Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 17 de novembro de 1999 Páx. 13.494

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de outubro de 1999 pola que se modifica a autorización definitiva do centro privado Cruz Roja Española da Coruña, por implantación dun novo ciclo formativo.

Examinado o expediente presentado polo representante do centro privado Cruz Roja Española da Coruña, polo que solicita autorización para poder imparti-lo ciclo formativo de grao medio Farmacia da familia profesional de sanidade.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, que se remite cos informes correspondentes.

Vista a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo; Real decreto 1004/1991 (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; Real decreto 547/1995 (BOE do 5 de xuño), polo que se establece o título de técnico en farmacia, Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22) sobre autorización de centros privados e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro), que desenvolve o dito decreto.

Tendo en conta os informes da Delegación Provincial da Coruña, e o informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado Cruz Roja Española da Coruña para poder imparti-lo ciclo formativo de grao medio Farmacia da familia profesional de sanidade.

Segundo.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación persoal que impartirá docencia no dito centro.

Terceiro.-O centro deberá cumpri-la Norma Básica da Edificacion NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada polo Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo isto sen prexuízo de que teñan que

cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.

Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a esta orde.

Disposición transitoria

Mentres non se extinguen as ensinanzas de FP2, segundo o calendario de aplicación da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, poderán imparti-las ensinanzas das especialidades de técnico especialista en laboratorio e de técnico especialista en radiodiagnóstico que o dito centro ten autorizadas.

Contra esta disposición, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Localidade: A Coruña.

Enderezo: Joaquín Planells, s/n.

Denominación: Cruz Roja Española.

Código do centro: 15021986.

Titular: Mª del Carmen Colmeiro Rojo.

Ensinanzas que se autorizan:

-Ciclo formativo de grao medio Farmacia, da familia profesional de sanidade, 1 unidade para 30 alumnos.

Composición resultante:

-Ciclo formativo de grao medio Coidados auxiliares de enfermería, da familia profesional de sanidade, 1 unidade para 30 alumnos.

-Ciclo formativo de grao medio Farmacia da familia profesional de sanidade, 1 unidade para 30 alumnos.

-Ciclo formativo de grao superior Imaxe para o diagnóstico, da familia profesional de sanidade, 2 unidades 30 alumnos/unidade.

-Ciclo formativo de grao superior Laboratorio de diagnóstico clínico, da familia profesional de sanidade, 2 unidades 30 alumnos/unidade.

-Ciclo formativo de grao superior Animación sociocultural, da familia profesional de servicios socioculturais e á comunidade, 1 unidade para 30 alumnos.