Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 03 de decembro de 1999 Páx. 14.297

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 1999, da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Escola Galega de Administración Pública, pola que se convocan tres bolsas de colaboración en tarefas de sensibilización social e seguimento do Plan Galego de IDT.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento con dependencia orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, en virtude do Decreto 374/1998, do 29 de decembro, polo que

se modifica o Decreto 12/1998, do 8 de xaneiro, polo que se establece a súa estructura orgánica ten atribuídas, entre outras funcións, a elaboración e, se é o caso, execución, de plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal investigador.

Por outra parte o artigo 3.1º.g. da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade co convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Escola Galega de Administración Pública

DISPONSE:

Primeiro.-Obxecto.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Escola Galega de Administración Pública convocan tres bolsas de nova adxudicación de colaboración en tarefas de sensibilización social e seguimento do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, así como de seguimento e impulso do V Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e o IV Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento, na perspectiva da súa coordinación co Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Segunda.-Duración e dotación económica das bolsas.

A duración de cada bolsa comprende desde o 1 de xaneiro do 2000 ata o 31 de decembro do 2000, e poderá prorrogarse, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dotación económica de cada bolsa será de 115.000 pesetas mensuais, así como un seguro de asistencia sanitaria e de accidentes.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar á bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser titulado/a superior universitario.

b) Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desen

volvemento ou no da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo, dirixida ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou ó director da EGAP.

b) Currículum vitae cos documentos acreditativos e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Documentos que acrediten o cumprimento do requisito b) da base cuarta ou no seu defecto declaración xurada na que se faga consta-lo cumprimento do dito requisito.

d) Memoria relativa ó V Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e ó III e IV Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento e a súa coordinación co Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico en cinco folios, como máximo.

e) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, indicando o período do seu desfrute.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa en quen delegue.

Vocais: o secretario da EGAP e o subdirector xeral de Planificación e Prospectiva da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Secretario: un xefe de servicio da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata un punto.

c) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

d) Coñecementos de inglés e francés: ata un punto por cada idioma.

e) Outros méritos do currículum vitae: ata dous puntos.

f) Memoria: ata cinco puntos.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de dez puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, baixo as indicacións do secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e as do xefe da unidade nas que se integren co horario de traballo de mañá e/ou tarde, de luns a venres.

Así mesmo deberán realizar na Escola Galega de Administración Pública aqueles cursos que por parte da EGAP e a Secretaría Xeral de Investigacion e Desenvolvemento se consideren adecuados para a súa formación.

Os bolseiros presentarán, ó remate das bolsas, un informe sobre os traballos realizados que quedarán en propiedade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Escola Galega de Administración Pública.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá en coordinación coa Escola Galega de Administración Pública e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases.

Décima.

Esta convocatoria tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de gastos.

As accións derivadas desta convocatoria, que ascenden ó importe de 4.300.000 ptas., financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04-07-432A-480.0. dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2000, na que existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos para o dito ano, quedando condicionada a adxudicación definitiva á aprobación da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma do ano 2000 e á existencia de crédito na aplicación orzamentaria mencionada.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 1999.

Miguel A. Ríos FernándezDomingo Bello Janeiro

Secretario xeral de InvestigaciónDirector da Escola Galega

e Desenvolvementode Administración Pública