Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 30 de decembro de 1999 Páx. 15.280

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 340/1999, do 16 de decembro, polo que se establece o modelo de xestión e administración do Hospital do Salnés.

O Real decreto lei 10/1996, do 17 de xuño, posibilita a constitución de fundacións de natureza ou titularidade pública como forma de xestión dos hospitais.

A Lei 15/1997, do 25 de abril, (BOE do 26 de abril), dálle nova redacción ó artigo único do dito real decreto lei e recolle expresamente a posibilidade de xestión e administración dos ditos centros a través de calquera entidade de natureza ou titularidade pública admitidas en dereito.

Neste sentido, a lei establece que a xestión e administración dos centros e servicios sanitarios e sociosanitarios pode levarse a cabo directa ou indirectamente a través de calquera entidade de natureza ou titularidade pública admitidas en dereito.

Esta lei avoga por acadar unha maior flexibilización e autonomía na xestión sanitaria como medio de mellora-la eficacia dos centros e establecementos sanitarios, dando resposta á demanda maioritaria da nosa sociedade, que así o require.

As fundacións, recoñecidas no artigo 34 da Constitución e no artigo 35.1º do Código Civil, regúlanse dun xeito máis específico no ámbito da Comunidade Autónoma a través da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundación de interese galego (Diario Oficial de Galicia nº 89, do 20 de xullo), e da Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia nº 219, do 12 de novembro de 1991), onde se determina a organización, estructura, funcionamento, financiamento e extinción das fundacións concibíndoas como organizacións constituídas sen ánimo de lucro con afectación do seu patrimonio á realización de fins de interese social.

A experiencia na xestión doutros centros sanitarios por medio de fundacións aconsellan xestiona-lo Hospital Comarcal do Salnés a través da constitución dunha fundación.

A adopción desta modalidade organizativa de xestión nos centros, servicios e establecementos sanitarios non desvirtúa o carácter público da prestación nin as garantías que o envolven, que están referidas ó servicio como relación xurídica entre a Administración titular e o usuario, con independencia da forma xurídica de xestión a que se acollan.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

1. A xestión e administración do Hospital do Salnés realizarase, a través da fundación denominada Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés, que se constituirá mediante escritura pública.

2.1. Os órganos de dirección desta fundación serán:

a) Órgano de goberno: o padroado.

b) Órgano de xestión: o director xerente e demais cargos directivos de primeiro nivel da fundación.

2. A composición, funcións e funcionamento dos órganos de dirección axustaranse ó disposto nos seus estatutos e, en todo caso, ó disposto no Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego e demais disposicións aplicables.

3. O protectorado sobre esta fundación será exercido pola Xunta de Galicia, e terá por obxecto asegurar e controla-lo cumprimento da vontade dos fundadores, así como as normas aplicables, tanto na

súa constitución como no seu funcionamento, de conformidade co indicado no Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e será desempeñada pola consellería competente en materia de sanidade, sen prexuízo das atribucións que lle competan á Consellería da Presidencia e Administración Pública, en materia non sanitaria.

4. Tódalas actividades que constitúen o obxecto fundacional desenvolveranse con suxeición ós criterios de planificación e coordinación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde no ámbito das súas respectivas competencias.

5. O réxime patrimonial, financeiro e contable da Fundación Pública do Hospital Comarcal do Salnés estará conforme co disposto na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do procterorado das fundacións de interese galego, e demais normativa aplicable.

6. O persoal ó servicio desta fundación aterase á seguinte normativa:

a) O réxime xurídico será o previsto nos respectivos estatutos.

b) Os sistemas de selección axustaranse á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuacións de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e contratación (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 20 de novembro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbanse os estatutos da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés, que figuran como anexo.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para o desenvolvemento do presente decreto e para concorrer ó outorgamento das cartas fundacionais.

Terceira.-A dotación inicial, que será achegada pola Xunta de Galicia, para a constitución da fundación será de 50.000.000 (cincuenta millóns) de pesetas.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

Estatutos da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación, natureza, nacionalidade, ámbito e domicilio.

1. A Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés (en diante, a fundación), de competencia autonómica, é unha entidade sen animo de lucro con personalidade xurídica propia, que ten afectado de xeito duradeiro o seu patrimonio á realización dos fins de interese xeral que se detalla no artigo 6º destes estatutos.

2. Ó ámbito territorial no que desenvolve principalmente as súas actividades limítase á súa zona de influencia dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto no que se refire á súa actividade docente e investigadora nos eidos da sanidade e a saúde pública, que poderá alcanzar a toda España.

3. O domicilio da fundación radica no Hospital do Salnés, Estromil. Ande-Rubiáns, concello de Vilagarcía de Arousa, provincia de Pontevedra. O domicilio poderá ser trasladado mediante acordo do padroado da fundación, de conformidade coas disposicións que resulten aplicables.

A fundación poderá establecer delegacións ou centros naqueles lugares nos que desenvolva as súas funcións.

Artigo 2º.-Duración.

A fundación constitúese por tempo indefinido, e comezará as súas actividades unha vez que quede inserida no Rexistro de Fundacións, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 30/1994, do 24 de novembro, e 9 da Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño.

Artigo 3º.-Réxime normativo.

1. A fundación rexerase por estes estatutos, polos regulamentos que regulen a súa organización, funcionamento e ordenación das diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables; en concreto, pola Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño, reformada parcialmente pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de réxime das fundacións de interese galego, e polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, ou, se é o caso, polas disposicións que as substitúan.

2. Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 30/1994, do 24 de novembro, sobre fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; o Real decreto 316/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de competencia estatal ou disposición que as substitúan, e polo resto das disposicións legais de dereito civil, mercantil, laboral ou administrativo que sexan aplicables.

Artigo 4º.-Personalidade e capacidade xurídica.

1. Para o cumprimento dos seus fins e en defensa dos intereses e dereitos, a fundación terá plena capacidade xurídica e de obrar. En consecuencia, con carácter enunciativo e non limitativo, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens; realizar contratos, obrigarse, promover, seguir, opoñerse e desistir dos procedementos que fosen oportunos; exerce-las accións, excepcións e recursos que segundo a lei lle correspondan ante toda clase de tribunais, organismos, corporacións, autoridades competentes e entidades, tanto de dereito público como de dereito privado e, en xeral, tódolos actos necesarios para conseguir, conforme a lexislación aplicable a cada suposto, os obxectivos establecidos nestes estatutos.

2. A fundación adquirirá personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública de constitución no rexistro correspondente, sen prexuízo da validez das actuacións imprescindibles realizadas durante a súa formación, que se entenderán asumidas automaticamente por esta, unha vez inscrita.

Artigo 5º.-Obxecto.

O obxecto da fundación é a realización de actividades de promoción, prestación e xestión directa ou indirecta de recursos e servicios sanitarios, a docencia e investigación de ciencias da saúde, e a promoción da saúde individual e colectiva da comunidade en calquera das súas vertentes, así como a realización doutras actividades que poden colaborar á consecución do obxectivo fundacional.

Tódalas actividades que constitúen o obxecto fundacional desenvolveranse con suxeición ós criterios de planificación e coordinación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicio Galego de Saúde no ámbito das súas respectivas competencias.

A coordinación concreta do desenvolvemento da súa actividade realizarase a través do complexo hospitalario de referencia da área sanitaria onde se encontre a súa área de influencia.

Artigo 6º.-Finalidade.

1. Os fins da fundación serán sempre de interese xeral:

a) A prestación de servicios sanitarios, a promoción da saúde e a prevención das enfermidades, en concordancia cos criterios de atención primaria e especializada.

b) As prestacións de servicios sociosanitarios en concordancia cos criterios da asistencia sociosanitaria.

c) A docencia relacionada coas ciencias da saúde, así como as actividades de investigación, estudio e divulgación sanitaria, podendo establecer convenios coa universidade e demais institucións competentes nesta materia.

d) A participación en programas de protección da saúde, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria e sociosanitaria.

e) A formación e actualización dos coñecementos do persoal da fundación.

f) Promociona-lo desenvolvemento dos recursos sanitarios a través de accións e programas propios ou con entidades concertadas.

g) Calquera outro relacionado cosa finalidades citadas que acorde o padroado.

2. O obxecto fundacional poderá realizarse de maneira directa ou a través de contratos, concertos e convenios de colaboración con terceiras persoas.

3. A fundación, en cumprimento dos seus fins, estará obrigada a dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades.

Artigo 7º.-Os beneficiarios.

Terán a condición de beneficiarios todas aquelas persoas que teñan dereito á asistencia sanitaria gratuíta dentro do sistema nacional de saúde. A súa especificación, así como o alcance das prestacións sanitarias, serán determinadas pola normativa vixente ou concerto entre o Servicio Galego de Saúde e a fundación.

A asistencia sanitaria a persoas que non teñan a condición de beneficiarios efectuarase a cambio dunha contraprestación económica que sufrague o custo do servicio, conforme o que se determine.

Artigo 8º.-Protectorado.

1. A Xunta de Galicia asumirá a función de protectorado. As facultades deste serán exercidas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública no relativo ó Rexistro das Fundacións de Interese Galego.

2. O protectorado, en exercicio da función tuitiva que lle corresponde sobre a fundación, exercerá as facultades que lle atribúe a lexislación vixente na materia.

Capítulo II

Órganos da fundación

Artigo 9º.-Órganos da fundación.

a) Órgano de goberno: a fundación estará rexida polo seu padroado, órgano de goberno integrado polo presidente, vicepresidente, os vocais e o seu secretario.

b) Órganos de xestión: serán o director-xerente e os demais cargos directivos de primeiro nivel da fundación.

Sección primeira

O padroado

Artigo 10º.-Composición.

1. O padroado é o órgano de goberno superior da fundación que asume a súa dirección e control.

2. O padroado comporase dos seguintes membros:

1) Presidente. Será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

2) Vicepresidente. Será elixido polo presidente de entre os vocais.

3) Vocais:

-O director-xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

-O director médico do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

-O director-xerente de Atención Primaria de Pontevedra.

-O director-xerente da fundación.

-Un subdirector xeral da División de Asistencia Sanitaria do Sergas.

-O xubdirector xeral de Atención Sociosanataria.

-Un subdirector xeral da División de Recursos Humanos do Sergas.

-Un subdirector xeral da División de Recursos Económicos.

-Un representante dos concellos da área de influencia do hospital, designado por un período de 2 anos por rigorosa quenda entre tódolos concellos.

Secretario: con voz pero sen voto, que será designado polo padroado entre o persoal que preste servicios na fundación, na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou no Servicio Galego de Saúde.

O secretario realizará a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias de orde do presidente.

Así mesmo, levantará acta das sesións do padroado e autorizaraas co visto e prace do presidente. As certificacións de acordos do padroado serán expedidas con estas mesmas sinaturas.

3. O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais poderá nomear ata un máximo de tres persoas máis, que poderán asistir ás reunións do padroado e formarán parte del en calidade de vocais-asesores con dereito a voz e sen voto.

4. Mentres non se efectúen os nomeamentos ou designacións de vocais previstas nos números 2 e 3 deste artigo, o padroado poderá constituírse validamente sen a súa convocatoria sempre que concorran á reunión a metade máis un dos restantes membros.

Artigo 11º.-Funcións do padroado.

Con estricta suxeición á normativa vixente, ós criterios de planificación, coodinación e ás directrices de carácter xeral da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, serán funcións do padroado as seguintes:

a) Determina-los criterios de actuación da fundación dentro do marco fixado polos estatutos.

b) Adopta-las medidas e disposicións convenientes que garantan o mellor cumprimento dos fins establecidos.

c) Aprobación dos plans xerais, económicos, financeiros, operativos, de obras e investimento e a súa periodificación anual, que deben reflectirse nos orzamentos anuais que tamén ha de aprobar.

d) Aprobar periodicamente os plans asistenciais, docentes e de investigación, e os seus resultados.

e) Aproba-lo inventario-balance anual, a liquidación do orzamento e da conta de resultados consecuencia da xestión asistencial e económica da entidade no período anterior.

f) Nomea-lo director e fixa-las relacións contractuais.

g) Autoriza-la política de persoal e réxime retributivo dentro dos límites legais e, en particular, a aprobación do cadro de persoal fixando os criterios da súa selección.

h) Adopta-los acordos de disposición e gravame sobre os bens mobles e inmobles que constitúen o patrimonio da fundación.

i) Autoriza-los contratos de obras.

j) Aproba-los contratos de servicio e subministración da fundación. Esta función poderá ser delegada no director ata o límite fixado polo padroado.

k) Aproba-la memoria anual da fundación.

l) Aproba-los acordos e/ou convenios que considere de interese para a mellor consecución dos seus fins.

m) Adopta-lo logotipo, selo ou selos como imaxe representativa da fundación, e autoriza-lo seu uso na forma que considere oportuno.

n) Aproba-los criterios de facturación e de ordenamento de pagamentos propostos polo director-xerente.

o) Acorda-lo exercicio das accións e excepcións que considere oportunas, así como os recursos e reclamacións xudiciais e administrativas, en defensa dos dereitos e intereses da fundación.

p) Aceptar doazóns cando comporten algunha condición ou modalidade onerosa, así como legados e herdanzas a beneficio de inventario; non obstante, para repudialos precísase a autorización expresa do protectorado.

q) Calquera outra función non asignada expresamente a outro órgano.

r) Con suxeición á normativa vixente, o padroado poderá conferir apoderamentos ou delega-las súas funcións no director-xerente, comisións ou comités que se constitúan e cargos directivos da fundación, así como encomendarlles a entidades aspectos concretos da xestión.

Artigo 12º.-Funcionamento, convocatoria e acordos.

1. Periodicidade das sesións:

O padroado reunirase en sesión ordinaria polo menos dúas veces ó ano, nas cales terán que aprobarse, respectivamente, os orzamentos e as contas anuais da fundación.

O presidente poderá convoca-lo padroado a reunións extraordinarias cando o considere oportuno e, en calquera caso, cando o solicite o director da fundación con carácter urxente, ou por solicitude de polo menos a metade máis uns dos patróns.

Na convocatoria realizada por solicitude do director, a reunión deberá ter lugar no prazo máximo de 72 horas; no caso de que a solicitude parta de metade máis un dos patróns realizarase no prazo máximo de quince días. En ámbolos casos, contados desde que o presidente reciba a solicitude escrita da convocatoria. A solicitude dos patróns terá que especifica-los asuntos que deberán ser incluídos na orde do día.

2. Convocatoria:

Para a válida constitución das sesións requírese a convocatoria por escrito dirixida a cada vocal, na que se expresará a orde do día, lugar e hora da sesión, con cinco días de antelación. En caso de sesión extraordinaria, a convocatoria poderá realizarse con vintecatro horas de antelación por un medio que permita deixar constancia. Así mesmo, considerarase constituído o padroado en sesión extraordinaria cando ó estar presentes a totalidade dos seus membros así o acorden. En tal caso, o padroado quedará validamente constituído para trata-los temas que unanimemente decidisen incluír na orde do día os membros con dereito a voto.

3. Acordos:

Para que quede validamente constituído o padroado requírese a concorrencia, presentes ou representados por outros membros do padroado, da metade máis un dos membros.

Os acordos, se a lei non esixe un quórum especial, adoptaranse por maioría absoluta e, no caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Non serán válidos os acordos que non consten na orde do día, agás que unanimemente todo o padroado lle engadise algún punto que ampare a adopción do acordo.

Artigo 13º.-Presidente.

Correspóndenlle ó presidente do padroado as seguintes funcións:

a) Exerce-la representación da fundación e do seu padroado.

b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, arbitra-las deliberacións do padroado e desface-los empates co seu voto de calidade.

c) Autoriza-la asistencia doutras persoas ás reunións do padroado, en calidade de acompañantes dos membros, se a súa presencia se considera conveniente pola natureza das cuestións que se van debater.

d) Exercer, en caso de urxencia, toda clase de accións, excepcións e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e intereses da fundación, e informar disto na primeira sesión que realice o padroado.

e) Calquera outra función que lle sexa validamente encomendada ou delegada polo padroado.

Artigo 14º.-Vicepresidente.

Son funcións do vicepresidente:

a) Substituí-lo presidente e exerce-las funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

b) Aquelas que por escrito lle sexan delegadas polo presidente. A delegación das funcións do artigo 13º f requirirá a previa autorización do padroado.

Sección segunda

O director

Artigo 15º.-O director.

1. O padroado nomeará un director, que será o superior órgano unipersoal de xestión da fundación, e o responsable único da xestión asistencial, sen prexuízo das funcións atribuídas ó padroado nestes estatutos.

2. A fundación formalizará co director un contrato laboral adecuado ó seu labor funcional. En ningún caso a duración do contrato poderá exceder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e consonte as disposicións aplicables na materia.

Artigo 16º.-Funcións do director.

Corresponderanlle ó director-xerente as seguintes funcións:

a) Executar e facer cumpri-los acordos do padroado.

b) Exercer, por delegación do presidente, a representación da fundación, sen prexuízo da representación que lle corresponde ó vicepresidente nos supostos de ausencia do presidente.

c) Propoñer e executa-las estatrexias e políticas de actuación da fundación.

d) Dirixir, xestionar e inspeccionar, conforme as directrices do padroado, a organización e actividades da fundación que conduzan á consecución e mantemento dun alto nivel na práctica asistencial e demais fins da fundación.

e) Establecer, aprobar e facer cumpri-las normas de funcionamento interno da fundación, globais e en cada unha das súas unidades organizativas.

f) Elaborar e propoñerlle ó padroado o orzamento anual de gastos e ingresos, e, se é o caso, as modificacións.

g) Administra-lo patrimonio segundo as leis e as atribucións conferidas polo padroado.

h) Ordena-los pagamentos e a xestión de tesourería de acordo cos criterios aprobados polo padroado.

i) Dentro dos límites establecidos polo padroado, a adquisición de bens e servicios, así como a contratación de obras.

j) O nomeamento e cesamento dos cargos directivos, dándolle conta ó padroado.

k) Desenvolve-la política de persoal deseñada polo padroado e, para tal fin, selecciona-lo persoal, concertar ou rescindir relación laborais, acordar sancións e executa-los acordos do padroado sobre o réxime retributivo.

I) Informar regularmente o padroado dos resultados de xestión, clínicos, operativos e financeiros e, especialmente, prepara-la memoria do exercicio e o balance de situación.

m) Exercer en casos de urxencia, por delegación do presidente, as accións, excepcións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e intereses da fundación, e informa-lo padroado na primeira sesión que se realice.

n) Calquera outra función que lle delegue o padroado.

Capítulo III

Réxime patrimonial, financeiro e contable

Artigo 17º.-O patrimonio.

1. O patrimonio da fundación poderá estar constituído por bens e dereitos de calquera clase. A súa adquisición, administración e disposición correspóndelles ós órganos da fundación de acordo con estes estatutos.

2. Poderán adscribirse á fundación bens e dereitos sen que isto implique a transmisión do dominio. Esta clase de bens e dereitos deberán figurar no balance da entidade polo seu valor de cesión e debidamente separados daqueles que fosen adquiridos ou se adquiran no exercicio da actividade da fundación, e, polo tanto, deban estar incorporados ó seu patrimonio.

a) As melloras, reparacións, conservación e mantemento destes bens serán por conta da fundación.

b) A fundación non poderá allear nin dar de baixa ningún elemento, ben ou equipo que figure en réxime de cesión sen obter, previamente, a autorización dos órganos competentes para iso.

3. O patrimonio da fundación quedará reflectido no inventario que ha de revisar e aprobar anualmente o padroado. Os bens que sexan susceptibles de inscrición, inscribiranse no Rexistro da Propiedade. Os fondos públicos e valores mobiliarios deberán depositarse ó seu nome nos establecementos financeiros ou Caixa Xeral de Depósitos.

4. Os bens que integran o patrimonio fundacional, sen prexuízo dos actos necesarios para a súa xestión e administración, quedan vinculados exclusivamente ó cumprimento directo ou indirecto dos fins fundacionais.

Artigo 18º.-Réxime e recursos económicos.

1. Os recursos económicos da fundación compóñense de:

a) A dotación inicial.

b) Os ingresos procedentes da facturación dos seus servicios.

c) Os derivados de contratos, concertos e convenios con persoas fisicas ou xurídicas ou entidades públicas ou privadas de calquera tipo.

d) Os ingresos procedentes das sociedades filiais ou empresas nas que participe.

e) Os rendementos do seu patrimonio.

f) Subvencións, axudas, donativos, ou legados e herdanzas aceptados.

g) Os créditos e préstamos que lle sexan concedidos.

h) Calquera outro, no marco legal aplicable.

2. O proxecto de orzamento anual de ingresos e gastos seralle presentado ó padroado antes do 1 de xuño, conforme a estructura e contido sinalado no artigo 21 e seguintes da Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no capitulo V e seguintes do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, ou pola normativa que as substitúa en cada momento.

3. O referido proxecto de orzamento será aprobado polo padroado antes do 20 de xuño de cada ano, previo ó exercicio económico, e ha de remitírselle, a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, á Consellería de Economía e Facenda antes do 1 de xullo para a elaboración do anteproxecto da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. En calquera caso, a antedita aprobación, no relativo ás achegas que se vaian percibir con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, considérase condicionada ás resultantes de tramitación e definitiva aprobación destes.

4. Sen prexuízo do previsto nos parágrafos anteriores, respecto do réxime financeiro e orzamentario haberá que aterse ó que prevexa o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para as sociedades públicas autonómicas ás que se refire o artigo 12º.1 a) da dita lei.

5. A fundación só poderá concertar operacións de crédito por necesidades de tesourería por un período de amortización de capital e xuro inferior a un ano, e sempre que se destine o seu importe ós fins da fundación, sen supera-lo límite máximo que para cada exercicio se establece na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

6. Na contratación, a fundación someterase ás normas de dereito privado. En calquera caso, a adquisición de bens e servicios e a execución de obras someterase ós principios de publicidade e libre concorrencia.

Artigo 19º.-Réxime contable e control financeiro.

1. Na xestión e rexistro de actividades económicas e patrimoniais seralle aplicable o Plan Xeral de Contabilidade Pública.

2. Verbo do control financeiro permanente da fundación, haberá que aterse ó disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Capítulo IV

Réxime de persoal

Artigo 20º.-Réxime de persoal.

1. O réxime xurídico do persoal da fundación será de carácter laboral, coas garantías que establecen para este efecto o Estatuto dos traballadores e demais normas laborais.

2. A fundación deberá aplicar, en calquera caso, ós sistemas de selección de persoal ó seu servicio os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3. Tamén, e co obxecto de garanti-la adecuada coordinación e optimización dos recursos sanitarios públicos existentes, poderá desempeña-lo seu traballo na fundación o persoal das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, na forma que estableza este organismo en coordinación coa dirección da fundación.

Capítulo V

Extinción

Artigo 21º.-Extinción da fundación.

1. A disolución da fundación realizarase por acordo dos membros do padroado ou por imposibilidade legal ou material de cumpri-los seus obxectivos. No caso de acordo de disolución, este requirirá maioría reforzada (2/3 do número legal dos membros) e a ratificación do protectorado. Así mesmo, a fundación extinguirase nos supostos legalmente previstos.

2. O acordo de disolución determinará a forma en que se procederá á liquidación dos bens pertencentes á fundación, que en todo caso pasarán a integrarse no patrimonio da Xunta de Galicia, adscrito ó Sergas. O Consello da Xunta de Galicia designará unha comisión liquidadora, constituída por 3 peritos de recoñecida profesionalidade, non vinculados á fundación nos 5 anos anteriores ó seu nomeamento, que levarán ó consello unha proposta sobre o procedemento para a formalización da disolución.