Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 03 de decembro de 1999 Páx. 14.300

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 1999 pola que se convocan tres bolsas de biblioteconomía e documentación.

O artigo 3.1º.g). da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

En execución do plan de actividades da escola para o ano 2000 e de conformidade coa referida lei, convócanse tres bolsas de biblioteconomía e documentación, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca tres bolsas de biblioteconomía e documentación para a execución de tarefas desta natureza na biblioteca desta escola.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As bolsas rematarán o día 31 de decembro do ano 2000, e poderán prorrogarse por un ano ou, se é o caso, ata que se resolva a convocatoria do ano 2001, en función do aproveitamento do adxudicatario e das dispoñibilidades orzamentarias da escola.

A dotación económica de cada bolsa será de 132.850 pesetas mensuais. A eficacia desta previsión estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 04.50.122 A.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000. O expediente económico tramítase de acordo co previsto na orde do 11 de febreiro de 1998 que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser titulado/a superior universitario con especialidade en bibliotecas ou licenciado en dereito con formación e experiencia en bibliotecas.

b) Acreditar formación e/ou experiencia en traballos de biblioteconomía e documentación.

c) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.

d) Acreditar formación e/ou experiencia en informática.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida no punto 4.b, 4.c e 4.d.

d) Memoria descritiva das tarefas dun bolseiro na biblioteca dun centro de formación de funcionarios.

e) Unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública.

Vocais: o xefe de estudios da EGAP.

Secretario: o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos

b) Formación ou experiencia en temas relacionados co obxecto desta bolsa: ata dous puntos.

c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

d) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

e) Memoria: ata cinco puntos.

O tribunal poderá realizarlles unha entrevista ós aspirantes que acrediten máis de oito puntos no anterior baremo. Tratará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Finalmente o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de dez días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres na Escola Galega da Administración Pública. Os traballos realizados quedarán en propiedade da escola.

Así mesmo, deberán asistir ás actividades que a EGAP considere convenientes para a súa formación. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola EGAP, logo de que o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións certifique os gastos producidos; os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención non poderán

supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre as indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.

Antes do derradeiro pagamento, o/a bolseiro/a presentará unha declaración complementaria de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou actividade das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración a escola poderá, por proposta do xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e a aceptación destas.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública