Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 17 de novembro de 1999 Páx. 13.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 294/1999, do 21 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Consorcio para o Servicio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferidas, entre outras, as competencias sobre prevención e extinción de incendios.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servicio fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Este feito aconsellou que a Xunta de Galicia elaborase o Plan galego de dotación de parques contraincendios urbanos, baseado en criterios de racionalidade técnica e económica que permitan dota-la Comunidade Autónoma dun servicio integrado de extinción de incendios que garanta este servicio en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e a dificultade técnica da extinción, sendo o Parque Comarcal Contra Incendios e Salvamento de Valdeorras un dos parques previstos no plan galego.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catro de decembro de mil novecentos noventa e oito, acordou participar no Consorcio do Parque Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras, segundo o disposto no número 3º do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A elaboración e aprobación dos estatutos do consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-los estatutos do consorcio para o Servicio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras, sendo o seu texto o que se recolle no anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Consorcio para o Servicio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras

A Comunidade Autónoma de Galicia ten asumidas as competencias sobre prevención e extinción de incendios e protección civil.

A necesidade dunha resposta eficaz dos servicios de salvamento ante calquera circunstancia que poida supoñer un perigo para a vida das persoas ou para os seus bens, así como a optimización e racionalización dos medios e recursos dispoñibles, fai necesaria unha organización axeitada destes servicios en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra parte, os servicios de prevención e extinción de incendios e salvamento non se desenvolveron de forma suficiente, dando unha cobertura axeitada a toda Galicia e non sempre se conta con posibilidades para intervir dunha maneira rápida e eficaz.

Doutra banda, conforme a decisión do Consello da Unión Europea do 29 de xullo de 1991, pola que se crea o número único para as chamadas de urxencia denominado un, un, dous (112), o Goberno da Xunta de Galicia, en setembro de 1997, acordou a prestación do servicio público de atención de urxencias en Galicia a través do número telefónico 112, no que deberán quedar integrados os servicios Contra Incendios e Salvamento como centros asociados do Servicio 112, un deles será o da comarca de Valdeorras.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Ó amparo do establecido na lexislación vixente, constitúese un consorcio entre a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e os concellos que se relacionan no anexo I, que son os que integran a comarca de Valdeorras.

Artigo 2º

Para a constitución do consorcio requírese acordo de constitución e de aprobación definitiva dos seus

estatutos por parte dos plenos da Deputación Provincial de Ourense e dos concellos que o integren, así como acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que decida formar parte do consorcio:

-Os estatutos aprobaranse mediante decreto da Xunta de Galicia que se publicará no DOG xunto co texto íntegro dos estatutos.

-Unha vez publicados os estatutos, o alcalde do concello onde radique o consorcio convocará a tódolos representantes das entidades que o integran co fin de elixi-los órganos rectores e inicia-lo funcionamento do consorcio.

Artigo 3º

O consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran e capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios.

Artigo 4º.-Enderezo.

O consorcio terá a súa sede no parque de bombeiros no concello da Rúa.

Artigo 5º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto do consorcio a prestación, en réxime de xestión directa, do servicio de contra incendios e salvamento.

O fin do servicio será o salvamento de persoas e bens, a extinción de incendios e a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro e situacións de risco e o asesoramento e asistencia en materia de seguridade, e sempre que se faga precisa a súa colaboración.

Artigo 6º.-Ámbito de actuación.

1. O servicio que presta o consorcio esténdese ós concellos consorciados.

Así mesmo, actuará fóra do ámbito que lle é propio nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando fose requirido para iso, sempre que o demanden os órganos competentes e o autorice o presidente do consorcio.

2. O consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ó cumprimento dos fins expresados no artigo anterior.

3. Formará parte da rede de urxencias do Servicio 112-SOS Galicia, de acordo co protocolo de actuación que para o efecto se establecerá.

Artigo 7º.-Regulación dos servicios.

O consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servicios.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º

Os órganos de goberno do consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Presidente.

-Xerente.

Artigo 9º.-Composición do Pleno.

O Pleno do consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

-O alcalde de cada un dos concellos consorciados ou un concelleiro, designados nos seus respectivos plenos, que poderá substituílo.

-Dous representantes da Deputación Provincial de Ourense, designados polo presidente da deputación.

-Dous representantes nomeados pola Xunta de Galicia, designados pola consellería con competencias en materia de protección civil.

Con voz pero sen voto:

-Un funcionario do concello onde radique a sede do consorcio para efectua-las funcións do secretario.

Artigo 10º.-Presidente e vicepresidente.

Os cargos do presidente e vicepresidente serán ocupados polos alcaldes dos concellos que forman parte do consorcio, rotando de forma bianual.

Serán designados polo Pleno para o primeiro mandato, establecéndose igualmente no mesmo acto a quenda de rotación.

O presidente exercerá as competencias que se lle atribúen nos presentes estatutos.

O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias que o presidente, durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Nomeamento e cesamento dos representantes.

Os membros do Pleno poderán ser cesados por acordo do mesmo órgano que os nomease.

Artigo 12º

As atribucións do Pleno serán as seguintes:

a) Aprobación do orzamento da entidade.

b) Aprobación das contas anuais e as operacións de crédito que poidan contratarse.

c) Aprobación de modificación e liquidación dos orzamentos.

d) Aprobación da memoria anual de actividades.

e) Iniciativa para a integración de novos entes e separación de membros do consorcio.

f) Aprobación do cadro de persoal orgánico.

g) Aprobación do programa anual.

h) Proposta de rectificación ou modificación dos estatutos.

i) Aprobación dos regulamentos que considere pertinentes dentro das súas competencias, así como as normas de funcionamento do propio Pleno.

j) O control da actuación do xerente.

k) Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro, con administracións públicas ou entidades privadas.

l) Aprobación de proxectos de obras e servicios.

m) Aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servicios e subministracións que sexan da súa competencia. A adxudicación dos diversos tipos de contratos previstos na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, de acordo cos artigos 310 e seguintes da Lei 5/1997, de réxime local de Galicia.

n) A administración do patrimonio.

o) Sinala-lo enderezo do consorcio.

p) En xeral, tódalas funcións que non están atribuídas dun modo expreso a outro órgano do consorcio.

Artigo 13º.-Competencias do presidente do consorcio.

Serán funcións propias do presidente as seguintes:

a) Representalo legalmente para tódolos efectos.

b) Aproba-la orde do día, convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, así como dirixi-las deliberacións do Pleno.

c) Decidi-los empates nos acordos co seu voto de calidade.

d) Vixila-lo cumprimento e publicación dos acordos do Pleno.

e) Presenta-lo proxecto de orzamento ordinario.

f) Supervisa-lo funcionamento administrativo e técnico do consorcio.

g) Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo ós orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

h) Delegar funcións no vicepresidente ou no órgano que considere.

i) As demais competencias que lle atribúan as normas legais da Comunidade Autónoma; así mesmo, recoñeceranse as competencias en materia de contratación establecidas para o presidente das entidades locais no artigo 3141 a) da Lei 5/1997.

Artigo 14º.-Xerente.

1. O xerente é o órgano ó que corresponde realiza-la xestión ordinaria dos asuntos de competencia do Pleno, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente, e será nomeado polo Pleno entre persoas que posúen a formación axeitada que os capacite para realiza-las funcións propias do cargo.

2. Serán funcións do xerente:

a) Dirixir e xestiona-lo servicio e resolve-los asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presenta-lo anteproxecto de orzamentos, os plans de actuación e programa de necesidades do consorcio.

c) Prestar asistencia técnica ó presidente e ó Pleno.

d) Emitir informe sobre os asuntos que deban tratarse nas sesións do Pleno.

e) Exerce-la xefatura do persoal ó seu cargo, así como propoñe-las reformas que supoñan unha mellora do funcionamento das dependencias e servicios.

f) Prepara-los expedientes para adquisición de material e realización de obras de mellora e mantemento do servicio.

g) Propoñerlle ó presidente do consorcio os pagamentos que deben de realizarse.

h) Propoñer e tramita-la contratación, destino, ascensos, excedencias, xubilacións, permisos e baixas do persoal do consorcio, segundo as disposicións legais vixentes.

i) Elabora-las estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servicios ó seu cargo, propoñendo as modificacións dirixidas a unha maior eficacia do servicio.

j) Asistir ás sesións do Pleno con voz e sen voto.

k) As demais funcións que o Pleno lle encomende.

Artigo 15º.-Secretario.

O secretario do Pleno será un funcionario do concello onde radique a sede do consorcio, co título de licenciado en dereito.

As súas funcións serán:

a) Asistir ás reunións do Pleno con voz, citando os compoñentes por orde do presidente e comunicando a orde do día.

b) Formalizar e cumpri-los acordos adoptados nas sesións, así como levantar acta deles.

c) Asesorar e asistir xuridicamente o Pleno.

Capítulo III

Réxime funcional

Artigo 16º

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez cada dous meses.

2. Realizarase sesión extraordinaria por petición do presidente cando o considere oportuno ou por petición dun tercio dos membros do Pleno.

Artigo 17º

1. O presidente convocará as sesións cunha antelación mínima de 5 días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros, que nunca poderá ser inferior a tres. Este quórum deberase manter durante toda a sesión.

En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou dos que legalmente os substitúan.

Artigo 18º

1. Os acordos do Pleno adoptaranse, como regra xeral, por maioría simple dos membros presentes, agás nos supostos recollidos nos puntos 2 e 3 do artigo 215 da Lei 5/1997.

2. Cada representante do Pleno terá un voto.

Capítulo IV

Do persoal

Artigo 19º

O persoal ó servicio do consorcio estará integrado por:

a) O persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento.

b) O persoal que, tendo a titulación axeitada, atenda as funcións de: asesoramento legal, fe pública, control e fiscalización interna, económica e orzamentaria, contabilidade e tesourería e administración en xeral.

Artigo 20º

A División ou Unidade Operativa de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento estará composta polo xerente, que será o xefe de servicio que realizará as funcións técnicas que lle son propias, así como as de dirección do resto do persoal; a escala operativa poderá estar formada por xefes de quenda, xefes de saída e bombeiros.

Artigo 21º

1. O persoal do consorcio terá carácter de funcionario ou laboral en atención ás funcións que desenvolvan.

2. As funcións deste persoal serán as que se determinan nas normas de réxime interior do consorcio.

Artigo 22º

O consorcio aprobará o seu propio cadro de persoal, de acordo co previsto, e acordará a súa provisión polos sistemas legais establecidos.

Capítulo V

Réxime económico e financeiro

Artigo 23º

Para o cumprimento dos seus fins, o consorcio disporá dos seguintes recursos:

a) As achegas por parte dos entes asociados.

b) Os créditos que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e da Deputación Provincial de Ourense.

c) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

d) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

e) Ingresos de dereito privado.

f) Calquera outro recurso que puidese serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

g) O producto de operacións de crédito.

Artigo 24º

1. As contribucións de cada ente consorciado ó orzamento ordinario de ingresos do consorcio para cada ano efectuaranse da forma seguinte:

-A Comunidade Autónoma de Galicia achegará o 50% da cantidade do total orzamento do consorcio.

-A Deputación Provincial de Ourense achegará o 30% da cantidade do total orzamento do consorcio.

-Os concellos consorciados contribuirán co equivalente ó 20% do dito orzamento, segundo a distribución que figura no anexo II de ratios e criterios de achega de ingresos destes estatutos.

2. O orzamento de ingresos do consorcio para cada exercicio económico será aprobado polo seu Pleno.

Artigo 25º

1. Cada ente consorciado obrígase a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atende-las súas obrigas económicas relativas ó consorcio.

2. Unha parte da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase por anticipado cada dous meses, na Tesourería do consorcio.

Artigo 26º

Os entes consorciados poderán cederlle medios materiais ó consorcio. Os medios cedidos seguirán sendo propiedade do ente que fai a achega, ó que revertirán en caso de separación ou disolución do consorcio. No caso de que se constrúa un novo parque de contra incendios e salvamento para o consorcio, os concellos consorciados están obrigados a achega-los medios tendentes para tal finalidade.

Artigo 27º

O orzamento do consorcio apróbao o Pleno.

Este orzamento será elevado ós entes consorciados para o seu coñecemento.

Capítulo VI

Réxime xurídico

Artigo 28º

A actuación do consorcio rexerase polo establecido nos presentes estatutos, nos regulamentos de organización e réxime interior, os que se supeditarán ó ordenamento xurídico vixente.

Ó non establecido nas disposicións anteriores aplicaranse as leis reguladoras da Administración institucional e de función pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29º

A tódalas actuacións do consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Lei 7/1985, de bases do réxime local e o Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, e a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas. A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 30º

1. As modificacións estatutarias, así como as altas e baixas dos concellos integrantes do ente local consorciado, seguirán o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997.

Nos dous casos, e previamente, procederase á liquidación dos compromisos e obrigas, así como das posibles responsabilidades a que houbese lugar.

A separación requirirá os seguintes requisitos:

a) Que transcorresen 5 (cinco) anos desde a incorporación do dito ente ó consorcio.

b) Ser solicitada a separación con 1 (un) ano de aviso previo.

c) Que sexa aprobada a separación en acordo plenario do ente.

Artigo 31º

1. Calquera que sexa o momento no que se adopte o acordo de incorporación ó consorcio dun novo ente, non producirá efectos ata a aprobación do orzamento ordinario do seguinte exercicio económico do consorcio.

2. No caso de que unha entidade das que integran o consorcio decida unilateralmente separarse del, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo.

Artigo 32º

1. Para a modificación dos estatutos do consorcio local así como para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. En caso de disolución do consorcio practicarase liquidación de tódolos seus bens e dereitos e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do consorcio, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ó consorcio.

Artigo 33º

O consorcio facilitaralles ós entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Pleno poderá dictar cantas disposicións complementarias sexan necesarias para o desenvolvemento dos presentes estatutos.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Relación de concellos que integran a comarca de Valdeorras

O Barco de Valdeorras

O Bolo

Carballeda de Valdeorras

Larouco

Petín

A Rúa

Rubiá

A Veiga

Vilamartín de Valdeorras

ANEXO II

Ratios e criterios de achega dos concellos consorciados (20%)

A Rúa50%

O Barco de Valdeorras22,22%

O Bolo3,33%

Carballeda de Valdeorras4,445%

Larouco2,78%

Petín3,89%

Rubiá4,445%

A Veiga3,33%

Vilamartín de Valdeorras5,56%

Este reparto ten en conta o número de habitantes e a distancia dos concellos ó edificio do parque, agás no caso da Rúa, polo compromiso adquirido para a localización do parque, que é sempre do 50% da parte correspondente dos concellos.