Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 23 de decembro de 1999 Páx. 15.012

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 326/1999, do 3 de decembro, polo que se desafecta do dominio público unha parcela que integra o inmoble onde está instalada a gardería infantil situada no recheo de Bouzas, no termo municipal de Vigo (Pontevedra).

Con data do 24 de outubro de 1996 subscribiuse un convenio de colaboración entre o Concello de Vigo, a Autoridade Portuaria de Vigo, e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, para a ordenación do tramo Castrelos-Bouzas correspondente ó primeiro cinto da cidade de Vigo.

Con data do 15 de novembro de 1999, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude infórmanos de que con esa data se asinou a acta mediante a cal o Ministerio de Fomento puxo á disposición desta consellería a referida escola infantil que substitúe a existente, o que implica, á vista do disposto no artigo 24 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a conformidade coa desafectación do dominio público do devandito inmoble.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público unha parcela de 2.000 m, aproximadamente, situada no recheo de Bouzas, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), que linda: norte, vía da zona franca; leste, zona verde; sur, zona verde; oeste, camiño peonil.

Artigo 2º

O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte de Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado, de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de

marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda