Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 16 de decembro de 1999 Páx. 14.734

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de novembro de 1999 pola que se incrementa a contía das bolsas de predoutoramento concedidas por Resolución do 1 de outubro de 1999, da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, publicada no Diario Oficial de Galicia do 15 de outubro de 1999.

Pola orde conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Medio Ambiente do 26 de abril de 1999 (Diario Oficial de Galicia, do 18 de maio) convocáronse, entre outras accións, bolsas de predoutoramento en temas de ambiente.

Na citada orde fixouse o importe destas bolsas en 110.000 ptas. brutas mensuais e considerouse a posibilidade de incrementa-la dotación das bolsas a partir do 1 de xaneiro do ano 2000 co fin de consegui-la total homologación coas bolsas de formación de persoal investigador convocadas polo Ministerio de Educación e Cultura.

Considerando que a Secretaría de Estado de Educación, Universidades, Investigación e Desenvolvemento por Resolución do 2 de setembro de 1999 (BOE do 15 de setembro), estableceu a contía das bolsas de FPI para o ano 2000 (primeira e segunda anualidade) en 115.000 ptas./mes.

DISPÓN:

Artigo 1º

Acórdase fixa-la contía mensual das bolsas de predoutoramento concedidas por resolución da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental do 1 de outubro de 1999 (Diario Oficial de Galicia, do 15 de outubro) en 115.000 ptas. brutas mensuais desde o 1 de xaneiro do ano 2000 ata a súa data de finalización.

Este incremento financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 do orzamento de gastos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para o ano 1999.

Artigo 2º

Esta disposición pon fin á vía administrativa segundo o disposto no artigo 109 c) da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente