Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 30 de novembro de 1999 Páx. 14.066

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN DE PADRÓN

EDICTO (34/1999).

Eu, Luis Fernández-Arias González, secretario do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción Unico de Padrón (A Coruña),

Fago saber que no expediente que co número 34/1999 se segue neste xulgado, polo que se declarou en suspensión de pagamentos e en situación de insolvencia provisional a entidade mercantil Almacenes Pardal, S.L., con domicilio en Padrón (A Coruña), lugar de Muíños, A Escravitude, con CIF 15078611, dedicada á compravenda de toda clase de artigos de droguería e os denominados de regalo, tales como porcelanas, cristal, bixutería, pel, etc., se dictou auto de data 2 de novembro de 1999 polo que se aproba o convenio votado favorablemente polos acredores na xunta xeral, do que se xunta copia testemuñada.

Dado en Padrón o 2 de novembro de 1999.

O secretario

Rubricado

Eu, Luis Fernández-Arias González, secretario do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Padrón, dou fe de que nos autos de proposta para o pagamento dos débitos se dictou a seguinte proposición de convenio para o pagamento das débedas de Almacenes Pardal, S.L., para ser sometida a deliberación e votación na xunta xeral de acredores:

1.-Ámbito de aplicación.

Este convenio obriga a Almacenes Pardal, S.L., así como a tódolos acredores desta, comprendidos na lista definitiva aprobada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Padrón, autos número 34/1999, mediante resolución de data 5 de outubro de 1999, en canto ós créditos que teñan a condición de ordinarios e a todos aqueles que deban ser incluídos en virtude de sentencia firme ou a omisión dos cales na lista definitiva emende a comisión liquidadora, de acordo coa estipulación cuarta, punto tres, deste convenio, e sen prexuízo do disposto na lei respecto ós créditos de natureza privilexiada ou preferente. Os acredores ós que por virtude da natureza do seu crédito se lles recoñecese o dereito de abstención, non quedarán vinculados por este convenio.

2.-Cesión de activos para pagamento dos acredores.

Almacenes Pardal, S.L., cédelles a tódolos seus acredores a totalidade dos bens, dereitos e accións de calquera clase que integren o patrimonio da devandita sociedade.

A cesión dos ditos activos efectúase co fin de que o importe que se obteña pola súa realización se lles

adxudique a tódolos acredores de Almacenes Pardal, S.L., para pagamento dos créditos que posúen contra a citada compañía, na contía que resulte posible e a pro rata dos seus respectivos créditos.

3.-Comisión liquidadora.

Para a efectividade deste convenio e da cesión de activos, créase unha comisión liquidadora composta por tres membros, quedando esta legalmente constituída na data de se dicta-la resolución de aprobación xudicial do convenio, e integrada polas seguintes persoas como titulares: Julio Barreiro por Arzo Nobel; representante legal de Olco Galicia, S.A.; Sr. Boedo en representación de Genesse Hispania.

As persoas xurídicas designadas membros da comisión liquidadora actuarán a través dos seus órganos de administración ou das persoas que designen especificamente para iso, as cales poderán ser substituídas libremente por tales persoas xurídicas.

Como suplentes desígnanse por orde sucesiva os acredores ordinarios que non estean designados como titulares, os créditos dos cales figuren recoñecidos na lista definitiva de acredores formada pola intervención xudicial, pola orde da contía dos seus créditos, de maior a menor.

Os suplentes entrarán a exerce-lo seu cargo no caso de non aceptaren o nomeamento, ou de renunciaren despois de aceptados, calquera dos designados en primeiro lugar. A subrogación na titularidade dos créditos por calquera título xurídico, producirá o cesamento como membro da comisión do anterior titular, titular que serán substituído polo que en definitiva resulte titular do crédito.

Os acredores designados membros da comisión liquidadora que non voten neste convenio, enténdese que non aceptan formar parte da citada comisión, entendéndose substituídos polo acredor ou acredores ordinarios que, tendo o crédito de maior contía, votasen este convenio.

4.-Facultades da comisión liquidadora.

A comisión liquidadora terá as seguintes facultades:

1. Executa-lo presente convenio.

2. Exercer, en nome dos acredores, tódolos dereitos e accións que lles corresponden a eles como consecuencia deste convenio, xa que a comisión, polo só feito do seu nomeamento, queda lexitimada para actuar en nome da masa.

3. Rectifica-la relación de acredores de Almacenes Pardal, S.L., incluíndo nela acredores que fosen indebidamente omitidos, sempre que a existencia e lexitimidade do crédito omitido se acredite suficientemente. Tamén poderá modifica-la relación de acredores no sentido de substituí-la persoa do titular cando, por cesión do crédito ou por pagamento efectuado por unha terceira persoa, se producise unha subrogación no acredor, así como reduci-la contía

do crédito polas cantidades percibidas de calquera dos obrigados ó pagamento cando existan varios.

4. Realizar tódolos actos de disposición, administración e conservación dos bens, dereitos e accións que integran o activo de Almacenes Pardal, S.L., podendo contrata-lo persoal necesario para iso.

Igualmente poderá realizar aqueles convenios que coide convenientes ou necesarios para a mellor conservación en aproveitamento de calquera partida do activo, podendo transixir en calquera cuestión en que estea interesada a sociedade.

5. Paga-las custas e gastos do procedemento de suspensión e ós acredores preferentes, privilexiados e con dereito de abstención, satisfacéndose co remanente os créditos ordinarios a pro rata dos seus importes.

6. Exercer como representante da masa de acredores de Almacenes Pardal, S.L., tódalas accións e dereitos contra terceiros, que lles corresponda ó conxunto dos acredores, mesmo tercerías de dominio ou de mellor dereito, así como calquera transacción respecto deles.

7. Calquera outra facultade que sexa necesaria ou simplemente conveniente para o mellor cumprimento deste convenio.

5.-Réxime interno da comisión liquidadora.

1. A comisión liquidora adoptará as fórmulas de funcionamento interior que coide convenientes e poderá nomear de entre os seus membros un presidente e un secretario, así como un vicepresidente, coas facultades que coide oportunas.

2. A comisión constituirase validamente coa asistencia da maioría simple dos seus membros e adoptará as súas decisións e acordos igualmente por maioría simple. Poderá levar, se o coida necesario, un libro de actas das súas sesións, que terán lugar coa periodicidade que se acorde.

3. A remuneración da comisión liquidadora polos traballos de alleamento de activos e pagamento ós acredores non poderá exceder do 1% do producto dos mencionados alleamentos de activos.

6.-Réxime da liquidación.

1. No prazo de quince días hábiles contados a partir da data da resolución de aprobación deste convenio, a entidade suspensa porá á plena disposición da comisión liquidadora tódolos documentos e papeis de comercio existentes nos seus arquivos, que sexan necesarios para realización, conservación ou defensa dos bens que se lles ceden ós acredores.

2. No prazo de quince días hábiles contados desde a data da resolución de aprobación deste convenio, Almacenes Pardal, S.L. outorgará un poder notarial irrevogable a favor dos membros da comisión liquidadora coas máis amplas facultades de disposición, administración e representación que poderán exercer tres calquera dos seus membros mancomunadamente.

Ademais, tendo en conta a finalidade con que se outorga o poder, a entidade suspensa queda obrigada a amplialo nos termos que lle fosen solicitados pola comisión liquidadora, no suposto de que para algún

acto concreto fose necesario contar con algunha facultade que por calquera razón fose omitida no poder que se lle outorgue á comisión.

En todo caso, farase constar no poder que el mesmo se outorga con carácter irrevogable ata que a comisión de acredores cumprise as misións que neste convenio se lle encomendan e fose este último totalmente executado.

O non outorgamento dos poderes a favor da comisión liquidadora no prazo indicado, a non ampliación deles cando sexa solicitada, ou a súa revogación antes da súa execución total do convenio, serán considerados como incumprimentos del para tódolos efectos legais.

Emporiso, se por causas obxectivas se producise un atraso no outorgamento ou ampliación dos poderes, a comisión liquidadora concederá un prazo que non poderá exceder de trinta días para que se outorguen ou emenden os poderes antes de que se teña por incumprido o convenio.

3. Así mesmo, considerarase como incumprimento deste convenio o feito de que, a partir da data da resolución xudicial da súa aprobación, exerza calquera apoderado de Almacenes Pardal, S.L., distinto dos membros da súa comisión liquidadora, facultades que afecten directa ou indirectamente calquera activo dela.

4. A comisión liquidadora procederá á inmediata liquidación ordenada dos bens, accións e dereitos de Almacenes Pardal, S.L., procedendo ó seu alleamento por calquera medio xurídico nos prazos, termos e condicións que coide convenientes, e ó reparto do seu producto pagándolles ós acredores preferentes, privilexiados e con dereito de abstención, satisfacéndose co remanente os acredores ordinarios da suspensa a pro rata dos seus respectivos créditos.

7.-Cesamento da comisión liquidadora.

A comisión liquidadora cesará nas súas funcións cando liquidase integramente o activo do comerciante suspenso e distribuíse o resultado da liquidación entre os acredores.

8.-Cumprimento do convenio.

Co cumprimento deste convenio quedarán finiquitadas as relacións entre a entidade suspensa e os seus administradores e os acredores dela, pero sen que se extingan os dereitos que estes últimos teñan a título individual ou conxuntamente contra terceiras persoas ou entidades, como consecuencia de avais, garantías ou por calquera título en relación coas obrigas de Almacenes Pardal, S.L., conservando os acredores de Almacenes Pardal, S.L. tódalas accións de calquera clase que teñan contra terceiras persoas físicas ou xurídicas, por virtude dos negocios xurídicos en que interviñese Almacenes Pardal, S.L., e das escrituras públicas, pólizas ou calquera outro documento que reflicta o mencionado negocio xurídico.

Os acredores deberanlle comunicar fidedignamente á suspensa, ós terceiros obrigados e á comisión liquidadora designada neste convenio, o todo ou parte que os ditos créditos perciban, co obxecto de realiza-las oportunas deduccións nas cantidades que

ten que paga-la suspensa. O que non cumprise esta obriga dentro do mes seguinte ó recobramento perderá o dereito a percibir da suspensa, non só a cantidade recuperada, senón outro tanto en concepto de danos e perdas causados ós demais acredores.

9.-Domicilio.

Para tódolos efectos legais os acredores fixan como domicilio para notificacións, citacións e requirimentos o que para cada un deles está reflectido na lista definitiva de acredores. Calquera cambio de domicilio deberáselle comunicar fidedignamente á comisión liquidadora.

E para que conste, estendo este testemuño, que consta de 5 folios que concordan ben e fielmente co seu orixinal, en Padrón o 4 de novembro de mil novecentos noventa e nove.

El secretario

Rubricado