Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 23 de novembro de 1999 Páx. 13.765

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 19 de novembro de 1999 pola que se regulan as operacións de cerramento do exercicio de 1999 en relación coa contabilización dos gastos públicos.

A regulación das operacións de cerramento do exercicio de 1999 en relación coa contabilidade dos

gastos públicos, fai necesario dicta-las oportunas instruccións.

Na súa virtude, teño a ben dispor:

1. Sinalamento de haberes no mes de decembro.

1.1. As nóminas para a percepción de haberes activos e da paga extraordinaria do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 9 do dito mes e remitiranse o día 10 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 15 do mesmo mes; para o cal, os partes do mes de decembro deberán recibirse no CIXTEC antes do día 26 de novembro cando se trate de altas ou baixas, e antes do día 24 de novembro nas demais alteracións ou modificacións.

1.2. Os haberes activos e as pagas extraordinarias correspondentes ó mes de decembro satisfaranse conxuntamente a partir do día 18 do mesmo mes.

A nómina de Seguridade Social do mes de decembro remitirase as intervencións delegadas o día 23 de decembro procedendo por estas á súa fiscalización e contabilización o día 27 de decembro.

2. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro.

O último día do exercicio de 1999 no que se poderán satisfacer libramentos de pagamento pola Tesourería da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o 30 de decembro. As citadas dependencias reiniciarán o pagamento dos pendentes de satisface-lo primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2000.

3. Recepción e tramitación de documentos contables.

Os documentos contables en fase A, D, O, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas, correspondentes a cada centro xestor, o día 30 de decembro, sen prexuízo do previsto no artigo 8 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Para os documentos con fase K, a data límite de entrada nas ditas oficinas será o 16 do mesmo mes ou o día 7 se fosen para xustificar.

A data límite para que as intervencións delegadas e territoriais tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro os documentos OK para xustificar será o día 13, e o resto dos documentos con fase K, o día 27 do mesmo mes. Non obstante naqueles casos excepcionais en que por razóns de prazo sexa ineludible a realización do pagamento, o conselleiro de Economía e Facenda poderá autoriza-la entrada e contabilización de documentos con fase K con posterioridade ás ditas datas.

Os interventores territoriais e os interventores delegados do interventor xeral da Comunidade Autónoma coidarán moi especialmente o cumprimento desta norma.

4. Procedemento en fin de exercicio.

4.1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro realizará procesos de ordenación de pagamentos como última data válida de 1999 o día 28 de decembro, mantendo aberta a contabilidade de recepción de tales propostas ata o día 27 inclusive, data na que as oficinas de contabilidade dos centros xestores deixarán de expedir propostas de pagamento con imputación á contabilidade do exercicio de 1999. Non obstante, desde principios de 2000 e con imputación á contabilidade deste, poderá expedir ordes de pagamento por conta das propostas recibidas en calquera momento.

4.2. A información derivada da contabilidade financeira da Administración xeral deberá conter a dobre columna tanto os resultados correspondentes ó peche do exercicio de 1999, como os correspondentes a 1998.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio que forma parte integrante da Conta Xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100 Patrimonio.

As intervencións delegadas, con data límite do 31 de xaneiro de 2000, deberán remitir á Subdirección Xeral de Contabilidade copia das actas de recepción provisional que se produciran durante o exercicio de 1999 correspondentes a proxectos de investimento que se imputaran ós artigos 60 e 61 da clasificación económica do orzamento de gastos, co obxecto de que poida realizarse o traspaso á conta 109 Patrimonio entregado ó uso xeral dos investimentos que entraran en funcionamento durante o exercicio

En tanto non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase o 2% para inmobles e o 10% para o restante inmobilizado amortizable.

5. Operacións de fin de exercicio.

Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ó cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Polo tanto, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias, dos saldos de compromisos e de autorizacións, así como ás retencións de crédito existentes.

Analogamente, na agrupación de exercicios posteriores anularanse os saldos de autorización e os de créditos retidos.

Todas estas anulacións serán realizadas de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

6. Relacións nominais de acredores.

Conformarán a agrupación de orzamentos pechados aquelas obrigas debidamente contraídas e que por

algunha causa xustificada non proceda efectua-la proposta de pagamento. Enténdese que unha obriga está debidamente contraída cando a correspondente prestación se encontra realizada e xustificada adecuadamente, conforme determina o punto a) 3 do artigo 73 da Lei 11/1992.

6.1. Cada oficina contable formará unha relación nominal de acredores clasificada por claves territoriais e seccións, que consignará para cada acredor o DNI ou NIF e o importe das obrigas contraídas con cargo ó orzamento de 1999.

Esta relación deberá xustificar integramente, no cerramento do exercicio, os saldos de obrigas pendentes de propoñe-lo pagamento que figuran nos seus correspondentes estados de execución.

A relación clasificarase por aplicacións orzamentarias.

Un exemplar da relación de acredores enviarase á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma (Subdirección Xeral de Contabilidade), outro exemplar unirase á xustificación que se remite á Intervención Xeral para o seu envío ó Consello de Contas co fin de xustifica-lo saldo de obrigas.

6.2. Polas obrigas pendentes de propoñe-lo pagamento o 31 de decembro de 1999, correspondentes a orzamentos pechados anteriores ó dito ano e a anticipos de tesourería, formarán tamén unha relación nominal de acredores, coa mesma estructura.

6.3. A Subdirección Xeral de Contabilidade devolverá a cada oficina contable a devandita relación de acredores unha vez incluídos na mesma a referencia e número de operación correspondentes ó exercicio 2000, podéndose a partir de entón contabiliza-las oportunas propostas de pagamento.

6.4. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro como ordenadora de pagamentos deberá formar unha relación de propostas de pagamento recibidas que estean pendentes de ordenar na data do 31 de decembro. Estas relacións xustificarán o saldo de propostas de pagamento pendentes de ordenar.

6.5. A Subdirección Xeral do Tesouro, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro formará unha relación de ordes de pagamento emitidas pendentes o 31 de decembro na caixa que xustificará o saldo das ditas ordes de pagamento pendentes. A estructura será:

1. Relación de ordes de pagamento do exercicio de 1999.

2. Relación de ordes de pagamento de exercicios anteriores.

Un exemplar das relacións sinaladas nos puntos 6.4 e 6.5 enviarase á Intervención Xeral (Subdirección Xeral de Contabilidade), outro unirase á documentación que se vai remitir ó Consello de Contas por conducto da Intervención Xeral e un terceiro quedará en poder da devandita Dirección Xeral.

6.6. Tódolos listados definidos neste punto VI deberanse obter automaticamente polo sistema XUMCO.

7. Ingresos procedentes de dereitos liquidados.

Os interventores territoriais coidarán moi especialmente o cumprimento do disposto no artigo 80 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, polo que respecta ós dereitos liquidados que non sexan esixibles no momento do cerramento do exercicio orzamentario en virtude de aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realiza-lo ingreso en período voluntario exceda do 31 de decembro.

8. Vixencia dos mandamentos de pagamento.

8.1. Os documentos P que non fosen satisfeitos o 31 de decembro conservarán a súa plena vixencia ata o momento en que se lles fagan efectivos ós acredores, se anulen ou se declare a súa prescrición.

8.2. As ordes de pagamento correspondentes ó exercicio 1999 ou anteriores que conteñan erros que impidan a súa realización e estean na caixa pendentes de pagamento o 31 de decembro de 1999, pagaranse en formalización no exercicio 2000, compensando o dito pagamento cun ingreso en formalización ó concepto 100.393. Outros ingresos. Recursos eventuais, que figurará como único desconto na orde de pagamento, substituíndo os que puideran figurar anteriormente.

9. Orzamentos pechados.

9.1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, como ordenadora de pagamentos, a partir do primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2000, poderá ordenar pagamentos ata unha cantidade igual ó importe das obrigas recoñecidas pendentes de ordena-lo pagamento ó fin de exercicio.

9.2. Os pagamentos que se ordenen a partir da data indicada no número anterior, por propostas de pagamento pendentes de ordenar no cerramento do exercicio, serán contabilizadas na agrupación de orzamentos pechados.

10. Créditos orzamentos.

Os expedientes de modificación de crédito terán como data límite de entrada na Consellería de Economía e Facenda o día 3 de decembro, agás os que se refiran a créditos do capítulo I Gastos de Persoal e as seccións 1, 2, 3, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

Disposición adicional

Unha vez efectuado o peche do exercicio de 1999 as intervencións delegadas e territoriais remitiranlle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma relacións detalladas dos saldos pendientes á fin de exercicio dos orzamentos de gastos e ingresos, así como dos conceptos extraorzamentarios, co obxecto de que o dito centro, despois da súa análise, determine as actuacións contables que se van realizar para a súa depuración.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda