Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 24 de novembro de 1999 Páx. 13.790

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 301/1999, do 11 de novembro, polo que se acorda a imposición de afectacións secundarias sobre parcelas situadas nos portos de Muxía, Burela e Cariño a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Os portos de Muxía, Burela e Cariño están integrados no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia

en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo (BOE nº 285, do 27 de novembro) e adscritos ó ente público Portos de Galicia, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do dito ente.

Con data do 28 de xuño de 1999, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura solicitou a iniciación dos trámites para a afectación secundaria de parcelas nos anteditos portos para a construcción de aulas de extensión pesqueira para imparti-los programas de formación dirixidos ós pescadores.

Con data do 2 de novembro de 1999, Portos de Galicia, logo da solicitude da Secretaría Xeral e do Patrimonio, manifestou a conformidade coa imposición das anteditas afectacións secundarias.

Segundo o establecido nos artigos 12.3º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31 do seu regulamento, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de novembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a imposición de afectacións secundarias sobre parcelas de 330 m, 625 m e 800 m situadas, respectivamente, nos portos de Muxía, Burela e Cariño e delimitadas, segundo os planos incorporados ó expediente, a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, con destino á construcción de aulas de extensión pesqueira para imparti-los programas de formación dirixidos ós pescadores.

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, once de novembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda