Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 13 de decembro de 1999 Páx. 14.588

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 1999, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se fixan as datas para a realización dos exames ordinarios de 2000 para a obtención de titulacións para o goberno de embarcacións de lecer.

A orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 30 de xullo de 1998 establece a normativa xeral para a realización dos exames para a obtención das titulacións para o goberno de embarcacións de lecer, determinándose que as súas datas de realización serán fixadas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Ó ser necesario establece-la data e as condicións de inscrición nas convocatorias ordinarias previstas

para o 2000, polo que esta dirección, en uso do establecido na Orde do 30 de xullo de 1998 (DOG nº 158, do 17 de agosto),

RESOLVE:

Primeiro.-Proceder á convocatoria dos exames teóricos ordinarios de xaneiro, abril e outubro de 2000 nas seguintes datas:

1. Patrón para a navegación básica e patrón de embarcacións de lecer.

Días 25 de xaneiro, 25 de abril e 24 de outubro nas horas fixadas polos centros no seu taboleiro de anuncios.

De ser moi numeroso o número de inscritos, o presidente do tribunal poderá trasladar ó día seguinte o exame dunha das dúas titulacións, o que se anunciará no taboleiro de anuncios do centro.

Os exames terán lugar nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

2. Patrón de iate e capitán de iate.

Días 27 e 28 de xaneiro, 27 e 28 de abril e 26 e 27 de outubro nas horas fixadas polo centro no seu taboleiro de anuncios.

De ser moi numeroso o número de inscritos, o presidente do tribunal poderá trasladar ó día seguinte o exame dunha das dúas titulacións, o que se anunciará no taboleiro de anuncios do centro.

Os exames terán lugar no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Segundo.-Proceder á convocatoria dos exames prácticos ordinarios destas convocatorias de 2000 nas seguintes datas:

1. Patrón para a navegación básica, patrón de embarcacións de lecer, patrón de iate e capitán de iate.

A partir dos días 21 de febreiro, 22 de maio e 20 de novembro nas horas e lugares fixados polo centro no taboleiro de anuncios para os candidatos inscritos.

Os exames terán lugar nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Terceiro.-Os candidatos deberán solicita-la súa admisión a exame mediante instancia dirixida ó presidente do correspondente tribunal de exame para a obtención das titulacións de referencia ata o día 12 de xaneiro e entre os días 20 de marzo a 7 de abril e 18 de setembro a 6 de outubro para os correspondentes exames teóricos e entre os días 1 e 15 de febreiro, 1 e 15 de maio e 1 e 15 de novembro para os correspondentes exames prácticos.

Xunto coa solicitude modelo, será preciso presenta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Unha fotografía recente de tamaño carné.

-Xustificación para a Administración do correspondente impreso de autoliquidación de taxas debidamente validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso.

a) Para o exame teórico:

-No caso de que os candidatos teñan superado unha parte do programa da titulación á que se presentan, deberán achega-lo certificado do derradeiro exame.

-Título, tarxeta ou xustificación de trámite de patrón de embarcacións de lecer, para presentarse a patrón de iate.

-Título, tarxeta ou xustificación de trámite de patrón de iate, para presentarse a capitán de iate.

b) Para o exame práctico:

-Certificado de ter aprobado o exame teórico se este se realizou fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Fotocopia da documentación da embarcación na que se vai realiza-lo exame, que acredite o cumprimento das condicións establecidas no artigo 8 da Orde do 30 de xullo de 1998 (DOG nº 158, do 17 de agosto).

Cuarto.-As mencionadas solicitudes poderán presentarse en calquera das seguintes dependencias administrativas:

a) No Rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais.

b) Na secretaría do Instituto Politécnico-Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo ou das escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ribeira e Ferrol, segundo corresponda.

Quinta.-Os presidentes dos tribunais, á vista das solicitudes recibidas, farán público no taboleiro de anuncios de cada centro examinador as listas de admitidos e excluídos, así como a hora de realización (e o día se é necesario) das probas correspondentes a cada unha das titulacións.

Sexta.-Rematadas e corrixidas as probas expoñeranse, no taboleiro de anuncios dos centros realizadores dos exames, as listas das cualificacións destas.

Os interesados poderán, se é o caso, formula-las reclamacións que consideren oportunas perante o presidente do tribunal, no prazo de 15 días contados desde a data na que sexan publicadas as listas.

Sétima.-Aqueles solicitantes que se encontren en posesión de titulacións que dan lugar á validación de partes dos programas, solicitarana diante do tribunal ó tempo que solicitan a inscrición para o exame, para o que achegarán a documentación necesaria para acreditar que están en posesión das titulacións que alegan para a validación. O tribunal resolveraas na lista pública de admitidos e excluídos.

Oitava.-Os solicitantes deberán reuni-las condicións físicas previstas na Resolución do 30 de decembro de 1997 da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Esta condición acreditarase mediante a presentación de certificado médico expedido de conformidade coa dita resolución, cando se solicite a tarxeta acreditativa.

Novena.-Estas convocatorias e cantos actos administrativos se deriven delas poderán impugnarse nos casos e na forma previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 1999.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira

e Investigación