Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 03 de xaneiro de 2000 Páx. 17

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 13 de decembro de 1999 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Érguete-Integración, de Vigo (Pontevedra).

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de fundacións de interese galego da Fundación Érguete-Integración.

Supostos de feito

Primeiro.-Con data do 9 de novembro de 1999 solicitouse o recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Érguete-Integración, por medio de escrito presentado por Carmen Avendaño García Pereira, actuando como representante.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 4 de novembro de 1999, ante o notario de Vigo, Mariano Vaqueiro Rumbao, co número 2510 do seu protocolo.

Terceiro.- A comisión integrada por tódolos secretarios xerais elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como interese social da Fundación Érguete-Integración, dado o seu obxecto, polo que, cumprindo cos requisitos recollidos na Lei estatal 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e segundo se dispón no Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego (Decreto 248/1992, do 18 de xuño), correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 16 de novembro de 1999 (Diario Oficial de Galicia nº 231, do 30 de novembro), clasificouse como interese social a Fundación Érguete-Integración, e tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, é obxecto e finalidade da fundación destinar e afectar un patrimonio á realización, sen ánimo de lucro, de fins de interese xeral para a comunidade encamiñadas á inserción sociolaboral de persoas con especial dificultade de integración na sociedade. En particular, a fundación promoverá todas aquelas accións que, respectando as disposicións legais existentes, fomenten a formación profesional, a reeducación, a reinserción social e alfabetización dos colectivos marxinais dentro do ámbito xeográfico provincial.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta o obxecto e a denominación (Fundación Érguete-Integración), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros:

Manuel Fraga Iribarne, presidente de honra.

Mª del Carmen Avendaño Otero, presidenta.

Carmen Amadora García Pereira, secretaria.

Manuel Álvarez Vilar, tesoureiro.

Juan Antonio González Pérez, vocal.

Manuel Cisneros Rodríguez, vocal.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu con data do 9 de decembro de 1999.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de Autonomía para Galicia atribúelle a esta Comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como co artigo 1 do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións da Fundación Érguete-Integración, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, da nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débese entender asumido pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos estatutos dela.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á par

ticipación privada en actividades de interese xeral; a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento dela e a de xeral aplicación.

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Érguete-Integración de Vigo (Pontevedra).

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para o que o padroado aboou a taxa correspondente en virtude do disposto na Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude