Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 25 de novembro de 1999 Páx. 13.906

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo con carácter de pacto extraestatutario da empresa Hermanos Pérez Muebles Diseño, S.L. de Ourense.

Vista a solicitude e documentación anexa presentada nesta delegación provincial, sobre o rexistro e depósito do acordo alcanzado por Manuel Constantino Pérez Rodríguez, en calidade de administrador único da empresa e os traballadores que compoñen o cadro de persoal da empresa Hermanos Pérez Muebles Diseño, S.L., situada na estrada N-525, km 243.7 Coles, e dedicada á actividade do comercio de mobles polo miúdo, e de acordo cos seguintes antecedentes:

1. Con data de rexistro de entrada nesta delegación do 27-9-1999, recíbese escrito de Manuel Constan

tino Pérez Rodríguez, no que se remite a seguinte documentación:

a) Texto do acordo ou pacto extraestatutario asinado pola totalidade dos traballadores.

b) Folla estatística de convenios colectivos de empresa, debidamente cuberta.

2. Con data do 4-10-1999, Manuel Constantino Pérez Rodríguez, en calidade de administrador único da empresa Hermanos Pérez Muebles Diseño, S.L., remite a esta delegación provincial escrito no que confirma a data de sinatura do pacto.

3. A empresa carece de órganos de representación unitaria dos traballadores.

Fundamentos de dereito:

1. A competencia desta delegación para coñece-lo expediente vén disposta polo Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, en relación co Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

2. O artigo 37.1º da Constitución recoñece o dereito á negociación colectiva laboral entre os representantes dos traballadores e empresarios, así como a forza vinculante dos convenios. O título III do Estatuto dos traballadores desenvolve o citado precepto constitucional. Ambos textos legais esixen, para que os acordos ou convenios entre as partes alcancen a consideración de convenios colectivos propiamente ditos ou estatutarios, que sexan subscritos polos lexítimos representantes destes, artigo 87 do Estatuto dos traballadores; así mesmo, o artigo 6.3º b) da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, reserva ás organizacións sindicais a facultade da negociación colectiva conforme o previsto no Estatuto dos traballadores.

3. O citado acordo goza do amparo, por unha parte do disposto nos artigos 1.1º e 3.1º c) do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo; e doutra polos artigos 1281 e sucesivos, así como polos artigos 1254 e 1257 do Código civil. Desta forma, o acordo ou convenio extraestatutario vale como pacto e lei entre as partes, segundo se predica do contrato. Son, pois, convenios colectivos de eficacia limitada. Existen, ademais, preceptos que, previstos para os convenios colectivos estatutarios, se aplican ós extraestatutarios. Así sucede co rexistro e depósito destes últimos, ós que se refire o artigo 2, letra f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, BOE do 6 de xuño, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e o artigo 1, punto 1º, letra c), punto 2º, do Real decreto 2756/1979, do 23 de novembro, que fai referencia ó Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación e ás súas funcións encomendadas.

Igualmente é de aplicación, nos acordos ou convenios extraestatutarios, o disposto no artigo 90.5º, como vía de impugnación.

En virtude do arteriormente exposto, e tendo en conta as disposicións citadas e demais de xeral aplicación, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado acordo co carácter de pacto extraestatutario no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo que consta nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito na Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación dependentes desta delegación provincial.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Notifíqueselles esta resolución á empresa e ós traballadores afectados, facéndolles sabe-lo dereito que teñen de recorrer contra ela, se non están conformes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación, perante o director xeral de Relacións Laborais, podendo presenta-lo recurso de alzada ben nesta delegación, ben na citada dirección xeral.

Ourense, 17 de outubro de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Pacto extraestatutario da empresa Hermanos Pérez

Muebles Diseño, S.L.

Artigo 1º

De conformidade co Estatuto dos traballadores, este pacto afectará a tódolos traballadores da empresa Hermanos Pérez Muebles Diseño S.L., do sector de venda de mobles.

Quedan excluídos deste convenio:

a) O persoal de alta dirección ou alto consello e os socios de empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.

Artigo 2º

Este pacto terá unha duración de 1 ano, entrando en vigor o 1 de xaneiro de 1999 e rematando o 31 de decembro de 1999, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1999, manténdose a vixencia deste mentres non se negocie outro que o substitúa. A forma de denuncia será por medio dunha parte á outra, na que se fará consta-la pretensión de denuncia-lo convenio, a representación que posúe para negociar, así como as materias que se van negociar.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes deste pacto serán absorbidas ata onde chegue o cómputo anual con aquelas outras condicións que puideran establecerse por disposición legal, agás cando se pacte expresamente o contrario.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

1. A duración da xornada anual de traballo efectivo neste pacto será no ano 2000 de 1.780 horas; no ano 1999: 1.784 horas; e no ano 2000: 1.780 horas.

2. As ditas xornadas considéranse de traballo efectivo.

Artigo 5º.-Vacacións.

O tempo anual de vacacións será de 30 días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponda no caso de non levar traballando o ano requirido para o desfrute pleno deste dereito. O total de días anuais de vacacións repartirase para efectos de desfrute con carácter xeral da seguinte forma: 15 días seguidos para desfrutar no verán.

O resto para desfrutar de acordo entre o traballador e empresa, atendendo de forma prioritaria ás necesidades da producción.

Deberá facerse público cun mínimo de dous meses a data das vacacións.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de desfrute das vacacións, a excepción das horas extraordinarias e as gratificacións extraordinarias.

Os traballadores que cesen no transcurso do ano terán dereito a que na liquidación que se lles practique no momento de baixa na empresa se integre o importe da remuneración correspondente á parte de vacacións devengadas e non desfrutadas.

Pola contra, e nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballador desfrutara das súas vacacións, a empresa poderá reduci-la liquidación que se lle practique a parte correspondente ós días de exceso desfrutados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

Para efectos do devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal, sexa cal fora a causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute de vacacións caduca co transcurso dun ano natural, perderase este se ó seu vencemento o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación de incapacidade temporal de ser aquela de superior contía. O mesmo criterio aplicarase para os supostos de cesamento por finalización de contrato.

Conceptos retributivos:

Artigo 6º.-Salario.

A táboa retributiva para o ano 1999 será a que apareza a continuación, á que se lle engadirá ademais a parte correspondente á compensación por supresión de antigüidade e o rateo da paga de marzo, que desaparece como tal.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade. Considéranse gratificacións extraordinarias os complementos salariais de vencemento periódico superior ó mes.

Establécense dúas gratificacións extraordinarias coa denominación de paga de verán e paga de Nadal, que serán aboadas, respectivamente, antes do 30 de xuño e 20 de decembro, e devengaranse por semestres naturais, e por cada día natural no que se devengara o salario base.

Devengo de pagas:

Paga de verán: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

Paga de Nadal: do 1 de xullo ó 31 de decembro.

A contía dos ditos complementos será a que se especifique para cada un dos grupos ou niveis nas táboas deste convenio, incrementada coa antigüidade que corresponda.

Ó persoal que ingrese ou cese na empresa faráselle efectiva a parte proporcional das gratificacións extraordinarias conforme os criterios anteriores, no momento de realiza-la liquidación dos seus haberes.

Artigo 8º.-Indemnizacións por desgaste de ferramentas.

Establécese unha indemnización por desgaste de ferramentas para aqueles traballadores ós que non lles sexan facilitadas pola empresa, consistente en 39 pesetas por día efectivo de traballo oficial e de 20 pesetas para o axudante. A empresa determinará os casos de achega de ferramentas polo traballador.

Artigo 9º.-Permisos e licencias.

Establécese un permiso retribuído nos casos que se indica e polo tempo que se sinala:

Falecemento dos pais, avós, fillos, netos, cónxuxe, irmáns e sogros: 3 días naturais, ampliables ata 5 no caso de desprazamento superior a 150 km.

Enfermidade grave do pai, sogros, fillos, netos, cónxuxe, irmáns e avós: 3 días naturais ampliables ata 5 naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

Falecemento de noras, xenros, cuñados, e avós políticos: 2 días naturais ampliables ata 4 natuais en caso de desprazamento superior a 150 Km.

Enfermidade grade de noras, xuros, cuñados e avós políticos: 2 días naturais ampliados ata 4 naturais en caso de desprazaento superior a 100 km.

Nacemento de fillo ou adopción: 3 días naturais, ampliables a 5 naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

Cambio de domicilio habitual: 1 día laborable.

Deber inescusable de carácter público ou persoal: o indispensable ou o que marque a norma.

Lactación ata nove meses: ausencia dunha hora ou dúas fraccións de media hora, reducción da xornada en media hora.

Traslado: (artigo 40 do Estatuto dos traballadores) 3 días laborables.

Matrimonio de fillos: 1 día laboral.

Funcións sindicais ou de representación de traballadores: o establecido na norma.

O tempo necesario para acudir ó médico, presentando a xustificación correspondente.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralles a tódolos traballadores a roupa de traballo de seguridade que fixera falta adaptada ós distintos postos de traballo. A roupa de traballo e as pezas de seguridade repoñeranse sempre que sexa necesario, cando o seu grao de deterioración non sexa imputable á neglixencia do traballador. Estas pezas serán sempre da empresa e o traballador verase obrigado á boa conservación e emprego. En calquera caso, os traballadores terán dereito a percibir dúas fundas de traballo ó ano.

Artigo 11º.-Axudas de custo.

A axuda de custo é un concepto de devengo extrasalarial, de natureza indemnizatoria ou compensatoria, e de carácter irregular, que ten como finalidade o resarcimento ou compensación dos gastos de manutención e aloxamento do traballador ocasionados como consecuencia da situación de desprazamento.

O traballador percibirá axuda de custos completa cando, como consecuencia do desprazamento, non poida pasa-la noite na súa residencia habitual; devengarase sempre por día natural.

Devengarase media axuda de custos cando, como consecuencia do desprazamento, o traballador afectado teña necesidade de realiza-la comida fóra da súa residencia habitual e non lle fora subministrada pola empresa, e poida pasa-la noite na citada residencia. A media axuda de custos devengarase por día efectivo de traballo.

Ó persoal afectado por este convenio seranlle aboados, en caso de desprazamento fóra do seu centro de traballo habitual, os gastos ocasionados e debidamente xustificados.

Artigo 12º.-Retribucións de menores.

O contrato de aprendizaxe que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional deste convenio terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O contido do contrato, ó igual que as súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito, e figurará neste de modo claro, a actividade ou profesión obxecto de aprendizaxe.

A idade do traballador cun contrato destas circunstancias non poderá ser inferior a 16 anos nin superior a 22 anos.

a) A duración máxima será de 3 anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha ou varias empresas dentro do ámbito do sector deste pacto.

b) Non se poderán realizar contratos de duración inferior a 6 meses, podendo prorrogar ata 3 veces por períodos como mínimo de 6 meses.

c) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase á formación teórica. Concretaranse no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico.

O salario que percibirá o aprendiz será do 75%, 85% e 95% do salario do axudante ou categoría equivalente deste convenio, durante o primeiro, segundo e terceiro ano do contrato, respectivamente.

Artigo 13º

No caso de non ser autorizado pola autoridade laboral competente algún dos preceptos deste convenio, este quedará sen efecto, debéndose considera-lo seu contido total.

Artigo 14º.-Póliza de seguros.

As empresas están obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses a partir da contratación do traballador, unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de morte e incapacidade para todo tipo de traballo dos traballadores por accidente laboral, incluído o in itinere, que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes-causa no caso de morte ou invalidez para todo tipo de traballo por causa fortuíta, espontánea e exterior á vontade do traballador, o percibo da indemnización seguinte:

2.000.000 de ptas. en caso de morte.

3.000.000 de ptas. en caso de incapacidade para todo tipo de traballo.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida o traballador causar na Seguridade Social ou montepío. Non obstante, as indemnizacións a que se fai mención neste artigo non se considerarán como entrega a conta da indemnización que se é o caso puideran declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 15º.-Situacións de incapacidade laboral.

Tódolos traballadores afectados por este convenio, neste caso de accidente laboral, con ou sen hospitalización, percibirán polo período de ILT por conta da empresa, o 100% do salario desde o día 10 ata o 70, ambos inclusive. Para os supostos de enfermidade común e enfermidade profesional percibirán no caso de ILT por conta da empresa o 100% do salario desde o día 20 ó 60 ambos inclusive.

Artigo 16º

No non previsto neste pacto extraestatutario haberá que aterse ó disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o convenio estatal da madeira asinado o 21 de marzo de 1996, como dereito de directa aplicación para todas aquelas cuestións non recollidas neste convenio.

Artigo 17º.-Sistema de contratación.

Durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración determinada acolleranse ó disposto na letra b, parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e fomento da contratación indefinida, en virtude da cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto nos contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 18º.-Fomento á contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, en prol dunha menor precariedade no emprego que se deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas e exceso de pedidos a que se refire o dito artigo poderá realizarse cunha duración mínima de 6 meses e un máximo de 13 meses e medio nun período de 18 meses. O réxime xurídico será o equivalente ó contrato por tempo indefinido en canto ó desfrute dos beneficios salariais, complementos, etc.

Este contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con 15 días de antelación. Terá unha indemnización de 12 días por ano traballado que se entenderá como finalización das prórrogas; no caso de producirse a extinción por causas non imputables ó traballador este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento. No suposto de non producirse a extinción cando acabe o tempo máximo de duración de 3 anos, se o traballador seguise prestando os seus servicios na empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Artigo 19º.-Empresas de traballo temporal.

Ós traballadores que sexan contratados a través de empresas de traballo temporal (ETT) seralles de aplicación este mesmo pacto extraestatutario.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os atrasos deste convenio serán aboados nun prazo non superior a 10 días desde a súa publicación no BOP.

Segunda.-Co fin de axusta-lo calendario laboral anual neste ano 1999 fíxanse como días non laborables o 7, 24 e 31 de decembro, o 11 de outubro e o 12 de novembro, salvo acordo entre empresa e traballadores para a fixación doutros distintos.

Se algún día dos sinalados coincidira con festivo local, pasaríase ó inmediato anterior ou posterior.

Os días festivos de pacto sinalados neste artigo non serán computados para efectos de vacacións.

Terceira.-Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC publicado no INE rexistrase a 31 de decembro de 1999 un incremento superior ó 2%, a diferencia que se produza sumarase ó incremento para efectuar no ano 2000. Este mesmo criterio aplicarase no ano 2000.

ANEXO

Táboa salarial

CategoríaSalario base Compensación

de antigüidade

Total

Peón93.8131.33095.143
Axudante102,0861.448103.534
Oficial de 2ª104.6411.484106.125
Oficial de 1ª105.0111.489106.500
Encargado107.5241.525109.049
Auxiliar administrativo103.5331.448104.981
Administrativo de 2ª104.6411.484106.125
Administrativo de 1ª105.0111.489106.500