Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 10 de decembro de 1999 Páx. 14.492

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de decembro de 1999 pola que se convocan para a elección de destino os aspirantes que superaron os procesos selectivos convocados polas ordes do 30 de decembro de 1997 para o acceso ós corpos superior, administrativo, auxiliar e subalterno da Administración xeral da Xunta de Galicia (grupos A, C, D e E).

Polas ordes do 30 de decembro de 1997 (DOG nº 10, 12 e 13 do 16, 20 e 21 de xaneiro de 1998), convocáronse procesos selectivos para o acceso ós corpos superior, administrativo, auxiliar e subalterno da Administración xeral da Xunta de Galicia (grupos A, C, D e E), sendo elevadas a definitivas as propostas de aspirantes que superaron estes mediante ordes do 22 de setembro, 18 de outubro e 8 de novembro de 1999 (DOG nº 193, 212 e 220 do 5 de outubro, 2 e 15 de novembro).

Convocado concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración da Xunta de Galicia pola Orde do 1 de decembro de 1999, publicado anteriormente, no que se inclúen tódolos postos vacantes da Administración xeral da Xunta de Galicia, mentres non se resolva este, e para os efectos de que os aspirantes que superaron os devanditos procesos selectivos accedan á condición de funcionarios coa maior brevidade, faise necesario establece-las normas para a asignación dos postos de traballo actualmente ofertados no concurso que serán adxudicados con carácter provisional, en tanto non se resolva o dito concurso. Resolto este, procederase á adxudicación de postos con carácter definitivo. Por todo isto esta consellería,

DISPÓN:

Convoca-los aspirantes que superaron os procesos selectivos para o acceso ós corpos superior, administrativo, auxiliar e subalterno da Administración xeral da Xunta de Galicia (grupos A, C, D e E) para a elección de destino provisional, en único chamamento, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública, sita no polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela, o día 17 de decembro de 1999, co seguinte horario:

Ás 8.45 horas serán convocados os aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (grupo A) para o acto de petición de postos que terá lugar ás 9 horas, podendo elixir, segundo a orde acadada no proceso selectivo, entre os postos que se relacionan no anexo I, sempre que se reúnan as condicións esixidas nel.

Ás 9.30 horas serán convocados os aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C), para o acto de petición de postos que terá lugar ás 9.45

horas, podendo elixir, segundo a orde acadada no proceso selectivo, entre os postos que se relacionan no anexo II, sempre que reúnan as condicións esixidas nel.

Ás 10.30 horas serán convocados os aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Xunta de Galicia (grupo D) para o acto de petición de postos que terá lugar ás 10.45 horas, podendo elixir, segundo a orde acadada no correspondente proceso selectivo entre os postos que se relacionan no anexo III, sempre que se reunan as condicións esixidas nel.

Ás 12.30 horas serán convocados os aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo subalterno da Xunta de Galicia (grupo E) para o acto de petición de postos que terá lugar ás 12.45 horas, podendo elixir segundo a orde acadada no correspondente proceso selectivo entre os postos que se relacionan no anexo IV, sempre que se reunan as condicións esixidas nel.

En primeiro lugar elixirán dentro de cada corpo os aspirantes que acceden pola quenda de promoción interna e, a continuación, os de acceso libre.

Os aspirantes que acceden pola quenda de promoción interna poderán optar por continuar na praza que viñesen ocupando con carácter definitivo cando o nivel desta se atope incluído no intervalo de niveis do corpo e grupo ó que acceden ou, de se-lo caso, senón se cumpren estes requisitos, poderán permanecer no dito posto no grupo ó que pertencen con anterioridade, logo de declaración da correspondente situación de excedencia voluntaria no novo corpo ó que acceden.

Os aspirantes que accedan pola quenda de promoción interna que non escollan as opcións sinaladas no punto anterior e os aspirantes que accedan pola quenda de acceso libre, ocuparán os postos que elixan con carácter provisional.

Os aspirantes afectados polas disposicións décima e décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que superaron os procesos selectivos, poderán optar, no acto de elección de destino, por continuar desempeñando a praza que viñesen ocupando con carácter provisional.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou outro documento que acredite fidedignamente a personalidade.

Os aspirantes que non comparezan persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas con poder notarial suficiente.

Ós aspirantes que non comparezan persoalmente ou por medio de representantes, seranlles adxudicadas en destino provisional as prazas que lles corresponden atendendo á orde de publicación destas e ó número obtido nos procesos selectivos, unha vez concluído o proceso de adxudicación das prazas ós aspirantes presentes ou representados, e entre as que quedaron sen adxudicar.

Os aspirantes que superasen os procesos selectivos para o acceso a varios corpos, ó seren chamados para a elección de destino no grupo máis alto, elixirán destino ou, de non facelo, pasarán á situación de excedencia voluntaria nese corpo, de acordo co artigo 55.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. Neste último caso deberán presentarse ó chamamento correspondente e advertilo no seu momento.

Non terán que acudir a este chamamento os aspirantes que, ocupando postos de laborais que foron funcionarizados, optasen ata o día 15 de decembro inclusive, mediante o correspondente escrito, por continuar desempeñando os ditos postos.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública