Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 15 de decembro de 1999 Páx. 14.726

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE OURENSE

ANUNCIO (246/1990).

Anúnciase que a Comisión Municipal de Goberno, en sesión ordinaria que tivo lugar o día 14 de outubro de 1999 adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«A execución da sentencia 643/1997, do 5 de xuño, que deixa sen efecto o acordo plenario do 9-9-1993, de aprobación definitiva da norma complementaria do planeamento de utilización baixo rasante dos espacios interiores entre bloques nas tipoloxías de ordenación aberta e cuarteirón aberto, declarando a nulidade de pleno dereito da norma complementaria de planeamento, ratificada polo Tribunal Supremo con data do 14 de xullo de 1998 e recibida neste concello o 16 de outubro de 1998. Para estes efectos, farase constar en nota marxinal no libro de actas correspondente e procederase á publicación no BOP de Ourense e Diario Oficial de Galicia do texto íntegro do dictame e normativa anulada. Así mesmo, darase conta ós Servicios de Xestión e Promoción Urbana para que a partir da data da sentencia cesen na aplicación da dita norma complementaria.».

Texto da sentencia 643/1997.

«Estimamos en parte o recurso contencioso-administrativo interposto por Javier López Pérez, contra o acordo do Pleno do Concello de Ourense, do 9 de setembro de 1993, polo que se deu por aprobada por silencio adminstrativo positivo da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas a norma complementaria de planeamento utilización

baixo rasantes dos espacios interiores entre bloques nas tipoloxías de ordenación aberta e cuarteirón aberto e contra a desestimación presunta por silencio administrativo do recurso de reposición interposto contra aquel, actos que declaramos nulos como non axustados a dereito; e desestimámo-lo recurso nas súas outras peticións; sen facer imposición das custas».

Norma complementaria de planeamento, utilización baixo rasante dos espacios interiores entre bloque nas tipoloxías ordenación aberta e cuarteirón aberto.

I. Memoria xustificativa de fins e obxectivos.

Como consecuencia do acordo adoptado pola Comisión Informativa de Promoción Urbana do 4-12-1986, ratificado pola Comisión Municipal de Goberno, o 5-12-1986, relativo á construcción de garaxes-aparcamentos baixo a rasante de espacios libres de propiedade pública ou privada mancomunada, coa finalidade de aumenta-la capacidade real de prazas do estacionamento nas zonas con tipoloxías correspondente a ordenación aberta (AA) e cuarteirón aberto (CA) e, como consecuencia, incrementa-lo número de aparcamentos en solo urbano con carácter global, é polo que se redacta esta norma complementaria do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Ourense, aprobada, definitivamente, o 16-9-1986, sen modificar ningunha determinación deste, con cumprimento dos artigos 88, 89 e 95 do R.P.

A) Fins e obxectivos da súa promulgación: son os mencionados anteriormente con carácter xeral e veñen a complementa-las determinacións do plan xeral, o cal, nos seus puntos 4.4.a e 4.5.a, establece a posibilidade de prolonga-las plantas soto baixo rasante nun largo de 4,5 m co uso exclusivo de aparcamentos, nos cuarteiróns abertos e ordenacións abertas, co obxecto de favorece-la disposición das prazas de garaxe.

Como queira que o feito de potencia-lo aumento de prazas de aparcamento no solo urbano é criterio do Plan Xeral de Ordenación e da propia Lei do solo, é polo que se considera procedente regula-lo uso dos espacios subterráneos fóra da liña dos 4,50 m co único destino de garaxe-aparcamento, suxeito ó cumprimento da normativa aplicable a este tipo de instalacións e ás condicións que nesta norma complementaria se establecen.

B) Ámbito de aplicación: estas normas son de aplicación no solo clasificado como urbano, nos planos de ordenación á escala 1:2000, e dentro dos espacios libres entre edificacións pertencentes ás zonas cualificadas con tipoloxía de cuarteirón aberto (CA) ou ordenación aberta (AA).

Non é de aplicación ás zonas verdes ou zonas libres pertencentes ós sistemas xerais grafados nos planos correspondentes a escala 1:2000, nin ás zonas per

tencentes ó sistema viario e os seus elementos de protección, fixándose un retranqueo mínimo de 4 m á beirarrúa.

C) Relación co plan xeral: esta norma complementaria complementa as determinacións contidas nos puntos 4.4.a e 4.5.a, permitindo as edificacións subterráneas nas zonas especificadas no punto anterior, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

1. Non sexan visibles desde a vía pública.

2. Non sexa posible a execución de sotos nos límites establecidos para os cuarteiróns abertos e bloques abertos ou ben que a súa superficie non resulte suficiente para dar cumprimento á normativa sobre provisión de prazas de aparcamento.

3. A superficie construída fóra dos límites da edificación non poderá exceder da superficie precisa para alberga-las prazas de aparcamento que precisan as edificacións da zona.

4. En calquera caso, o uso exclusivo destas zonas baixo rasante do interior, así como dos sotos das edificacións da zona será o de garaxe-aparcamento na forma descrita no plan xeral para este uso específico.

5. Terán que cumprirse todas e cada unha das características constructivas que se esixen na normativa que regula este tipo de construccións (punto II desta norma).

6. Nas zonas abertas de execución directa, nas que non sexa preciso utilizar ningún mecanismo de xestión, a autorización destas construccións subterráneas deberán fundamentarse nun proxecto técnico que defina as rasantes, acabados de urbanización e características constructivas de toda a área interior comprendida na zona con obxecto de racionalizar ó máximo a función de utilidade de espallamento do espacio exterior.

II. Normativa de aplicación na execución de garaxes-aparcamento en zonas interiores de cuarteirón aberto ou ordenación aberta.

1. A espesura mínima, en calquera punto, da capa de cubrición sobre forxados será de 1,20 m.

2. Disporase capa de impermeabilización, capa antirraíces e material de drenaxe.

3. Disporase sobre elas unha malla metálica de 10 mm formando de 30x30 cm.

4. A construcción non será visible desde ningún punto, nin sequera os posibles accesos, polo que estes se deberán realizar a través das edificacións circundantes.

5. Non se admiten elementos de ventilación ou calquera outro auxiliar nestas zonas, debendo situarse a extracción de gases por riba da cuberta do edificio principal.

6. A execución da construcción do aparcamento subterráneo leva implícita a execución do axardinamento superior, conforme o proxecto de urbani

zación da zona, sendo por conta do promotor e, no seu momento, da comunidade de propietarios a conservación, mesmo cando o uso destas zonas sexa público. Este deber de conservación farase constar nas tramisións de dereito de propiedade que se efectúen.

7. En ningún caso a ampliación proxectada poderá invadir calzadas, beirarrúas públicas ou os seus elementos de protección.

8. O deber de conservación aducido no punto 6, leva consigo, ademais, o deber de mantemento da construcción subterránea, sendo por conta do promotor, comunidade de propietarios ou propietario a reparación de tódolos posibles estragos que se poidan ocasionar por filtracións, afundimentos, etc., así como a responsabilidade que poida derivarse de tales situacións.

9. O concello resérvase o dereito de impo-las servidumes que considere necesarias para aloxar ou servir de paso ás redes de servicios ou infraestructuras básicas, bastando para realizalas a comunicación escrita ó propietario ou propietarios, os cales están obrigados a franquea-la entrada e permiti-las ocupacións necesarias.

10. No suposto de que fora necesaria a demolición parcial total destas construccións para a execución dalgunha vía, procederase á expropiación das construccións realizadas de acordo cos criterios da Lei de expropiación forzosa, procedendo unicamente a indemnización pola obra executada e conforme proxecto.

III. Condición especial de tramitación.

1. A autorización deste tipo de construccións con cumprimento da normativa descrita deberáselle solicitar ó concello con anterioridade á execución do proxecto, xuntando:

-Plano oficial de situación do PXOU, á escala 1:2000.

-Plano do soar á escala 1:50 con indicación da zona que se prevé ocupar.

-Plano de planta á escala 1:500 facendo referencia ó contorno e ás rúas perimetrais.

-Planos de sección á escala 1:500.

-Memoria descritiva das obras que se van realizar.

2. O concello resolverá a petición presentada, valorando a situación, necesidade ou conveniencia, podendo impo-las variacións que considere oportunas; mesmo poderá denega-la autorización por causa razoada.

Ourense, 21 de outubro de 1999.

Manuel J. Cabezas Enríquez

Alcalde-presidente