Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 03 de decembro de 1999 Páx. 14.257

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 23 de novembro de 1999 pola que se modifica a do 1 de decembro de 1989 pola que se implanta un novo sistema de información contable na Xunta de Galicia.

A Orde do 1 de decembro de 1989, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se implanta un novo sistema de información contable na Xunta de Galicia, establece un procedemento en virtude do cal se lle remiten trimestralmente ó Consello de Contas tódolos documentos contables realizados no trimestre, acompañados de se-lo caso dos xustificantes oportunos.

Este procedemento xera un gran volume de papel que necesariamente ten que ser enviado desde as dependencias da Administración ó Consello de Contas, o cal debe proceder ó arquivo destes e á súa correcta conservación. O transcurso do tempo e o incremento da actividade da Administración supuxeron un progresivo aumento do volume de documentos, chegando a crear importantes problemas relacionados co arquivo destes.

Por outra parte, o desenvolvemento alcanzado nestes últimos anos polas tecnoloxías da información favorece a formulación dun novo procedemento que, mediante a utilización das ditas tecnoloxías na rendición de contas pola Administración autonómica, lle permita realizar ó Consello de Contas unha actividade de control máis áxil, rápida e eficiente, favorecendo o labor fiscalizador propio dese órgano.

Para dar resposta a esta situación, o Pleno do Consello de Contas, reunido o 8 de xuño de 1999, acordou dirixirse á Consellería de Economía e Facenda co fin de que se modifique o proceso de remisión automática trimestral de copias de documentación ó dito consello, limitando a rendición de contas ós estados financeiros e deixando de remitir a documentación xustificativa, substituíndoa pola remisión da dita información trimestral en soporte informático e a obriga de facilitar, no momento e forma en que o Consello de Contas de Galicia o considere necesario, a consulta dos expedientes e documentos orixinais que se poidan requirir.

O día 10 de xuño, o Consello de Contas diríxese á Consellería de Economía e Facenda manifestando o acordo alcanzado.

A Consellería de Economía e Facenda, seguindo as indicacións realizadas polo Consello de Contas e coa finalidade de facilitar na maior medida posible a actividade do mencionado consello, entende obrigado acomete-la modificación do procedemento de remisión de información, para o cal se lle dá nova redacción ó artigo 22 da Orde do 1 de decembro de 1989.

Artigo único.-Modifícase o artigo 22 da Orde do 1 de decembro de 1989, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se implanta un novo sistema de información contable na Xunta de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 22º

Un.-Con carácter xeral, a xustificación dos estados e contas regulados neste capítulo está constituída polos documentos contables acreditativos das operacións rexistradas, ós que se xuntarán, se é o caso, os xustificantes destas e polos libros de contabilidade nos que figuren anotadas as citadas operacións.

Dous.-Os xustificantes ós que se refire o punto anterior permanecerán nas dependencias da Administración, quedando á disposición do Consello de Contas para a súa consulta e exame.

Tres.-A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitiralle ó Consello de Contas, con carácter trimestral e en soporte informático, unha relación das operacións realizadas durante o trimestre. A Intervención Xeral establecerá, de acordo coas indicacións do Consello de Contas, a estructura da información proporcionada.».

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda