias de pulsos. Exemplos.

9. Resonancia magnética nuclear. Procesado e análise de datos.

10. Resonancia magnética nuclear. Mantemento e equipo auxiliar.

11. Espectrometría de masas. Principios básicos. Aspectos instrumentais.

12. Espectrometría de masas. Técnicas de ionización.

13. Espectrometría de masas. Tipos de analizadores.

14. Espectrometría de masas acoplada a cromatografía de gases.

15. Espectrometría de masas acoplada a cromatografía de líquidos.

16. Espectrometría de masas. Experimentos masas-masas.

17. Espectrometría de masas. Mantemento e equipo auxiliar.

18. Espectroscopía infravermello. Fundamentos e aplicacións.

19. Análise termogravimétrica. Fundamentos e aplicacións.

20. Seguridade e condicións de traballo nun laboratorio químico. Principios xerais. Almacenamento de materiais e de productos químicos.

Técnico da Unidade de Técnicas Instrumentais de Análises.

1. Análise elemental de compostos orgánicos. Principios xerais. Métodos de análise.

2. Analizadores elementais automáticos por combustión. Principios de operación. Aspectos instrumentais.

3. Análise elemental. Tipos de mostras. Problemática asociada.

4. Análise de C, H, N e S. Fundamentos e metodoloxía.

5. Análise de 0. Fundamentos e metodoloxía.

6. Sistema de procesado e análise de datos en análise elemental.

7. Mantemento de analizadores elementais automáticos e equipamento auxiliar.

8. Cromatografía líquida. A separación cromatográfica.

9. Cromatografía líquida. Control da separación.

10. Cromatografía líquida. Instrumentación.

11. Cromatografía líquida. Preparación de mostras para HPLC.

12. Cromatografía líquida. Desenvolvemento de métodos para HPLC. Optimización.

13. Análise cualitativa en HPLC.

14. Análise cuantitativa. Análise de trazas.

15. Mantemento do sistema cromatográfico.

16. Electroforese capilar. Principios, instrumentación e aplicacións.

17. Espectrometría de masas de relacións isotápicas de isótopos estables. Principios, instrumentación e aplicacións.

18. Seguridade e condicións de traballo nun laboratorio químico. Principios xerais. Almacenamento de materiais e de productos químicos.

Técnico da Unidade de Microscopía.

1. Microscopía óptica. Principios básicos. Instrumentación. Aplicacións. Preparación de mostras.

2. Micromanipulación. Principios básicos. Instrumentación. Aplicacións.

3. Microscopía de fluorescencia. Principios básicos. Instrumentación. Microscopía confocal de varrido láser.

4. Microscopía electrónica. Principios básicos. Aspectos instrumentais. Tipos de microscopios.

5. Microscopía electrónica de varrido. Instrumentación. Axuste do equipo.

6. Microscopía electrónica de varrido. Preparación de mostras.

7. Microscopía electrónica de varrido. Sistemas da análise da composición elemental.

8. Microscopía electrónica de varrido. Mantemento.

9. Microscopía electrónica de transmisión. Instrumentación. Axuste do equipo.

10. Microscopía electrónica de transmisión. Preparación de mostras.

11. Microscopía electrónica de transmisión. Difracción de electróns. Rede recíproca.

12. Análise da imaxe. Principios e aplicacións. Instrumentación.

13. Análise da imaxe. Técnicas e programas.

14. Secuenciación de ADN. Instrumental, procedementos e aplicacións.

15. Seguridade e condicións de traballo nun laboratorio de microscopía. Principios xerais. Almacenamento de materiais e de productos químicos.

Técnico da Unidade de Técnicas Estructurais.

1. Raios X. Propiedades físicas. Xeración. Utilización.

2. Difracción de raios X. Fundamentos.

3. Difracción de raios X de polvo. Aspectos instrumentais. Parámetros espectrais.

4. Difracción de raios X de polvo. Análise cualitativa.

5. Difracción de raios X de polvo. Análise cuantitativa.

6. Difracción de raios X de polvo. Preparación de mostras.

7. Difraccion de raios X de monocristal. Aspectos instrumentais. Aplicación. Preparación de mostras. Proceso de resolución.

8. Difracción de raios X. Mantemento dun sistema de difracción de raios X.

9. Fluorescencia de raios X. Fundamentos.

10. Fluorescencia de raios X. Aspectos instrumentales. Aplicacións.

11. Fluorescencia de raios X. Tipos de mostras.

12. Fluorescencia de raios X. Adquisición e proceso de sinais.

13. Fluorescencia de raios X. Mantemento dun sistema de fluorescencia de raios X.

14. Seguridade e condicións de traballo nun laboratorio químico. Principios xerais. Almacenamento de materiais e de productos químicos. Manexo de líquidos crioxénicos.

15. Sistemas de calidade nos laboratorios analíticos. Acreditación.

Técnicos de programas de I+D (técnico en proxectos europeos de I+D e técnico en sistemas de información de I+D).

I. Fundamentos da IDT e innovación e unidades de interfaz:

1. A innovación: definición, clasificación. Innovación tecnolóxica.

2. Elementos do sistema de innovación.

3. O proceso da innovación: definición. Compoñentes.

4. O sistema español de innovación. As administracións públicas, as infraestructuras de soporte, o sistema público de I+D, o contorno e as empresas.

5. As oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación. Principais obxectivos.

6. A rede OTRI. A subrede OTRI. Universidade.

7. Estructuras de interface do contorno tecnolóxico de Galicia. As OTRI de Galicia.

8. Oferta científico-tecnolóxica da rede: a base de datos de transferencia de resultados de investigación da rede de oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (DATRI). Contido. Obxectivos. Proceso de elaboración. Obtención dos datos. Estructura. Formas de acceso. Instalación e consulta.

9. Axudas públicas de ámbito nacional ás unidades de interface: os plans de actuación base e as liñas de acción complementarias.

10. O rexistro das oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación. Ámbito, proceso e documentación.

II. Estructuras de apoio á IDT:

11. A Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga).

12. A Secretaría Xeral de Plan Galego de IDT. Estructura organizativa (SXIDT).

13. O Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

14. A Comisión de Selección de Investigación.

15. O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI): creación. Funcións. Marco institucional.

16. A Comisión Interministerial de Ciencia y Tecnología (CICYT): creación. Funcións. Marco institucional.

17. A Oficina de Ciencia y Tecnología (OCT): creación. Funcións. Marco institucional.

III. A Universidade da Coruña como estructura de apoio á investigación e desenvolvemento tecnológico:

18. A investigación nos estatutos da Universidade da Coruña: normativas e regulamentos. A Comisión de Investigación.

19. Axudas á investigación da Universidade da Coruña.

20. Principais áreas de actividade e oferta tecnolóxica da Universidade da Coruña.

21. A Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da Universidade da Coruña: organización, funcións.

22. Transferencia de tecnoloxía na Universidade da Coruña: instrumentos e mecanismos de difusión dos resultados de investigación universitaria.

23. Estructura do Vicerrectorado de Investigación.

24. O sistema de información do Vicerrectorado de Investigación: funcionamento.

25. Accións de difusión da información de axudas á investigación.

Técnico en proxectos europeos de I+D.

IV. Axudas á IDT na Unión Europea:

1. Institucións comunitarias de IDT.

2. Modalidades de participación nos programas da UE: preparación, tramitación e seguimento da proposta. O proceso de negociación: formularios e actores.

3. O sistema de avaliación das propostas.

4. Contratos, seguimento de proxecto e xustificación de custos.

5. As oficinas de apoio á IDT na UE.

6. O V programa marco de investigación comunitaria: accións. Os programas específicos de I+D.

7. Mecanismos de información da política comunitaria de IDT.

V. O sistema nacional e autonómico de axuda á IDT:

1. O III Plan nacional de I+D: obxetivos. Fases de desenvolvemento.

2. O Sistema español de Ciencia-Tecnoloxía-industria (SCTI). Resultados. Evolución da balanza tecnolóxica.

3. Proxectos de I+D e accións especiais: modalidades, proceso de tramitación e seguimento.

4. Infraestructura científico-técnica.

5. Proxectos integrados: obxetivos. Características.

6. Proxectos estratéxicos mobilizadores.

7. Accións de formación de persoal investigador.

8. Programas nacionais e programas sectoriais.

9. Programa de estímulo á transferencia de resultados de investigación. Obxectivos. Tramitación de solicitudes (PETRI).

10. O Plan galego de investigación e desenvolvemento tecnolóxico. Obxectivos. Ámbito de aplicación. Os elementos estructurais: programas xerais verticais e horizontais. Instrumentos e accións. O sistema rexional de innovación en Galicia. Marco institucional da innovación en Galicia.

11. O Plan galego de I+D. Proxectos de I+D: convocatorias, modalidades, requisitos.

12. Articulación do sistema de innovación en Galicia: estructuras de internase: a rede OTRI galega.

Técnico en sistemas de información de I+D.

VI. Axudas autonómicas, nacionais e europeas á IDT:

1. Plan galego de I+D. Proxectos de I+D: convocatorias, modalidades, requisitos.

2. Os organismos de articulación do sistema nacional de I+D.

3. Proxectos de I+D e accións especiais: modalidades, proceso de tramitación e seguimento.

4. As oficinas de apoio á IDT na UE.

VII. Os sistemas de información como ferramenta de apoio á IDT:

1. As novas tecnoloxías como ferramenta ás unidades de interface.

2. Teledocumentación: acceso a bases de datos documentais. Dialog, DataStar e Igatel.

3. Utilización de recursos electrónicos.

4. Os grupos de news na rede OTRI.

5. Listas de distribución de correo electrónico. Xeración de listas de distribución e difusión da innovación a través de Internet.

6. Utilización da rede Internet como mecanismos de difusión de axudas á investigación.

7. O FTP como instrumento de difusión de documentación.

8. Internet como recursos de difusión da información.

9. Os recursos de Intemet para a xestión e difusión da innovación.

10. O ciclo de vida dun sistema de información.

11. Desenvolvemento dun sistema Web: deseño de páxinas HTML estáticas e dinámicas. SQL embebido.

12. As bases de datos relacionais. Modelo conceptual. Modelo de datos. O modelo E-R. O modelo relacional.

13. O SGBD Informix. Instalación e administración.

14. Os datablade modules. Informix Web Server. Arquitectura dun sistema de información web con acceso a Informix.

ANEXO III

TITULADOS SUPERIORES-TÉCNICOS DO LABORATORIO DE INVESTIGACIÓN

TRIBUNAL CUALIFICADOR

Titulares:

Presidente: Esther Fernández Fernández, vicerrectora de Investigación.

Vocais:

Miguel Maestro Saavedra, director dos Servicios Xerais de Investigación.

Bernardino Arcay Varela, director da Oficina de Transferencia de Resultados e Investigación.

Mª Josefa Padín García, representante do comité de empresa.

Salvador Peña Díaz, representante do comité de empresa.

Secretario: Daniel Miguélez Costa, xefe da Sección de Selección e Formación de Persoal, con voz e sen voto.

Suplentes:

Presidente: Miguel Domingo Rodríguez Bugarín, director da ETS de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.

Vocais:

Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía.

Darío Prada Rodríguez, director do Instituto Universitario de Medio Ambiente.

Mª José Grueiro Maroño, representante do comité de empresa.

Rogelio Lage Vázquez, representante do comité de empresa.

Secretario: Silverio Díaz Vázquez, xefe da Sección de Retribucións e Acción Social, con voz e sen voto.

ANEXO IV

NOTA: úsese o publicado na páxina 176.