Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 29 de novembro de 1999 Páx. 14.017

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece como instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica a central hidroeléctrica no río Santabaia, termo municipal de Mazaricos, provincia da Coruña. (Expediente 177/1999).

Visto o escrito presentado por José Manuel Cortizo Soñora, en nome e representación de Aluminios Cortizo, S.A. con enderezo para efectos de notificacións na estrada de Padrón-Noia, km 2 Padrón (A Coruña), no que solicita autorización administrativa, aprobación do proxecto das novas instalacións electromecánicas e recoñecemento de instalación acollida ó réxime especial de producción eléctrica (REPE) da central hidroeléctrica de Santabaia, situada no río Santabaia, concello de Mazaricos, provincia da Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-José Manuel Cortizo Sonora, en nome e representación de Aluminios Cortizo, S.A., solicitou unha concesión para derivar un caudal de auga de ata 750 l/sg do río Santabaia, no termo municipal de Mazaricos (A Coruña) con destino á producción de enerxía eléctrica e presentou a documentación esixida no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, polo que se establece o procedemento abreviado de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos cunha potencia nominal que non exceda de 5.000 kVA, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Segundo.-A solicitude de autorización administrativa da central someteuse a trámite de información pública, para os efectos previstos no artigo 9 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, seguindo o procedemento establecido no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, xa citado.

Terceiro.-O 3 de febreiro de 1998, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental acordou aproba-la declaración de efectos ambientais correspondente ó dito proxecto.

Cuarto.-O 17 de setembro de 1998, Augas de Galicia resolveu outorgar a Aluminios de Cortizo a concesión para aproveitar 750 l/s do río Santabaia, con destino á producción de enerxía eléctrica na central do río Santabaia, termo municipal de Mazaricos (A Coruña). O tramo afectado polo aproveitamento será o comprendido entre a cota 302-83 m.

Quinto.-O 5 de maio de 1999, Augas de Galicia aprobou o proxecto denominado instalación eléctrica no río Santabaia.

Sexto.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica do río Santabaia, segundo o proxecto de execución desta, asinado polo enxeñeiro de camiños, canais e portos Marcial de la Fuente Prieto e polo enxeñeiro industrial José R. Álvarez Arnau, constan dun equipo productivo, que se instalará nun edificio de 20x25 m, constituído polos seguintes elementos:

-Unha turbina Pelton de eixe horizontal, de 1950 CV de potencia nominal, velocidade nominal de 500 r.p.m. e salto neto medio de 214,5 metros.

-Un xerador síncrono trifásico de 1350 kVA de potencia, tensión nominal de 6 kV e frecuencia 50 Hz.

-Un transformador de potencia trifásico de 1400 kVA, relación de transformación 6,3 kV/20 kV.

-Instalacións de medida, control, protección e manobra.

Sétimo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio na Coruña emitiu informe favorable, propoñendo a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e inclusión da dita instalación no réxime especial de instalacións de producción de enerxía eléctrica da central hidroeléctrica de referencia.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo, xa citados e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

1. Autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos reflectidos no proxecto denominado aproveitamento hidroeléctrico no río Santabaia, concello de Mazaricos, provincia da Coruña.

2. Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica referida.

3. Recoñecer a esta instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.4 do artigo 2 da dito real decreto.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto a presente resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria