Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 29 de novembro de 1999 Páx. 14.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de novembro de 1999 pola que se aproba a modificación do artigo 23 dos estatutos da Fundación Francisco José Traspuesto Miguel e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación Francisco-José Traspuesto Miguel.

Resultando que esta fundación foi clasificada como docente por Orde do 15 de setembro de 1998, encontrándose inscrita no Rexistro de Fundacións desta consellería co número 186.

Resultando que a Fundación Francisco-José Traspuesto Miguel solicitou ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a modificación dos seus estatutos.

Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da referida fundación.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983, e 32.3º e 38 do dito regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Aproba-la modificación do artigo 23 dos estatutos da Fundación Francisco-José Traspuesto Miguel, que queda redactado:

«1. A fundación considerarase finalizada cando o último fillo/a de empregado fixo nas tantas veces mencionadas empresas, perceptores de axudas da fundación, conforme e segundo o disposto nos artigos 4 e 19 dos estatutos, terminasen os seus estudios ou decidisen suspendelos.

2. A extinción da fundación, salvo nos supostos de fusión nos que non sexa aplicable, determinará a apertura do procedemento de liquidación, que realizará o órgano de goberno da fundación baixo o control do protectorado.

3. Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse ás fundacións ou entidades non lucrativas privadas que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, incluso para o suposto da súa disolución, á consecución daqueles, ou ben sexan consideradas entidades públicas de natureza non fundacional, que persigan fins de interese xeral e que teñan o seu domicilio en Vigo.

4. No caso de que non puidesen destinarse os bens e dereitos ás entidades referidas no punto anterior, ben pola inexistencia das ditas entidades ou porque non reúnan os requisitos determinados polo artigo 31 da Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, referidos no parágrafo anterior, os bens e dereitos resultantes da liquidación da fundacións destinaranse a fundacións ou entidades non lucrativas privadas que

persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, incluso para o suposto da súa disolución, á consecución daqueles, ou ben sexan consideradas entidades públicas de natureza non fundacional que persigan fins de interese xeral, que determine o padroado da fundación coa aprobación do protectorado.

5. No caso de que o cometido referido no parágrafo anterior non sexa levado a cabo polo padroado da fundación, este será cumprido polo protectorado da fundación».

Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrará en vigor tal cambio estatutario.

Terceiro.-A presente disposición pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria