Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 13 de decembro de 1999 Páx. 14.601

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución do ramal a Vilanova de Arousa e Cambados, promovido pola empresa Gas Galicia, SDG, S.A.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia, SDG, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Área Central, r/ Lisboa, s/n, local 31-HIJ, Políg. As Fontiñas, 15703

Santiago de Compostela, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 4 de xuño de 1996 e 25 de setembro de 1998, a Consellería de Industria e Comercio outorgoulle a Gas Galicia, SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural en distintos termos municipais das provincias da Coruña e Pontevedra, atopándose nesta última os de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

Segundo.-Con data do 25 de marzo de 1999, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido nos artigos 89.3º e 104 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de instalacións ramal a Vilanova de Arousa e Cambados, así como a declaración de utilidade pública das mencionadas instalacións, xuntándolle á dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e do 9 de marzo de 1994.

As características do trazado, que afectan os termos municipais de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados, son as que se expoñen a continuación:

-Termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

O trazado iníciase a partir da rede de Vilagarcía de Arousa, e discorre polo camiño que leva a Zamar e a 400 m do comezo crúzase a estrada N-640 de Vegadeo ó porto de Vilagarcía de Arousa (fase estudio informativo).

Unha vez atravesado o núcleo de Zamar segue en dirección suroeste, cruzando a estrada PO-301.

Posteriormente, sae do termo municipal de Vilagarcía de Arousa, pasando ó de Vilanova de Arousa, polo camiño que bordea o monte Lobeira. Entra de novo pola Manga e cruza a estrada de conexión PO-300 Vilagarcía de Arousa (fase estudio informativo).

Finalmente, diríxese ás proximidades do núcleo urbano de Gorís, onde abandona o termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

A lonxitude da conducción neste municipio é de 5.707 m cun diámetro de 6''.

-Termo municipal de Vilanova de Arousa.

Nun principio, entra polo camiño que bordea o monte Lobeira e volve ó municipio de Vilagarcía de Arousa preto do núcleo urbano da Manga. Máis tarde, entra de novo preto do núcleo urbano de Gorís.

Pouco despois bifúrcase ó oeste cara a Vilanova de Arousa e ó sur cara a Cambados.

O ramal que subministra a Vilanova discorre case todo por camiños rurais, cruza a estrada C-550 e chega ás proximidades do núcleo urbano, onde se situará o armario de regulación.

O ramal a Cambados diríxese cara ó sur cruzando a estrada 9703 de Vilanova a Ponte Arnelas, preto de Ousensa, e algo máis ó sur tamén coa futura conexión da C-550 á PO-300 Vilagarcía de Arousa.

Abandona este termo municipal nas proximidades da Mouta para pasar ó de Cambados.

A lonxitude da conducción neste municipio é de 1.937 m con 6'' de diámetro e 5.185 m con 4'' de diámetro.

-Termo municipal de Cambados.

Ó entrar neste municipio, toma dirección sur discorrendo, na súa maior parte, por camiños rurais.

Nas proximidades de Refoxos, cruzarase a estrada 9005 de Corvillón a Tremoedo e, preto do Outeiro, a estrada que conectará a C-550 coa PO-300 Vilagarcía de Arousa.

Seguirá cara ó sur para achegarse ó núcleo urbano de Cambados onde, despois de cruza-la estrada 9003, situará o seu punto de entrega.

A lonxitude da conducción neste termo municipal é de 1.879 m con 4'' de diámetro.

A lonxitude total do ramal é de 14.708 m.

O orzamento ascende a douscentos noventa e seis millóns setecentas vinteunha mil cincocentas dez pesetas (296.721.510 ptas.).

Terceiro.-Esta dirección xeral someteu a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, mediante Resolución do 16 de xuño de 1999, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 22 de xullo, no BOP de Pontevedra do 5 de xullo, no diario Faro de Vigo do 25 de xuño e no taboleiro de anuncios dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

Cuarto.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto:

1. Francisco Tourís Rego, propietario do predio identificado co nº PO-VI-25, sinala a existencia dun erro na relación de bens e dereitos publicada en canto á natureza do seu predio, pois se modificou o tipo do seu cultivo, existindo na actualidade unha plantación de viñedo.

2. Manuel Santorum Oubiña, propietario do predio identificado co nº PO-VI-170, expón que o trazado prexudica gravemente os seus intereses, posto que afecta as instalacións existentes na súa parcela, polo que propón como trazado alternativo que o ramal discorra pola estrada C-550 e, ó chegar ó Alto da Molinera, siga pola estrada ata Vilanova de Arousa ou que, en todo caso, se desvíe ata o linde dos predios e, en concreto, ó regato que pasa entre eles.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Quinto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Sexto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro, e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa Gas Galicia, SDG, S.A. e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. En canto á solicitude presentada por Francisco Tourís Rego, a empresa Gas Galicia, SDG, S.A. debe corrixi-lo erro padecido e telo en conta á hora de valora-las indemnizacións polos danos que se ocasionen.

2. Non poden ser aceptadas as variantes propostas por Manuel Santorum Oubiña. En canto á primeira, non se pode aproxima-lo trazado cara á estrada C-550 porque a Consellería de Obras Públicas non autoriza que as conduccións se instalen a menos de tres metros de distancia da aresta exterior de explanación. Nembargantes, a segunda proposta, aínda que si é viable tecnicamente, non pode levarse a cabo ó modifica-la afección do predio PO-VI-171, propiedade de José Conde Torrado, e necesita-la súa conformidade. Por tanto, Gas Galicia, SDG, S.A. deberá traslada-la conducción o máis preto posible da linde do predio do alegante, xunto ó regato que parece existir entre os predios.

Cuarto.-Gas Galicia, SDG, S.A. procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados ou, de se-lo caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Gas Galicia, SDG, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto segundo dos antecedentes, correspondentes ós termos municipais de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgarlle a Gas Galicia, SDG, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se recollen no ramal a Vilanova de Arousa e Cambados, no tramo relacionado previamente, correspondente ós termos municipais de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

Declara-la utilidade pública das instalacións que se autorizan, para os efectos previstos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización administrativa outórgase de acordo coas condicións xerais previstas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, o Decreto 2613/1973, do 26 de outubro e o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e baixo as condicións especiais seguintes:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. canalizacións de transporte e distribución de gas de alta presión A e ITC-MIG 6.1. acometidas de gas en alta presión, aprobadas por Orde do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: clasificación de localizacións con riscos de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A localización de canaliza

cións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302. as zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de seis meses contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, logo da oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra deberá realizar, durante as obras e unha vez rematadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización das probas e controis regulamentarios, todo isto con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios previstos foron realizados por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras, remitirase á dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, achegando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pola dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Unha.-Expropiación forzosa dos terreos sobre os que se contruirán as instalacións fixas en superficie.

Dúas.-Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso de gas ó longo do trazado da conducción, cun largo

de dous (2) metros, un (1) a cada lado do eixe, por onde discorrerá soterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas. Esta servidume que se establece estará suxeita ás seguintes limitacións ó dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros contados a partir do eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construcción, edificación ou efectuar algún acto que puidese danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado deste. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer, temporalmente, todo obstáculo e realizaranse as obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres.-Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun metro de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores da protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largo, o correspondente ó da instalación máis un metro a cada lado. Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros, a plantar árbores ou arbustos e realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación a unha distancia inferior a 1,5 m, a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, podendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbera a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, de se-lo caso, dos danos que se ocasionen.

B) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación, e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Catro.-Para as liñas eléctricas de media tensión:

A) Servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro a cada lado do eixe da liña e en todo o seu trazado, que implicará:

1. Libre acceso do persoal e elementos dispersores para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B) Servidume permanente de voo nunha franxa de 15 metros centrada co eixe da liña, na que se establecen:

1. Prohibición de levantar edificacións ou construccións de calquera tipo, nin efectuar algún acto que poida dana-lo bo funcionamento da liña, a unha distancia inferior a 7,5 m do eixe da liña de postes do tendido.

2. Prohibición de plantar árbores cunha altura máxima superior a 4 m a unha distancia inferior a 3 m do eixe da liña de postes do tendido.

C) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada liña nos planos parcelarios, para realiza-las obras necesarias.

O proxecto inclúe planos parcelarios e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se atopan as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de urxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de urxencia. Así mesmo, deberá facilitarlles ós servicios de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección civil, copia dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 20 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, de se-lo caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 1999.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria