Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 18 de novembro de 1999 Páx. 13.579

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Ayuda y Servicios Integrales Gallegos, S.L. (Asiga).

Visto o texto do acordo colectivo sobre contidos sociais e salariais para a empresa Ayuda y Servicios Integrales Gallegos, S.L. (Asiga), que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26-6-1999, subscrito, pola parte económica, por unha representación da empresa e, da parte social, polos 4 únicos productores da empresa con centro de traballo na provincia de Pontevedra.

Tendo en conta que a parte social non posúe representantes lexitimados para negociar que cumpran coas esixencias legais establecidas no artigo 81.1º en relación co 62.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, así como o feito de que as normas sobre capacidade negocial e lexitimación escapan ó poder de disposición das partes negociadoras, constituíndo así normas imperativas ou de dereito necesario absoluto, indispoñibles para elas, é polo que o devandito acordo debe outorgárselle o carácter de convenio colectivo extraestatutario.

A teor do disposto no artigo 60 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por canto razóns de interese público en orde á súa publicidade para garanti-los dereitos dos traballadores así o aconsella, así como a teor do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de outubro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Acordo colectivo sobre contidos sociais e salariais para a empresa Ayuda y Servicios Integrales Gallegos, S.L.(Asiga)

Capítulo preliminar

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Subscriben este acordo colectivo, dunha parte, o representante legal da empresa Ayuda y Servicios Integrales Gallegos, S.L. (Asiga), e da outra, os traballadores da citada empresa actualmente en cadro de persoal, como representación laboral.

Ámbalas dúas partes recoñecen mutuamente como lexítimas para negociar este acordo.

Capítulo I

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan incluídos no ámbito de aplicación deste acordo colectivo a empresa Ayuda y Servicios Integrales Gallegos, S.L. (Asiga), e os traballadores que teñan unha actividade comprendida dentro do ámbito funcional descrito no seguinte artigo 3º, que prestan actualmente servicios nesta, así como todos aqueles que se incorporen á citada empresa a partir da data da súa sinatura.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

Este acordo colectivo será de aplicación a tódolos traballadores dos centros de traballo da empresa Ayuda y Servicios Integrales Gallegos, S.L. (Asiga) en tanto desenvolvan a actividade do seu obxecto social segundo se describe no artigo 2 dos seus estatutos societarios.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

Este acordo colectivo será de aplicación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

A duración deste acordo colectivo será de dous anos, finalizando os seus efectos o 31 de decembro do ano 2000, entrando en vigor na data da súa publicación no DOG, excepto nas materias nas que se especifique unha vixencia distinta.

Artigo 6º.-Denuncia e prórroga.

Enténdese prorrogado por sucesivos períodos dun ano excepto que algunha das partes asinantes o denuncie á outra cunha antelación mínima de tres meses antes do seu vencemento ou de calquera outra das súas prórrogas.

A parte que formule a denuncia deberá acompañar proposta concreta sobre os puntos e contido que comprenda a revisión solicitada. Desta comunicación e da proposta enviarase copia, para efectos de rexistro, á autoridade laboral competente.

Capítulo II

Artigo 7º.-Comisión paritaria de interpretación.

Constitúese unha comisión paritaria de interpretación deste acordo colectivo, presidida pola persoa

que a comisión, de entre os seus compoñentes no seu momento, nomee por unanimidade.

Serán vocais desta tres representantes por cada unha das partes, social e empresarial intervenintes, designados na forma que decidan estas e preferentemente entre os membros compoñentes da comisión negociadora deste acordo.

Artigo 8º.-Funcións e procedemento da comisión paritaria de interpretación.

As funcións da comisión paritaria serán as seguintes:

a) Interpretación de todas e cada unha das cláusulas deste acordo.

b) Por instancia dalgunha das partes, mediar e/ou intentar conciliar, se é o caso, e logo do acordo das partes e a solicitude destas, arbitrar en cantas cuestións e conflictos, todos eles de carácter colectivo, poidan suscitarse na aplicación deste acordo.

c) Vixilancia e seguimento do cumprimento do pactado.

d) Cantas outras funcións tendan á maior eficacia práctica do acordo ou veñan establecidas no seu texto.

Capítulo III

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A duración da xornada anual de traballo e durante a vixencia deste acordo colectivo, e nos ámbitos comprendidos nos artigos 2º a 5º, ámbolos dous incluídos, será de 1.820 horas de traballo efectivo.

Artigo 10º.-Distribución da xornada.

1. As horas de traballo que como xornada anual queden fixadas no artigo precedente realizaranse durante tódolos días laborables do ano, segundo se fixe no calendario de cada centro de traballo.

2. A empresa poderá distribuí-la xornada establecida no artigo anterior ó longo do ano, mediante criterios de fixación uniforme ou irregular. Afectando a uniformidade ou irregularidade ben a todo o cadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano ou en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda, ou calquera outra modalidade.

3. Cando se practique pola empresa unha distribución irregular da xornada, limitarase esta ós topes mínimos e máximos de distribución seguintes: en cómputo diario de seis a dez horas ou en cómputo semanal de trinta a cincuenta horas.

4. A distribución irregular da xornada non afectará á retribución e cotizacións do traballador.

5. Se como consecuencia da distribución irregular da xornada, ó vencemento do seu contrato o traballador tivera realizado un exceso de horas, en relación ás que corresponderían a unha distribución regular, o exceso seralle aboado na súa liquidación segundo o valor da hora ordinaria.

Capítulo IV

Artigo 11º.-Estructura económica.

As remuneracións económicas dos traballadores afectados por este acordo estarán constituídas por retribucións de carácter salarial e non salarial.

Nas táboas que se fixan no anexo I deste acordo colectivo determínanse as remuneracións económicas dos traballadores, por tódolos conceptos e en cómputo anual.

As remuneracións económicas fixadas no anexo I deste acordo colectivo nos termos precedentes veranse actualizadas anualmente mediante a aplicación sobre as táboas determinadas no dito anexo dun incremento equivalente ó IPC real correspondente ó ano anterior inmediato ó da actualización.

Son retribucións salariais as remuneracións económicas dos traballadores en diñeiro ou en especie que reciben pola prestación profesional dos servicios laborais por conta allea.

Conceptos que comprenden as remuneracións salariais:

a) Salario base.

b) Complementos salariais, entre outros:

-De posto de traballo.

-De cantidade ou calidade de traballo.

-Gratificacións extraordinarias.

-Vacacións.

-Horas extraordinarias.

-Complementos de acordo.

Son retribucións non salariais as percepcións económicas que non forman parte do salario polo seu carácter compensatorio por gastos suplidos ou prexuízos ocasionados ó traballador ou polo seu carácter asistencial.

Artigo 12º.-Distribución-composición da estructura económica.

As retribucións establecidas neste acordo colectivo deberán garda-la seguinte proporcionalidade:

-A suma do salario base, gratificacións extraordinarias e vacacións non poderá ser inferior, en ningún caso, ó 70% do total anual, da táboa fixada no anexo I por cada grupo.

-Os complementos non salariais sumados, cando así proceda, segundo o previsto no artigo anterior non poderán superar, en ningún caso, o 15% do total anual, da táboa fixada no anexo I de cada grupo.

-Cando así procedera, o complemento de acordo ocupará a restante porcentaxe que resulte de aplicar conxuntamente as porcentaxes dos puntos anteriores.

Artigo 13º.-Efectos económicos.

Os efectos económicos deste acordo entrarán en vigor o día 1 de xaneiro de 1999.

Capítulo V

Artigo 14º.-Clasificación profesional e grupos.

Os traballadores que presten os seus servicios na empresa Ayuda y Servicios Integrales Gallegos, S.L.

(Asiga) serán clasificados en atención ás súas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación mediante o seu encadramento nun determinado grupo profesional como resultado da ponderación conxunta dos seguintes factores: coñecementos, experiencia, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade.

Artigo 15º.-Mobilidade funcional.

O traballador deberá cumpri-las instruccións do empresario ou persoa na que este delegue no exercicio habitual das súas funcións organizativas e directivas, debendo executa-los traballos ou tarefas que se lle encomendan, dentro do contido xeral da prestación laboral. Neste sentido, poderá levarse a cabo a mobilidade funcional no seo da empresa, que se producirá dentro do grupo, co límite da idoneidade e aptitude necesaria para o desempeño das tarefas que se lle encomenden ó traballador en cada posto de traballo, exercendo como límite para a dita mobilidade o disposto nos artigos 22 e 39 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Grupos profesionais.

Grupo profesional 0. Criterios xerais.

Os traballadores pertencentes a este grupo presentan, organizan, dirixen e coordinan as diversas actividades propias de desenvolvemento da empresa. As súas funcións comprenden a elaboración da política de organización, as presentacións xerais da utilización eficaz dos recursos humanos e dos aspectos materiais, a orientación e o control das actividades da organización conforme o programa establecido, a política adoptada; o establecemento e o desenvolvemento da política industrial financeira ou comercial.

Toman decisións ou participan na súa elaboración. Desempeñan altos postos de dirección ou execución destes niveis nos departamentos, divisións, grupos, fábricas, plantas, etc., nos que se estructura a empresa e que responden sempre á particular ordenación de cada unha.

Grupo profesional 1. Criterios xerais.

Tarefas que se executen segundo instruccións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiren preferentemente esforzo físico e/ou atención e que non necesitan de formación específica e ocasionalmente dun período de adaptación.

Formación: graduado escolar, certificado de escolaridade, ou equivalentes.

Exemplos: neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son equiparables ás seguintes:

-Tarefas manuais.

-Operacións elementais de máquinas sinxelas, entendendo por tales aquelas que non requiran adestramento e coñecementos específicos.

-Tarefas de carga e descarga manuais ou con axuda de elementos mecánicos simples.

-Tarefas de axuda en máquinas-vehículos (enganchadores).

-Tarefas de subministración de materiais no proceso productivo.

-Tarefas de limpeza.

-Tarefas de recepción, ordenación e distribución de mercadorías e xéneros, sen rexistro do movemento destes (mozo de almacén, camareiro).

-Tarefas que consisten en efectuar recados, encargos, transporte manual, levar ou recoller correspondencia.

-Tarefas de tipo manual que levan consigo o aprovisionamento e evacuación de materias primas elaboradas ou semielaboradas, así como ferramenta necesaria en calquer proceso productivo.

-Traballo basto sen ningunha precisión.

Grupo profesional 2. Criterios xerais.

Tarefas que consisten en operacións realizadas seguindo un método de traballo preciso e concreto, con alto grao de supervisión, que normalmente esixen coñecementos profesionais de carácter elemental e dun período breve de adaptación.

Formación: a formación básica esixible é a equivalente a graduado escolar, FP-1.

Exemplos: neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son equiparables ás seguintes:

-Actividades operatorias sinxelas, que esixan regulación e posta a punto ou manexo de cadros indicadores automáticos e paneis non automáticos.

-Tarefas de electrónica, automatización, instrumentación, montaxe ou soldadura, albanelería, carpintería, electricidade, mecánica, pintura, etc. de traballadores que se inician na práctica destas.

-Tarefas elementais en laboratorios.

-Tarefas de vixilancia de edificios e locais sen requisitos especiais nin armas.

-Tarefas de recepción que non esixan calificación especial ou coñecemento de idiomas. Telefonista e/ou recepcionista.

-Traballos de repografía en xeral. Reproducción e calcado de planos.

-Traballos sinxelos e rutineiros de mecanografía, arquivos, cálculo, facturación ou similares de administración.

-Conducción de máquinas suspendidas no baleiro e similares con cargas sólidas, líquidas, etc. con raíl de utilización exclusiva (guindastres ponte, de pórtico, etc.).

-Tarefas de axuste de series de aparatos, construcción de forma de cable sen trazo de patróns, montaxe elemental de series de equipos, ensamblaxe de series de conxuntos elementais, verificado de soldaduras de conexión.

-Tarefas de verificación consistentes na comprobación visual e/ou mediante patróns de medición

directa xa establecidos, a calidade dos compoñentes e elementos simples en procesos de montaxe e acabado de conxuntos e subconxuntos, limitándose a indicar a súa adecuación ou inadecuación ós ditos patróns.

-Traballos de vixilancia e regulación de máquinas estáticas en desprazamentos de materiais (cintas transportadoras e similares).

-Realizar traballos en máquinas-ferramentas preparadoras por outro e/ou máquinas-ferramentas seguindo instruccións simples e/ou deseños sinxelos.

-Realizar traballos de corte, quentamento, recabado e escarpado ou outros análogos, utilizando sopretes, martelos, pneumáticos, etc.

-Tarefas de transporte e paletización realizadas con elementos mecánicos.

-Etc.

Grupo profesional 3. Criterios xerais.

Tarefas consistentes na execución de operacións que, incluso cando se realizan baixo instrucción precisas, requiran adecuados coñecementos profesionais e aptitudes prácticas, e cunha responsabilidade que está limitada por unha supervisión directa ou sistemática.

Formación: a formación básica esixible é a equivalente a formación profesional de 1º, complementada cunha formación específica no posto de traballo.

Exemplos: neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son equiparables ás seguintes:

-Tarefas de preparación e operatoria en máquinas convencionais que leven consigo o autocontrol do producto elaborado.

-Tarefas de electrónica, automatización, instrumentación, montaxe ou soldadura, albanelería, electricidade, carpintería, pintura, mecánica, etc. con capacidade suficiente para realiza-las tarefas normais do oficio.

-Tarefas de arquivo, rexistro, cálculo, facturación ou similares que requiran algún grao de iniciativa.

-Tarefas de vixilancia xuramentada ou con armas.

-Tarefas de operación de equipos, télex ou facsímil.

-Tarefas de despacho de pedidos, revisión de mercadorías e distribución con rexistro en libros ou mecánicas, para o efecto de movemento diario.

-Tarefas de gravación e perforación en sistemas informáticos.

-Tarefas de lectura, anotación e control, baixo instruccións detalladas, dos procesos industriais ou da subministración de servicios xerais de fabricación.

-Tarefas de mecanografía e taquigrafía, con boa presentación de traballo e ortografía correcta e velocidade adecuada, que poden levar implícita a redacción de correspondencia, segundo formato e instruccións específicas.

-Conducción con permiso de conducción suficiente, entendendo que poden combinarse a actividade de conducir con outras actividades conexas.

-Realización de análises sinxelas e rutineiras de fácil comprobación e funcións de toma e preparación de mostras para análise.

-Tarefas normais de delineación e cálculos sinxelos.

-Exercer mando directo á fronte dun conxunto de operarios no traballo de carga e descarga, limpeza, acondicionamento, movemento de terras, realización de gabias, etc. xeralmente de tipo manual ou con máquinas, incluíndo procesos productivos.

-Controla-la calidade da producción ou na montaxe, realizando inspeccións e reclasificacións visuais ou cos correspondentes aparellos, decidindo sobre o rexeitamento con base en normas fixadas, reflectindo en partes ou a través do cadro de persoal os resultados da inspección.

-Toma de datos en procesos de produccción, referentes a temperaturas, humidades, aliaxes, duración de ciclos, porcentaxes de materias primas, desgaste de útiles, defectos, anormalidades, etc. reflectindo en partes ou a través do cadro de persoal tódolos datos, segundo código para o efecto.

-Realizar agrupacións de datos, resumes, estatísticas, cadros, seguimentos, histogramas, certificacións, etc. con datos subministrados por outros que os toman directamente, en base a normas xerais precisas.

-Conducción de máquinas autopropulsadas de elevación, carga, arrastre (locomotoras, tractores, pas, empuxadoras, etc.).

-Etc.

Grupo profesional 4. Criterios xerais.

Traballos de execución autónoma que esixan, habitualmente, iniciativa e razoamento por parte dos traballadores encargados da súa execución, comportando baixo supervisión, a responsabilidade destas, podendo ser axudados por outro ou outros traballadores.

Formación: formación a nivel de bacharelato unificado polivalente ou de formación profesional segundo grao, complementada con formación específica no posto de traballo.

Exemplos: neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-Operador de ordenador.

-Redacción de correspondencia comercial, cálculo de prezos á vista das ofertas recibidas, recepción e tramitación de pedido e propostas de contestación.

-Tarefas que consisten en establecer, con base en documentos contables, unha parte da contabilidade.

-Cálculo de salarios, valoración de custos, etc.

-Tarefas de análises e determinacións de laboratorio realizadas baixo supervisión, sen que sexa necesario sempre indicar normas e especificacións,

implicando preparación dos elementos necesarios, obtención de mostras e extensión de certificados e boletíns de análises.

-Tarefas de electrónica, automatización, instrumentación, montaxe ou soldadura, albanelería, carpintería, electricidade, pintura, mecánica, etc. con capacitación ó máis alto nivel que permita resolver tódolos requirimentos da súa especialidade.

-Tarefas de control e regulación nos procesos de producción que xeran e transformación do producto.

-Tarefas de venda e comercialización de productos de reducido valor unitario e/ou tan pouca complexidade que non requiran dunha especialización técnica distinta da propia demostración, comunicación de prezos e condicións de crédito e entrega, tramitación de pedidos, etc.

-Tarefas de delineación en toda clase de traballos, partindo de información recibida e realizando os tanteos e cálculos necesarios á vez que se elixen as solucións adecuadas.

-Regulación automática, elixindo o programa adecuado, introducindo as variantes precisas en instalacións de producción centralizadas ou non, levando o control a través dos medios adecuados (terminais, microordenadores, etc.).

-Exercer mando directo á fronte dun conxunto de operarios que recepciona a producción, clasifícaa, almacénaa e expídea, levando o control dos materiais, así como da utilización das máquinas-vehículos de que se dispón.

-Exercer mando directo á fronte dun conxunto de operarios que realizan os labores auxiliares á liña principal de producción, abastecemento e preparando materias, equipos, ferramentas, evacuacións, etc. realizando o control das máquinas e vehículos que se utilizan.

-Realizar inspeccións de toda clase de pezas, máquinas, estructuras, materias e recambios, tanto durante o proceso como rematadas, na propia empresa, con base en planos, tolerancias, composicións, aspecto, normas e utilización con alto grao de decisión na aceptación, realizando informes onde se expoñen os resultados. Igualmente das recibidas no exterior.

-Etc.

Grupo profesional 5. Criterios xerais.

Funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas homoxéneas, realizadas por un conxunto de colaboradores, nun estado organizativo menor.

Tarefas que, incluso sen implicar responsabilidade de mando, teñen un contido medio de actividade intelectual e de interrelación humana, nun marco de instruccións precisas de complexidade técnica media con autonomía dentro do proceso establecido.

Formación: a nivel de formación profesional de segundo grao, complementada cunha experiencia dilatada no posto de traballo.

Exemplos: neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-Tarefas que consisten en exercicios de mando directo á fronte dun conxunto de operacións de oficio ou de procesos productivos en instalacións principais (electrónica, automatización, instrumentación, montaxe ou soldadura, albanelería, carpintería, electricidade, mecánica, etc.).

-Tarefas de traducción, corresponsalía, taquimecanografía e atención de comunicacións persoais con suficiente dominio de idioma estranxeiro e alta confidencialidade.

-Tarefas de codificación de programas de ordenador na linguaxe apropiada, verificando a súa correcta execución e documentándoos adecuadamente.

-Tarefas que consisten na ordenación de tarefas e de postos de traballo dunha unidade completa de producción, cando a dimensión da empresa non esixa a presencia de mandos intermedios superiores.

-Actividades que impliquen a responsabilidade dunha quenda ou dunha unidade de producción que poidan ser secundadas por un ou varios traballadores do grupo profesional inferior.

-Tarefas de contabilidade consistentes en reuni-los elementos subministrados polos axudantes e confeccionar estados, balances, custos, provisións, de tesourería e outros traballos análogos, segundo o plan contable da empresa.

-Tarefas de confección e desenvolvemento de proxectos completos, segundo instruccións.

-Tarefas que supoñen a supervisión, segundo especificacións xerais recibidas dun mando intermedio superior, da execución práctica das tarefas en taller ou laboratorio.

-Tarefas de xestión de compra de aprovisionamento e bens convencionais de pequena complexidade, con autoridade sobre a decisión final ou de aprovisionamento e bens complexos, sen autoridade sobre esta.

-Tarefas que consisten no mantemento preventivo e correctivo de sistemas robotizados que implican amplos coñecementos integrados de electrónica, hidráulica e lóxica pneumática, levando consigo a responsabilidade de rápida intervención dentro do proceso productivo.

-Tarefas de venda e comercialización de productos de complexidade e valor unitario medios.

-Etc.

Grupo profesional 6. Criterios xerais.

Funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas heteroxéneas realizadas por un conxunto de colaboradores.

Tarefas complexas, pero homoxéneas, que, aínda sen implicar responsabilidade de mando, teñen un alto contido intelectual ou de interrelación humana, nun marco de instruccións xerais de alta complexidade técnica.

Formación: a nivel de titulación universitaria de grao medio, completada cunha formación específica no posto de traballo.

Exemplos: neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-Funcións que supoñen a responsabilidade de ordenar, coordinar e supervisa-la execución de tarefas heteroxéneas de producción, mantemento, administración, servicios, etc. ou en calquera agrupación deles, cando as dimensións da empresa aconsellen tales agrupacións.

-Tarefas de alto contido técnico consistentes en prestar soporte, con autonomía médica e baixo directrices e normas que non delimitan totalmente a forma de proceder, en funcións de investigación, control de calidade, vixilancia e control de procesos industriais, etc.

-Funcións de análise de aplicación informática nun sector homoxéneo de actividade, ou nun conxunto de área en empresa de dimensións reducidas, consistentes en desenvolver totalmente as aplicacións requiridas mediante o establecemento dos diagramas de proceso e programas, e verificando a súa adecuación ás especificacións funcionais de partida.

-Tarefas de xestión de compra de aprovisionamento e equipos complexos con autoridade sobre a decisión final dentro dun orzamento e unha normativa preestablecida.

-Tarefas de inspección, supervisión, ou xestión da rede de vendas.

-Etc.

Grupo profesional 7. Criterios xerais.

Funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas complexas e heteroxéneas, con obxectivos globais definidos e alto grao de esixencia en autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de funcións, realizadas por un conxunto de colaboradores, nunha mesma unidade funcional.

Formación: a nivel de titulación universitaria de grao medio completada cunha experiencia dilatada no seu sector profesional, ou titulación universitaria de grao superior profesional, ou titulación universitaria de grao superior completada cunha formación específica no posto de traballo.

Exemplos: neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-Supervisión técnica dun proceso ou sección de fabricación ou da totalidade do proceso en empresas de tipo medio. Ídem dun grupo de servicios ou da totalidade destes.

-Coordinación, supervisión e ordenación de traballos heteroxéneos ou do conxunto de actividades en empresa de tipo medio, dentro dunha mesma división orgánica funcional.

-Responsabilidade da explotación dun ordenador sobre o conxunto de servicios de proceso de datos en unidades de dimensións medias.

-Tarefas técnicas de alta complexidade e heteroxeneidade, co elevado nivel de autonomía e iniciativa dentro do seu campo, en funcións de investigación, control de calidade, definición de procesos industriais, administración, asesoría xurídico-laboral e fiscal, etc.

-Tarefas de análises de sistemas informáticos, consistentes en definir, desenvolver e implanta-los sistemas mecanizados, tanto a nivel físico (hardware) como a nivel lóxico (software).

-Tarefas de xestión comercial con responsabilidade sobre un sector xeográfico delimitado e/ou unha gamma específica de productos.

-Etc.

Grupo profesional 8. Criterios xerais.

Funcións que supoñen a responsabilidade completa pola xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa, a partir de directrices xerais moi amplas directamente emanadas de persoal pertencente ó grupo profesional 0, ou da propia dirección, segundo o tamaño da empresa, ás que deben dar conta da súa xestión.

Funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas de máis alta complexidade, e incluso a participación na definición dos obxectivos concretos que se van alcanzar no seu campo, con moi alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade no dito cargo de especialidade técnica.

Formación: a nivel de titulación universitaria de grao medio, completada nunha experiencia dilatada nunha ou varias áreas funcionais, ou titulación universitaria de grao superior, completada cunha experiencia consolidada no exercicio do seu sector profesional.

Exemplos: neste grupo profesional inclúense todas aquelas actividades que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

-Tarefas técnicas de moi alta complexidade e heteroxeneidade, co máximo nivel de autonomía e iniciativa dentro do seu campo, podendo implicar asesoramento nas decisións fundamentais da empresa.

-Funcións consistentes en planificar, ordenar e supervisar unha área funcional dunha empresa de dimensión media, ou unha división orgánica funcional en empresas de pequena dimensión, con responsabilidade polos seus resultados.

-Etc.

ANEXO I

Cadro de remuneracións económicas para 1999

GrupoRemuneración bruta anual

I1.128.693

II1.174.762

GrupoRemuneración bruta anual

III1.336.004

IV1.474.212

V1.670.005

VI1.911.868

VII1.980.971

VIII2.001.296

02.021.829