Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 01 de decembro de 1999 Páx. 14.169

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de novembro de 1999 pola que se modifica a autorización do centro privado La Merced de Cambados (Pontevedra).

Examinado o expediente presentado polo centro privado La Merced de Cambados, polo que se solicita para 8 unidades de educación secundaria obrigatoria e cambio de denominación.

Resultando que o dito centro tiña autorización definitiva para 6 unidades de educación xeral básica, segundo Orde do 16 de outubro de 1973.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, que emite informe favorable.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Decreto 133/1995, do 10 de maio (Diario Oficial de Galicia do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, a Orde do 20 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro) que o desenvolve, e do 28 de febreiro de 1994 (BOE do 5 de marzo), sobre autorizacións como centros docentes privados dos seminarios menores diocesanos e de relixiosos da igrexa católica.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la modificación da autorización do centro privado La Merced de Cambados, autorizándolle 8 unidades de educación secundaria obrigatoria e, así mesmo, o cambio de denominación, segundo se especifica no anexo da presente orde.

Segundo.-Para as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Terceiro.-O centro de educación secundaria que pola presente orde se autoriza deberá cumpri-la norma básica da edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada polo Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.

Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Quinto.-Contra a presente disposición, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Cambados.

Localidade: Serantellos.

Enderezo: Serantellos, 1-Castrelo (Santa Cruz).

Código do centro: 36000569

Denominación: La Merced.

Nova denominación: Salesianos A Mercé.

Titular: Congregación Salesiana.

Composición resultante:

Centro de educación secundaria: 8 unidades de educación secundaria obrigatoria.