Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 28 de decembro de 1999 Páx. 15.141

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1838/1999, do 3 de decembro, de ampliación de medios adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación.

A Constitución, no artigo 149, resérvalle ó Estado a competencia exclusiva sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución, co fin de garanti-lo cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 31 que lle corresponde á Comunidade de Galicia a competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que, conforme o número 1º do artigo 81 desta, o desenvolvan, e sen prexuízo das facultades que lle atribúe ó Estado o artigo 149.1.30ª e da alta inspección para o seu cumprimento e garantía.

Polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de educación.

Procede efectuar agora, sobre as mesmas previsións constitucionais, estatutarias e legais, unha ampliación das funcións e servicios na materia citada.

Finalmente, o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento a que se deben axusta-los traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 8 de

outubro de 1999, o oportuno acordo, a virtualidade práctica do cal esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día tres de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, polo que se amplían as funcións e servicios da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, e que se transcribe como anexo a este real decreto, nos termos alí especificados.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan ampliados as funcións e servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia, así como os medios e os créditos orzamentarios correspondentes que figuran nas relacións adxuntas ó propio acordo da comisión mixta e que se inclúen como anexo a este real decreto, nos termos e condicións que alí se especifican.

Artigo 3º

A ampliación de funcións e servicios a que se refire este real decreto terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Educación e Cultura produza os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo, ata a data da súa entrada en vigor.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinen de acordo coa relación número 1 serán transferidos polo Ministerio de Educación e Cultura ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado destinados a financia-los servicios asumidos polas comunidades autónomas e non se computarán na revisión da porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado ata que non conclúa o período de homologación.

Disposición derradeira

Única.-Este real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid o tres de decembro de mil novecientos noventa e nove.

Ángel Acebes PaniaguaJuan Carlos R.

Ministro de Administracións

Públicas

ANEXO

Juan Palacios Benavente e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta de Transferencias, que tivo lugar o día 8 de outubro de 1999, se adoptou un acordo sobre ampliación dos medios adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/l982, do 24 de xullo, en materia de educación, nos termos que a seguir se expresan:

a) Normas nas que se ampara a ampliación.

A Constitución, no artigo 149, resérvalle ó Estado a competencia exclusiva sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución, co fin de garanti-lo cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 31 que lle corresponde á Comunidade de Galicia a competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que, conforme o número 1º do seu artigo 81, o desenvolvan, e sen prexuízo das facultades que lle atribúe ó Estado o artigo 149.1.30ª e da alta inspección para o seu cumprimento e garantía.

Polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

Sobre as bases destas previsións normativas, procede completa-lo traspaso aprobado no seu momento, ampliando os postos de traballo que foron obxecto de traspaso en materia de educación.

b) Medios obxecto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia,

Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia os postos de traballo correspondentes ó persoal que, en réxime de contratación laboral, imparte as ensinanzas de relixión en centros públicos de educación infantil e primaria situados no territorio da Comunidad Autónoma.

Ó persoal que ocupe eses postos seralle de aplicación o réxime retributivo que, por asimilación ó profesorado interino dependente da Administración do Estado, establece o artigo 93 da Lei 50/1998, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

c) Valoración das cargas financeiras dos servicios traspasados.

O custo efectivo ó que se refire esta ampliación, que para 1999 é o que figura na relación número 1º, non se computará na revisión da porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado ata que non conclúa o período de homologación.

Durante este período transitorio, o financiamento efectuarase en función do custo efectivo de cada ano, mediante transferencia dos créditos pertinentes desde a sección 18 Ministerio de Educación e Cultura á sección 32 Entes territoriais.

d) Documentación e expedientes dos medios que se amplían.

A entrega da documentación e expedientes dos medios que se amplían realizarase no prazo dun mes a partir da publicación do real decreto polo que se aproba este acordo.

e) Data de efectividade da ampliación de medios.

A ampliación de medios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de xaneiro do ano 2000.

E para que conste, expedimos esta certificación, en Madrid o 8 de outubro de 1999. Os secretarios da comisión mixta, Juan Palacios Benavente e Alfonso Vaquero Marín.

Relación número 1

Sección 18: Ministerio de Educación e Cultura

Capítulo I

Aplicación orzamentariaPesetas

18.05.422A.131

18.05.422A.160.00

531.471.428

174.163.184

Total 705.634.612