Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 14 de decembro de 1999 Páx. 14.625

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa existente en materia de muller.

O recoñecemento da igualdade de dereitos, así como a no discriminación entre o home e a muller, é un trazo común a tódalas sociedades democráticas, polo que hai que pretender que a muller, con independencia do nivel económico, cultural e social ó que pertenza, poida elixir libremente a opción persoal, profesional, familiar e política que prefira, determinando deste xeito, dunha forma real e non só nominal, a súa participación na sociedade, sen que isto supoña a renuncia das súas aspiracións familiares e da súa personalidade feminina.

Por outra banda cómpre defende-la colaboración entre o home e a muller, fronte á confrontación, xa que é necesario entende-la sociedade desde o punto de vista máis humano, e, neste sentido, colaborar esixe que as relacións entre homes e mulleres se desenvolvan nun ámbito de igualdade, tanto na vida privada e profesional como cívica.

Desde unha óptica privada, hai que introducir na sociedade a idea de que as obrigas da muller son obrigas de toda a sociedade e, dentro da unidade familiar, de tódolos membros por igual.

Desde unha perspectiva profesional, hai que chegar ó punto no que a promoción e o soldo non se diferencien en función dos sexos.

Xa desde o punto de vista político, convén ter en conta que unha democracia ten que permitir unha representación paritaria de homes e mulleres en papeis de responsabilidade, e nese sentido son necesarias medidas que favorezan a participación das mulleres en tódolos organismos ó servicio da comunidade.

Acada-la igualdade real nestes tres campos referidos esixe non só o correspondente desenvolvemento normativo, feito na súa maior parte por imperativo da Constitución española e do Estatuto de autonomía, senón que é preciso modificar actividades e estructuras sociais con respecto a unha liña de actuación que dea efectividade ó principio de igualdade.

Para estes efectos, o artigo 4.1º e 2º do Estatuto de autonomía de Galicia, contempla a posibilidade de que os poderes públicos leven a cabo as accións encamiñadas a promove-las condicións de igualdade, así como a remove-los atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude, para o que se adoptarán as medidas que consideren oportunas.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, creou o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, como organismo autónomo, de carácter admi-

nistrativo con categoría de dirección xeral, adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da consellería.

Este decreto ten por obxecto a refundición dunha serie de disposicións reguladoras dos distintos órganos que levan a cabo na nosa Comunidade Autónoma accións encamiñadas a promove-las condicións de igualdade entre o home e a muller, así como a erradicar calquera discriminación que poida existir neste sentido.

En concreto refúndense nesta disposición por unha banda o Decreto 236/1991, do 4 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica e funcional do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e a Orde do 18 de xullo de 1991, que o desenvolve.

Por outra banda, recóllense en cadanseu capítulo os órganos colexiados existentes nesta materia, como son: Comisión Autonómica da Muller e a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista creados respectivamente polos decretos 106/1997, do 17 de abril, e polo Decreto 137/1998, do 30 de abril.

Por todo o exposto é polo que, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de novembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Estructura.

Para o desempeño das súas funcións, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, estructúrase nos seguintes órganos:

1. O Consello.

2. A Dirección.

3. A Secretaría.

4. Así mesmo, atópanse adscritos ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller os seguintes órganos:

a) A Comisión Autonómica da Muller.

b) Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista.

Sección segunda

Do Consello

Artigo 2º.-O Consello.

O Consello do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller é o órgano superior

deste e axustarase ó disposto na Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, pola que se establece a estructura orgánica do servicio.

Artigo 3º.-Sede do Consello.

O Consello do Servicio de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ten a súa sede en Santiago de Compostela e poderá, nembargantes, realiza-las súas sesións en calquera lugar do territorio da Comunidade Autónoma.

Artigo 4º.-Funcionamento do Consello.

O Consello actuará en Pleno ou en Comisión Permanente.

Sección terceira

Do Pleno

Artigo 5º.-Composición.

1. Formarán parte do Pleno do Consello, segundo o disposto no artigo 5 da Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, os seguintes membros:

a) Presidente: a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) Vicepresidente: a directora xeral do servicio.

c) Vocais:

-Un representante con categoría de director xeral nomeado por cada unha das consellerías do goberno de Galicia.

-Cinco persoas de relevante prestixio no eido das ciencias sociais, económicas e xurídicas designadas polo Consello da Xunta de Galicia.

d) Secretario: actuará como secretario quen o sexa do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. Os representantes con categoría de dirección xeral poderán designar suplentes que deberán te-la condición de subdirectores/as.

Artigo 6º.-Funcións do Pleno.

O Pleno, que estará composto por tódolos membros do Consello, terá as seguintes funcións:

1) Aproba-lo anteproxecto de orzamento do organismo.

2) Aproba-lo plan anual de actividades.

3) Aproba-la memoria de xestión anual e remitila ás institucións públicas competentes na materia.

4) Coordinar tódolos traballos e actividades que desenvolvan os distintos departamentos da Xunta de Galicia en temas que afecten a situación da muller.

5) A adopción de acordos e a revisión de informes sobre as diversas materias que constitúan as funcións do Consello.

6) Aprobar e modifica-lo regulamento de funcionamento interno do Consello.

7) A constitución das comisións de traballo que considere necesarias determinando a súa composición. As comisións de traballo examinarán os temas que o Pleno decida e remitirán a este as conclusións dos seus traballos.

8) Aprobar, rexeitar, ou modifica-los proxectos e informes en tódalas cuestións nas que actúe.

9) Delegar na Comisión Permanente a execución de asuntos concretos.

Artigo 7º.-Funcionamento.

1. O Pleno reunirase con carácter ordinario unha vez ó ano e, con carácter extraordinario, por iniciativa da/do súa/seu presidenta/presidente, por petición da comisión permanente ou por proposta dun tercio dos seus membros.

2. Os acordos deste deberán ser aprobados pola maioría absoluta dos asistentes con dereito a voto.

Sección cuarta

A Comisión Permanente

Artigo 8º.-Composición.

A Comisión Permanente do Consello estará constituída pola directora do Servicio e seis vocais, tres polos representantes da Administración autonómica e tres polos vocais designados polo Consello da Xunta de Galicia entre persoas de recoñecido prestixio. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, quen o sexa do Pleno do Consello.

Artigo 9º.-Funcións.

Serán funcións da Comisión Permanente, entre outras, as seguintes:

1) Elabora-lo anteproxecto do orzamento do servicio.

2) Emitir informe sobre a memoria da xestión anual.

3) Prepara-las sesións do Pleno, confecciona-la orde do día, fixa-la data das sesións e leva-la documentación necesaria para a realización deste.

4) Apoiar e impulsa-las actividades das comisións de traballo que se constitúan no Pleno e coordina-lo seu funcionamento.

5) Estudiar, tratar e resolver cantas cuestións lle sexan encomendadas polo Pleno.

6) Adopta-las medidas necesarias para o cumprimento dos obxectivos do servicio.

7) Cantas funcións lle encomende o Consello en Pleno ou someta á súa consideración a directora.

Artigo 10º.-Funcionamento.

1. A comisión permanente reunirase, de modo ordinario, unha vez ó ano e, de forma extraordinaria, cada vez que sexa convocada polo/pola seu/súa presidente/presidenta.

2. Os acordos da Comisión Permanente adoptaranse por maioría absoluta dos asistentes con dereito a voto.

Sección quinta

Normas comúns

Artigo 11º.-Atribucións dos presidentes do Pleno e da Comisión Permanente.

Correspóndelles ós presidentes dos órganos do Consello do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, entre outras, as seguintes funcións:

1) Asumir e te-la súa representación actuando como portavoces destes.

2) Convocar, presidir e levanta-las sesións. Antes de le-la orde do día, darase conta das comunicacións que afecten o órgano que preside.

3) Dirixi-las deliberacións, velar polo mantemento da orde e pola observación deste regulamento, conceder ou retira-lo uso da palabra, someter a votación as propostas e proclama-los resultados.

4) Dictar e formaliza-las instruccións que sexan necesarias para o cumprimento das funcións do órgano correspondente.

5) Referenda-las actas e autorizar coa súa sinatura a documentación que afecte o Pleno ou a Comisión respectivamente.

Artigo 12º.-Dos vocais.

1. Os vocais do Consello serán designados polo conselleiro respectivo ou polo Consello da Xunta de Galicia.

2. Correspóndelles ós vocais:

a) Coñecer previamente a orde do día das reunións e a información precisa sobre os temas incluídos.

b) Exerce-lo seu dereito ó voto.

c) Participar nos debates das sesións.

d) Solicitar que se someta a debate algún asunto non incluído na orde do día.

e) Formular rogos e preguntas.

f) O dereito á información xeral necesaria para cumprir debidamente as funcións designadas no Consello.

g) Cantas funcións sexan intrínsecas á súa condición de vocais.

3. Os vocais teñen a obriga de gardar sixilo nas materias que se declaren reservadas.

4. Os vocais non poderán atribuírse a representación ou facultade do Consello ou da Comisión Permanente, a non ser que expresamente llas outorgase, para cada caso en concreto, o órgano competente.

5. Os vocais perderán a súa condición de tales por algunha das seguintes causas:

a) Falecemento.

b) Por decreto do Consello da Xunta de Galicia ou por orde da respectiva consellería, segundo os casos nos que se ordena a súa substitución, trala comunicación oportuna ó secretario do servicio.

c) Por renuncia do designado, cando así proceda, trala comunicación ó secretario do servicio.

Artigo 13º.-O secretario do Consello.

1. Actuará como secretario dos órganos do Consello, con voz pero sen voto, quen o sexa do servicio.

2. O secretario do Consello levará a cabo as seguintes funcións:

a) Convocar, por orde do presidente, as reunións.

b) Asistir ás reunións do Pleno e da Comisión Permanente, levantando actas delas, na que fará constar como mínimo:

-Lugar de reunión, data, hora e comezo.

-Relación nominal dos membros que están presentes e ausentes que escusasen a súa asistencia, e das persoas que, se é o caso, estivesen citadas para informar sobre algunha cuestión en concreto.

-Carácter ordinario ou extraordinario da sesión.

-Asuntos que figuren na orde do día.

-Expresión sintetizada de cada unha das intervencións dos membros do Consello. Calquera membro poderá solicitar que se lle transcriba íntegra a súa intervención, sempre que achege no acto o texto escrito que se corresponda exacta e fielmente con aquela, facéndose constar así na acta e xuntándose copia autenticada do escrito.

-O resultado das votacións.

-Hora de finalización da sesión.

Cando non se realice sesión, por calquera motivo, o secretario suplirá o acto por unha dilixencia autenticada coa súa sinatura e a do presidente na que fará consta-la causa de que non se realizase e, se procede, o nome dos asistentes e dos que se escusaron.

As actas, logo de aprobadas, serán asinadas polo secretario e visadas polo presidente, sendo o primeiro o responsable da súa custodia.

c) Expedir certificacións dos acordos e informes aprobados no Pleno ou na Comisión Permanente, visados polo presidente.

d) Calquera outra función que sexa encomendada polos órganos do Consello.

Artigo 14º.-Convocatorias.

1. Correspóndelle ó presidente do Consello ordena-la convocatoria das reunións.

2. As convocatorias faranse sempre por escrito e polos medios máis idóneos para garanti-la súa recepción, coa debida antelación, que será, como mínimo de dez días hábiles para as reunións ordinarias e

de catro para as extraordinarias. Non obstante, o presidente, no caso de especial urxencia e inaprazable necesidade, poderá altera-lo dito prazo, sempre que se lles garanta ós membros dos órganos do Consello o coñecemento previo e suficiente da orde do día.

3. As convocatorias deberán conte-la data, hora e lugar da reunión así como a orde do día, e incluír, en todo caso, a documentación adecuada para o estudio previo.

4. Na citación da primeira convocatoria incluirase a da segunda, tendo en conta que entre as dúas convocatorias deberá transcorrer polo menos media hora.

5. Para que os órganos do Consello queden validamente constituídos deberán concorrer, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a asistencia da terceira parte dos membros.

Artigo 15º.-Orde do día.

1. Na orde do día das sesións ordinarias incluiranse a lectura e, se procede, a aprobación da acta da sesión ordinaria anterior e das extraordinarias que se celebren entre as dúas así como os demais puntos que se acorden.

2. Na orde do día das sesións extraordinarias incluiranse os temas propostos pola presidencia.

Artigo 16º.-Asistencia ás sesións.

Os membros do Consello terán dereito á percepción das compensacións económicas que se determinen, polos conceptos que proceda, pola asistencia a sesións e reunións dos órganos do Consello, así como ás que se fixen do mesmo modo polos traballos especiais en representación destes.

Sección sexta

A Dirección

Artigo 17º.-Funcións.

Á Dirección como órgano superior do Consello correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

1) Exerce-la vicepresidencia do Consello en Pleno.

2) Presidi-las reunións da Comisión Permanente do Consello.

3) Te-la representación do servicio.

4) A posta en práctica das medidas e a execución dos acordos do Pleno ou da Comisión Permanente do Consello.

5) Actuar como órgano de contratación do servicio.

6) Dispo-los gastos propios do servicio e solicitar dos órganos competentes a ordenación dos pagamentos correspondentes dentro dos límites establecidos na lexislación vixente.

7) Elevar ó Pleno do Consello o anteproxecto de orzamentos do servicio para a súa aprobación, se procede.

8) Elevar ó Pleno do Consello, para a súa aprobación se procede, a memoria de xestión anual do servicio tralo seu informe pola Comisión Permanente.

9) Elevar ó Pleno do Consello, para a súa aprobación se procede, o plan anual de actividades.

10) A xefatura do persoal adscrito ó servicio.

11) A dirección, impulso e coordinación de tódalas actividades do servicio.

12) Tódalas demais que lle competan ó servicio e non se encomendasen expresamente a outro órgano, así como aquelas que lle delegue ou encomende o Pleno ou a Comisión Permanente do Consello.

Artigo 18º.-Estructura da Dirección.

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral e directamente dependente da Dirección do servicio, atópase a Secretaría.

2. Así mesmo, depende da Dirección o Servicio de Administración Xeral.

Sección sétima

Servicio de Administración Xeral

Artigo 19º.-Funcións.

O Servicio de Administración Xeral é un órgano de xestión administrativa e de apoio e asesoramento técnico ós demais órganos do servicio, correspondéndolle, entre outras, as seguintes funcións:

1) A administración do persoal funcionario, interino ou laboral adscrito ó servicio.

2) A xestión económica e orzamentaria dos créditos asignados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o cumprimento dos seus fins.

3) O estudio, informe e proposta de resolución dos recursos administrativos interpostos contra actos dictados polos órganos do servicio suxeitos a dereito administrativo, sen prexuízo da competencia doutros órganos.

4) Preparación do anteproxecto de orzamentos do servicio.

5) A tramitación dos expedientes de contratación.

6) Tódolos demais asuntos relativos ó réxime interior do servicio así como propor e levar a cabo as medidas tendentes á mellora das súas actuacións.

7) Calquera outra que lle encomende ou delegue a Dirección do servicio.

Sección oitava

A Secretaría

Artigo 20º.-Estructura.

1. Configúrase como órgano técnico e xestor en materias directamente relacionadas coa prestación de servicios soamente dirixidos á muller.

2. Adscrito á Secretaría atópase o Servicio de Cooperación, Estudios e Programas.

Artigo 21º.-Funcións.

Entre outras, terá as seguintes funcións:

1) Elabora-las propostas dos textos normativos relativos á consecución dos obxectivos do servicio, así como o seguimento da lexislación vixente nos aspectos que poidan afecta-lo principio de igualdade entre o home e a muller, e a emisión de informe previo sobre as disposicións de carácter xeral sobre o tema.

2) Elaborar ou propo-la realización de estudios sobre a realidade da muller galega.

3) Propo-la adopción das medidas necesarias para que se esixa o cumprimento da lexislación laboral no relativo ás competencias propias do servicio.

4) Propo-las medidas tendentes para a efectiva coordinación das actuacións e programas dos diversos órganos ou entes da Administración autonómica.

5) Elaborar e pór en práctica os plans e programas de actuación que, para a consecución dos obxectivos do servicio, aprobe o consello, así como velar pola efectiva coordinación das accións que para o efecto leven a cabo os entes locais.

6) Desenvolve-las accións de cooperación coas entidades con obxectivos afíns ós propios do servicio, así como, de acordo coas disposicións legais, con outras comunidades autónomas e en xeral, con outras administracións públicas.

7) Propor e, de se-lo caso, levar a cabo as medidas necesarias para velar polo cumprimento dos tratados e convenios internacionais dentro do ámbito de actuación do servicio, segundo as competencias estatutariamente asumidas.

8) Elaborar e executa-los plans de actuación de fomento do emprego e formación profesional das mulleres así como incentiva-la súa participación en tódolos ámbitos sociais.

9) Controla-la xestión dos equipamentos sociais e a prestación dos servicios sociais necesarios para o cumprimento dos seus obxectivos.

10) Propo-la adopción das medidas que legalmente se consideren convenientes en casos de violacións, acosos sexuais ou calquera suposto concreto de discriminación por razón do sexo.

11) A tramitación de tódalas convocatorias de axudas e subvencións para a prestación de servicios sociais dirixidos á muller.

12) A organización e promoción de conferencias e cursos sobre temas relacionados coa muller.

13) O informe sobre a conveniencia da realización de contratos administrativos ou a sinatura de convenios sobre a prestación de servicios sociais dirixidos á muller ou entidades sobre esta.

14) A recompilación de información e documentación, así como a edición e difusión de publicacións relativas á muller, elaborando e mantendo actua

lizado un banco de datos que poida servir de apoio ó desenvolvemento das actividades propias do servicio.

15) Desempeña-la secretaría do Consello.

16) Calquera outra que lle sexa delegada ou encomendada pola Dirección do servicio.

Capítulo II

Comisión Autonómica da Muller

Artigo 22º.-Finalidade.

A Comisión Autonómica da Muller ten a finalidade de se-la vía de comunicación entre o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e a sociedade en xeral, sendo a canle da dita comunicación as deputacións e concellos, as asociacións de mulleres e os axentes sociais, de forma que permita e favoreza a transformación do papel das mulleres na sociedade galega, fomentando unha participación máis activa destas.

Artigo 23º.-Funcións.

Serán funcións propias da comisión:

1) Asesorar, informar e propoñerlle á Dirección do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller cantas medidas se consideren convenientes en materia de promoción e fomento da igualdade de ámbolos dous sexos e da participación da muller na vida política, cultural, económica e social.

2) Asesora-la Dirección do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller respecto das accións que se van levar a cabo para o cumprimento dos obxectivos fixados na Lei de creación do servicio.

3) Potencia-la coordinación entre as institucións que actúen no eido da igualdade en Galicia.

4) Calquera outra actuación que lle fose encomendada polo Pleno do Consello do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 24º.-Composición.

A Comisión Autonómica da Muller estará composta polos seguintes membros:

1) Presidenta: directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2) Vicepresidenta: elixida entre os membros da comisión.

3) Vocais:

-Tres representantes das vocalías da muller das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Representación das corporacións locais: tres representantes que serán designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que se repartirán do seguinte xeito:

-Un/unha representante das deputacións provinciais.

-Un/unha representante dos concellos cunha poboación superior a 20.000 habitantes.

-Un/unha representante dos concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

-Asociacións de amas de casa: dúas representantes.

-Asociacións de mulleres rurais: dúas representantes.

-Asociacións de mulleres empresarias: unha representante.

-Asociacións sociais e culturais: dous representantes.

-Organizacións non gobernamentais (ONG) que traballen con colectivos de mulleres con problemática e de especial dificultade: unha representante.

-Mulleres mariscadoras: unha representante.

-Un/unha representante do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, designado/a pola directora xeral do Servicio Galego de Igualdade.

4) Secretario/a: o/a secretario/a do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 25º.-Os vocais.

1. Por cada vocal titular nomearase tamén un suplente que o substituirá nos casos legalmente previstos.

2. As/os vocais serán nomeados/as polo presidente/a da comisión, por proposta da institución, asociación ou entidade a que representen, e o nomeamento deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia; poderán ser apartados do seu cargo de igual xeito.

3. A duración do mandato dos vocais representativos será de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de substitución dos titulares e dos suplentes durante o dito período, por proposta da institución, asociación ou entidade a quen represente.

4. A proposta de separación de vocais, titulares ou suplentes deberá serlle comunicada á presidenta da comisión, a través do/a secretario/a, xunto coa proposta do novo representante.

Artigo 26º.-Comisión. Reunións.

1. A comisión reunirase en sesión ordinaria unha vez por semestre, logo da convocatoria da presidencia, no lugar e na hora que se determine, co obxecto de trata-los asuntos incluídos na orde do día.

2. Ademais, a comisión reunirase con carácter extraordinario cando así o considere a presidencia ou ben por proposta de dous tercios dos membros que compoñen a comisión.

Artigo 27º.-Funcións da Presidencia.

1. Son funcións da presidenta:

a) Exerce-la representación da comisión.

b) Convoca-las reunións, formula-la orde do día e presidir e modera-lo desenvolvemento dos debates.

c) Someter á consideración da comisión tódolos asuntos que sexan da súa competencia.

d) Visa-las actas e certificacións dos acordos da comisión.

e) Cantas outras resulten propias da súa condición de presidenta.

2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade da presidenta, esta será substituída pola vicepresidenta.

Artigo 28º.-Funcións da vicepresidencia.

Correspóndelle á vicepresidenta:

1) Colaborar coa presidenta nas tarefas que esta lle encomende e substituíla nos casos legalmente previstos.

2) Aqueloutras que lle sexan encomendadas pola normativa de réxime interno e tódalas que sexan inherentes á súa condición de vicepresidenta.

Artigo 29º.-Funcións da secretaria.

A secretaria levará a cabo as seguintes funcións:

1) Convocar por orde da presidenta, as reunións da Comisión Autonómica da Muller.

2) Asistir ás reunións da comisión, levantando acta delas.

3) Expedir certificacións, visadas pola presidenta, das propostas e informes aprobados pola comisión.

Capítulo III

Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista

Artigo 30º.-Creación e finalidade.

1. A Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista é o órgano colexiado adscrito ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, co obxecto de asesorar e orienta-las entidades, asociacións, axentes publicitarios que o requiran, ofrecendo criterios alternativos para elimina-lo sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar accións positivas que coadxuven á erradicación de todo tipo de discriminación por razón de sexo das persoas.

2. Así mesmo, por instancia de parte interesada, canalizará as queixas que se reciban en relación coa publicidade sexista.

Artigo 31º.-Ámbito de actuación.

1. O labor da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista estará centrado na publicidade que se difunda a través de soportes publicitarios e os medios de comunicación que teñen a súa sede principal nesta Comunidade Autónoma.

2. Naqueles casos nos que a publicidade sexa de ámbito estatal a comisión asesora, unha vez analizado o asunto obxecto de protesta, remitirá o asunto para o seu coñecemento ó órgano creado para o efecto polo Instituto da Muller do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

Artigo 32º.-Funcións.

Corresponderán á Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista as seguintes funcións:

1) Atende-las peticións de asesoramento que se remitan, facilitando criterios e alternativas co fin de evita-lo sexismo da publicidade.

2) Servir de vía para canaliza e orienta-las queixas que se reciban coa publicidade sexista, de acordo co establecido na Lei xeral de publicidade.

3) Calquera outra función que, no marco das súas competencias, se lle atribúa por algunha disposición xeral ou regulamentaria.

Artigo 33º.-Composición.

A Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista estará integrada:

1) Presidenta: directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2) Vicepresidente: secretario/a do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

3) Vocais:

-Un/unha representante, con categoría de director/a xeral por cada unha das seguintes consellerías designado a proposta do conselleiro/a respectivo/a:

-Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Consellería de Industria e Comercio.

-Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un/unha representante da Secretaría Xeral de Relacións cos Medios Informativos designado polo seu secretario xeral.

-Un/unha representante dunha asociación de mulleres que forme parte da Comisión Autonómica da Muller, designado/a pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por proposta da referida Comisión Autonómica da Muller.

-Un/unha representante das asociacións de consumidores/as, designado/a polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

-Un/unha representante da Compañía de Radio Televisión de Galicia designado/a polo presidente do consello asesor por proposta deste.

-Un/unha representante das asociacións de xornalistas designado/a pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por proposta das asociacións de xornalistas do territorio da Comunidade Autónoma.

-Un/unha representante do Servicio de Cooperación, Estudios e Programas do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, designado/a pola directora xeral del.

-O/a xefe/a do gabinete de comunicación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, designada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4) Secretario/a: funcionario/a do Servicio Galego de Promoción de Igualdade do Home e da Muller, designado/a pola súa directora xeral.

Artigo 34º.-Sesións.

1. A comisión reunirase alomenos dúas veces ó ano, podendo realizarse reunións extraordinarias por petición da presidencia ou cando o solicite a maioría dos membros dela, nos casos en que se considere necesario dar unha resposta urxente ás cuestións solicitadas.

2. Os acordos serán adoptados por maioría de votos.

O voto de calidade do presidente dirimirá os acordos no suposto de empate.

Disposición adicional

Única.-Autorízaselles ós órganos colexiados contemplados neste decreto a modifica-la periodicidade das convocatorias das reunións destes.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto e, en particular:

1) Decreto 236/1991, do 4 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica e funcional do Servicio Galego de Promoción da Iguadade do Home e da Muller (DOG nº 136, do 17 de xullo).

2) Decreto 106/1997, do 17 de abril, polo que se regula a creación da Comisión Autonómica da Muller (DOG nº do 9 de maio).

3) Decreto 137/1998, do 30 de abril, polo que se crea a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista e se regula a súa composición e funcionamento (DOG nº 90, do 13 de maio).

4) Orde de 18 de xullo de 1991, pola que se desenvolve a estructura orgánica do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (DOG nº 147, do 2 de agosto).

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de novembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude