Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 10 de decembro de 1999 Páx. 14.473

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de novembro de 1999 pola que se crea e regula a Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

A necesidade da existencia dunha canle institucional de participación e colaboración en materia educativa entre os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os centros docentes aconsellou que, por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de 10 de decembro de 1997, se creasen e se regulasen as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, como órganos consultivos e de asesoramento.

A Administración educativa ten como afán dar resposta ós problemas de tódolos centros dependentes dela, favorece-la comunicación entre eles, intercambiar experiencias, formular suxestións e unha mellor estructura da colaboración e asesoramento que faga posible unha mutua e áxil información.

Nesta liña, a experiencia acadada a través do funcionamento destas xuntas provinciais aconsella a creación dun novo órgano consultivo e de asesoramento que poida ampliar e completa-la colaboración coa Consellería de Educación e Educación Universitaria nas decisións administrativas que os afectan.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase e regúlase no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a Xunta Autónómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario, que servirá como canle de participación e colaboración en materia educativa.

Artigo 2º

A función específica da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario será consultiva e de asesoramento naquelas decisións da Administración educativa que incidan nos aspectos organizativos e de funcionamento de tales centros que, polo seu ámbito de aplicación, superen os límites propios das xuntas provinciais, sen prexuízo das competencias atribuídas regulamentariamente a outros órganos.

Artigo 3º

A Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario estará integrada polos seguintes membros:

-O secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

-Os subdirectores xerais ou xefes de servicio que o presidente determine, que actuarán como vocais.

-4 directores pertencentes a cada unha das xuntas provinciais, dous representantes dos institutos de ensino secundario/centros de ensinanzas de réxime especial e outros dous representantes de escolas/colexios/centros de educación de persoas adultas/centros públicos integrados, que actuarán todos eles como vocais.

-Actuará como secretario, sen voz nin voto, un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Por requirimento do secretario xeral, en calquera momento e por razón de materia, poderán incorporarse a esta xunta autonómica:

a) Os directores xerais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Calquera outro funcionario da dita consellería.

c) Outros directores pertencentes ás respectivas xuntas provinciais.

Artigo 4º

As reunións desta xunta autonómica terán lugar cando as convoque o seu presidente, debendo reunirse, polo menos, dúas veces en cada curso académico.

Artigo 5º

O procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos directores na xunta autonómica determinarase mediante resolución conxunta da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Artigo 6º

Cando os asuntos que se vaian tratar puidesen afectar soamente a un dos dous colectivos representados na xunta autonómica o presidente poderá convocar, con carácter excepcional, e realiza-las reunións cos directores representantes de cada un dos dous colectivos representados, de xeito separado. Os asuntos aquí tratados seranlles comunicados ó resto de membros da xunta na seguinte reunión plenaria que teña lugar.

Disposición adicional

Primeira.-Engádese un novo parágrafo ó artigo 3 da Orde do 10 de decembro de 1997, pola que se crean e regulan as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, coa redacción seguinte:

«Sen prexuízo do anterior, o delegado provincial, de cara a unha maior funcionalidade e mellor tratamento dos aspectos recollidos nesta orde e cando os temas que se van tratar puideran afectar soamente a un dos dous colectivos representados na xunta,

poderá convocar, con carácter excepcional, e realiza-las reunións cos directores representantes de cada un dos dous colectivos representados, de xeito separado. Os asuntos aquí tratados seranlles comunicados ó resto de membros da xunta na seguinte reunión plenaria que teña lugar».

Segunda.-Os directores dos centros públicos integrados, para os efectos do regulado no artigo 4 da Orde do 10 de decembro de 1997, serán elixidos polo e entre o colectivo de directores de colexios de educación infantil e primaria/colexios de educación primaria/escolas de educación infantil/educación especial/educación permanente de persoas adultas.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral e á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-los actos e resolucións precisos para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria