Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2000 Páx. 117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 1999 pola que se convocan dez bolsas de colaboración para a realización de tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego no ano 2000.

O artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, recolle entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no ámbito da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

Na execución do plan de actividades da escola para o ano 2000 e de conformidade coa antedita disposición, convócanse once bolsas de colaboración para a realización de tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego no ano 2000, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca once bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As bolsas rematarán o día 31 de decembro do ano 2000, e poderán prorrogarse por un ano ou, se é o caso, ata que se resolva a convocatoria do ano 2001, en función do aproveitamento do adxudicatario e das dispoñibilidades orzamentarias da escola.

A dotación económica de cada bolsa será de 132.850 pesetas mensuais. O importe citado será pagado pola Escola Galega de Administración Pública, logo de certificación emitida polo director xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, acreditativa das tarefas executadas.

A eficacia desta previsión estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 04.50.122 A.482.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000. O expediente económico tramítase de acordo co previsto na Orde do 11 de febreiro de 1998 que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser licenciado en dereito.

b) Ter formación e/ou coñecementos da lingua galega.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Currículum vitae.

d) Memoria descritiva en cinco folios como mínimo e dez como máximo sobre compilación e actualización da normativa administrativa.

e) Documento que acredite a formación e/ou experiencia esixida no punto 4.b.

f) Unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o xefe do Gabinete de Asesoramento e Apoio á Actualización Normativa.

Vocais: o secretario da Escola Galega de Administración Pública e o xefe do Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional.

Secretario: un funcionario dependente da Asesoría Xurídica Xeral.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

c) Currículum vitae: ata dous puntos.

d) Memoria: ata cinco puntos.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de sete puntos no anterior baremo. Tratará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Finalmente o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Gabinete da Asesoría Xurí

dica Xeral a que se asignen, en horario de mañá ou tarde, de lúns a venres no local que se estableza. Os traballos realizados quedarán en propiedade da Xunta de Galicia. Os bolseiros presentarán ó remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Antes do derradeiro pagamento, o/a bolseiro/a presentará unha declaración complementaria de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou actividade das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración a escola poderá, por proposta do director xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública