Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 03 de xaneiro de 2000 Páx. 20

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 1999, da División de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, relativo á conclusión da fase de oposición.

O número 1 da base sexta B) da resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 28 de decembro de 1998 (DOG nº 9, do 15 de xaneiro de 1999) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, dispón que rematada na súa totalidade a fase de oposición, o tribunal publicará un acordo no Diario Oficial de Galicia no que se declarará rematada a fase de oposición e abrirá un prazo de quince días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación para que os ditos aspirantes presenten a documentación acreditativa dos méritos que aleguen.

Ademais, sen prexuízo do carácter eliminatorio dos distintos exercicios da fase de oposición, o tribunal poderá facer que superen a fase de oposición un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas na categoría correspondente.

Adoptado acordo ó respecto polos respectivos tribunais, procede agora darlle publicidade no DOG, facultándose para iso expresamente a esta División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, polo que,

RESOLVO:

Primeiro.-Declarar rematada a fase de oposición nas categorías de: ATS/DUE, fisioterapeuta, traballador social, logopeda, matrona, TEL, TER, TEAP, hixienista dental, cociñeiro, auxiliar de enfermería, celador, pinche.

Segundo.-Publica-la relación alfabética e a relación pola orde de puntuación alcanzada no conxunto dos exercicios dos aspirantes que superaron a fase de oposición das citadas categorías.

Terceiro.-Abri-lo prazo de quince días naturais, contados a partir do seguinte ó da súa publicación, para que os ditos aspirantes presenten a documentación acreditativa dos méritos que aleguen nos seguintes lugares:

a) Na Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Na División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.

c) Na oficina de Información ó cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

d) Nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

e) Nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

f) Nos servicios de persoal dos centros ou complexos hospitalarios da rede pública do Servicio Galego de Saúde.

g) Nos servicios de persoal das administracións dos centros de xestión de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde.

h) Na Casa de Galicia en Madrid sita na rúa Casado de Alisal, número 8, 28014, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa documentación baremable, deberase tamén achegar inescusablemente:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para o ingreso na correspondente categoría,

c) Os participantes que accedan polas quendas de promoción interna e de discapacitados, orixinal ou certificación compulsada acreditativa, segundo os requisitos descritos nos puntos 2 e 3 da base segunda da convocatoria.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1999.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos