Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 20 de decembro de 1999 Páx. 14.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 9 de decembro de 1999 sobre delegación das competencias en materia de subscrición de convenios no secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio.

O desenvolvemento do principio de colaboración entre a Xunta de Galicia e outras administracións ou entes de dereito público, así como cos particulares, ten a súa expresión, entre outras facetas, na subscrición de convenios entre tales instancias, cunha importancia crecente nestes últimos anos.

Co fin de acadar unha maior axilización nos aspectos formais e procedementais relacionados coa subscrición dos convenios, dado o volume destes, resulta aconsellable recorrer á delegación das competencias no secretario xeral desta consellería, sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral desta consellería a subscrición, modificación e prórroga dos convenios de colaboración con outras administracións ou entes de dereito público, así como cos particulares que outorgue esta consellería, nos seguintes casos:

a) Os que non conteñan ningunha obriga de gasto de carácter plurianual.

b) Os que non conteñan ningunha obriga de gasto no exercicio vixente por importe superior a 50.000.000 de ptas.

Artigo 2º

Nos convenios que se celebren facendo uso da delegación de competencias conferida pola presente orde farase constar expresamente esta circunstancia.

Artigo 3º

O conselleiro poderá reclamar, en calquera momento, o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 44.2º da Lei reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1999.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio