Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2000 Páx. 71

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 30 de decembro de 1999 pola que se regulan na Comunidade Autónoma de Galicia as indemnizacións compensatorias en zonas desfavorecidas.

O Real decreto 466/1990, do 6 de abril, establece, no marco da política agrícola común, a normativa básica para o Estado español no relativo á indemnización compensatoria de zonas desfavorecidas, de montaña e con despoboamento, como instrumento de apoio directo ás rendas agrarias e destinado a compensa-las desvantaxes naturais permanentes que deben supera-los titulares de explotacións que desenvolven a actividade agraria nas ditas zonas.

En desenvolvemento de dito real decreto, a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), do 20 de abril de 1990, establece as normas de procedemento para a concesión da indemnización compensatoria nas mesmas zonas.

Pola súa banda, o capítulo V do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, sobre a axuda ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA), e o Regulamento (CE) 1750/1999, da Comisión, do 23 de xullo, que establece as disposicións de aplicación do anterior, introducen algunhas variacións sobre as axudas nas ditas zonas desfavorecidas. En particular, no artigo 35 do Regulamento 1257/1999 precisase que as axudas comunitarias ás zonas desfavorecidas e ás zonas con restriccións ambientais se financiarán pola sección de Garantía do FEOGA, cando, na regulamentación anterior, as ditas axudas eran cofinanciadas pola sección Orientación do dito fondo.

Ademais, a disposición adicional segunda do Real decreto 1893/1999, do 10 de decembro, determina, no marco do Regulamento 1257/1999, a prórroga, durante o exercicio orzamentario do ano 2000, da indemnización compensatoria en determinadas zonas desfavorecidas, regulada no Real decreto 466/1990, a obrigatoriedade dos beneficiarios da indemnización do emprego de métodos de boas prácticas agrícolas e os prazos de presentación das solicitudes.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, modificado posteriormente polo Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, correspóndelle ó dito instituto a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en relación co sector lácteo e gandeiro, así como tamén a das accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) na Comunidade Autónoma de Galicia, como, neste caso, dunha axuda ás zonas desfavorecidas.

Con base no anterior, esta orde establece o procedemento para a xestión das indemnizacións compensatorias nesta Comunidade Autónoma no ano 2000.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 1/1988, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das normas de procedemento e xestión das indemnizacións compensatorias en determinadas zonas desfavorecidas do ano 2000 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

A indemnización compensatoria poderá concederse a aqueles agricultores que cumpran as condicións que se establecen no artigo 4º desta orde, cando as súas explotacións se atopen nesta Comunidade Autónoma e radiquen nos termos municipais sinalados no artigo 1 do Real decreto 466/1990, do 6 de abril.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos desta orde, entenderase por:

a) Zonas desfavorecidas: as de montaña, outras zonas desfavorecidas e as sometidas a dificultades específicas, de acordo co previsto nos artigos 18, 19 e 20 do Regulamento (CE) 1257/1999.

b) Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, que constitúe, en si mesma, unha unidade técnico-económica.

c) Titular da explotación: a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e as responsabilidades derivadas da xestión da explotación.

d) Agricultor a título principal: a persoa física titular dunha explotación agraria que obteña, alomenos, o 50 por 100 da súa renda total da actividade agraria exercida na súa explotación, e o tempo de traballo dedicado a actividades non relacionadas coa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total.

Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.

4.1. De conformidade co previsto no artigo 19 da Lei 25/1982, do 30 de xuño, de agricultura de montaña, no artigo 14 do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, e no artigo 3 do Real decreto 466/1990, do 6 de abril, poderá beneficiarse dunha indemnización compensatoria anual a persoa física que sexa titular dunha explotación agraria ou socio dunha explotación comunitaria constituída como Sociedade Agraria de Transformación ou cooperativa, e reúna as seguintes condicións:

a) Ser agricultor a título principal ou obter máis do 50% da súa renda anual exclusivamente da actividade agraria.

b) Residir na zona ou nalgún dos municipios limítrofes.

c) Dedicar a cultivo agrícola ou forestal, dentro da zona, unha superficie de, alomenos, dúas hectáreas ou manter nela unha explotación gandeira ligada á terra cun mínimo de dúas unidades de gando maior.

d) Continua-las ditas actividades, alomenos, durante cinco anos, salvo causa de forza maior, expropiación forzosa ou transmisión por causa de utilidade pública.

4.2. No caso de titulares de explotacións agrarias individuais, unicamente se percibirá unha indemnización por explotación. Nos supostos de explotacións asociativas, cada socio percibirá a indemnización correspondente á súa cota de participación que, se é o caso, se acumulará á da explotación individual para os efectos do cálculo dunha indemnización compensatoria única.

4.3. En todo caso, o solicitante deberá acredita-lo cumprimento das obrigas impostas ós beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 5º.-Solicitudes.

5.1 As solicitudes de indemnización compensatoria, debidamente asinadas, formalizaranse de acordo co modelo que se xunta como anexo I e presentaranse nas axencias de Extensión Agraria ou por calquera das canles previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

5.2. Non obstante, os beneficiarios da indemnización no ano 1999 utilizarán o formulario de solicitude preimpreso que lle facilitará a Axencia de Extensión Agraria correspondente.

Artigo 6º.-Documentación complementaria á solicitude.

6.1. No suposto do punto 1 do artigo anterior, os solicitantes deberán xuntar á súa solicitude a documentación seguinte:

a) Copia cotexada do documento nacional de identidade e, se é o caso, do código de identificación fiscal.

b) Certificado da entidade bancaria coa indicación do número completo da conta (20 díxitos) da titularidade do solicitante.

c) Copia cotexada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do exercicio 1998.

d) Copia cotexada do xustificante de pagamento á Seguridade Social do mes de novembro de 1999.

e) No caso de explotacións gandeiras con gando vacún, ovino ou caprino, copia cotexada da folla de saneamento gandeiro da campaña 1999.

f) Declaración de superficies correspondente á campaña 2000-2001, colleita 2000.

6.2. Os solicitantes que foran titulares de explotación con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1999 xuntarán á súa solicitude a documentación anterior,

agás a da letra c) do parágrafo primeiro deste artigo e, ademais, a seguinte:

a) Copia cotexada da solicitude de cambio de titularidade da explotación.

b) Copia cotexada da declaración da renda correspondente ó exercicio 1998, do anterior titular da explotación.

c) Certificación da Axencia Tributaria sobre as declaracións do IRPF presentadas polo titular, incluída, se é o caso, a de 1998.

6.3. Os solicitantes con solicitude preimpresa xuntarán a esta a documentación sinalada nas letras c), d), e) e f) do parágrafo 1 deste artigo, así como a da letra b) no caso de variación dos datos bancarios preimpresos.

Artigo 7º.-Compromiso de emprego de boas prácticas agrarias.

Os beneficiarios de indemnizacións compensatorias deberán empregar métodos de boas prácticas agrícolas, no exercicio dunha agricultura sostible, compatibles coa salvagarda do ambiente e a conservación do territorio, polo que se comprometen, coa sinatura da súa solicitude, ó emprego dos ditos métodos.

Artigo 8º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes de indemnización compensatoria iniciarase o día seguinte ó da entrada en vigor desta orde e rematará o 10 de marzo do ano 2000.

Artigo 9º.-Importe da indemnización compensatoria.

O cálculo das unidades liquidables da explotación e a súa cuantificación económica determinaranse de acordo co previsto nos capítulos III e IV do Real decreto 466/1990, do 6 de abril, e as súas normas de desenvolvemento.

Artigo 10º.-Incompatibilidade.

Ademais do previsto nos artigos 37 e 38 do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, a indemnización compensatoria é incompatible coa percepción, polo beneficiario, dunha pensión de xubilación, subsidio de desemprego ou calquera outra prestación pública análoga.

Artigo 11º.-Tramitación e resolución das solicitudes.

11.1. Os servicios provinciais do Ilgga, logo de efectua-los controis administrativos e sobre o terreo pertinentes, elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial, ó director do instituto, sobre as solicitudes presentadas, para que este dicte a correspondente resolución.

11.2. O prazo máximo de resolución e pagamento das indemnizacións compensatorias será ata o 31 de decembro do ano 2000.

11.3. De non haber resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da indemnización compensatoria e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións

ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Controis e sancións.

13.1. O Ilgga redactará un plan de controis administrativos e sobre o terreo para as solicitudes de indemnización compensatoria ás que se refire esta orde, de acordo coas esixencias dos regulamentos (CEE) 3508/1992 e (CEE) 3887/1992, modificado polo Regulamento (CEE) 1678/1998, do xeito seguinte:

a) Controis administrativos: este control efectuarase sobre o 100% das solicitudes presentadas. Faranse comprobacións relativas á formalización das solicitudes e á documentación que se achegará a elas, dando traslado ós interesados das incidencias detectadas para que sexan emendadas. Comprobarase o tipo de agricultor e a clasificación da explotación así como os efectivos do rabaño, e realizaranse os cruzamentos informáticos necesarios para evitar pagamentos indebidos.

b) Controis sobre o terreo. O Ilgga determinará as solicitudes concretas que hai que controlar, de acordo coa normativa mencionada anteriormente. Para a confección da relación definitiva de explotacións que se van inspeccionar poderanse ter en conta factores que, a xuízo do Ilgga, supoñan un maior risco.

13.2. Sancións.

Aplicaranse as sancións correspondentes cando se dea algún dos seguintes supostos:

a) Cando se demostre incumprimento dos compromisos adquiridos.

b) Cando exista discrepancia entre o declarado e o comprobado.

c) Ante unha falsa declaración, ben deliberada ou por neglixencia grave.

d) Cando se demostre a tenza ou uso de substancias prohibidas na aplicación do R.D. 1373/1997, do 29 de agosto, polo que se prohibe empregar determinadas substancias de efecto hormonal e tireostático e substancias betaagonistas na crianza de gando, o productor quedará excluído durante o ano civil no que se efectúe a comprobación.

e) No caso de que un productor reincida nalgunha das infraccións recollidas no parágrafo anterior, no transcurso do mesmo ano ou no seguinte ano civil, poderase prorroga-la exclusión do beneficio das primas ata os cinco anos seguintes a aquel no que se detectou a segunda infracción.

En todo caso, será de aplicación o disposto nos artigos 8, 9 e 10 do Regulamento CEE 3887/1992, modificado polo Regulamento CEE 1678/1998.

Artigo 14º.-Reintegro da indemnización compensatoria.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da indemnización compensatoria mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que

se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 15º.-Recursos administrativos.

Seralle de aplicación ó procedemento regulado nesta orde o sistema de recursos administrativos establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 16º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, o beneficiario da indemnización compensatoria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos dependentes do organismo, pagados pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a concesión das indemnizacións previstas nesta orde existe crédito axeitado e abondo con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para o ano 2000, na aplicación orzamentaria «09.50.712A.773. Fomento do sector gandeiro. Mellora da eficacia dos sistemas productivos», do orzamento de gastos do Ilgga, por importe de 1.500 millóns de pesetas.

Segunda.-Sen prexuízo do previsto no artigo 13.2º desta orde e das sancións establecidas no artigo 14.3º do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, seralles de aplicación ós beneficiarios das indemnizacións compensatorias reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde, así como para modificar, por medio de resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde, cando teñan a súa orixe nas modificacións producidas na normativa estatal ou comunitaria reguladoras das indemnizacións compensatorias en zonas desfavorecidas.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria